Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Domingo, 4 de marzo de 2018
GALICIA

Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual con 23.717 parados menos

Guardar en Mis Noticias.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou esta semana os datos do paro rexistrado que reflicten que a Comunidade galega segue consolidando a súa recuperación e unha mellora na calidade do mercado laboral.

Galicia pechou o mes de febreiro con 23.717 parados menos con respecto a hai un ano (-11,19%), o que supón a maior baixada de toda a serie histórica, desde o ano 1996, posicionando á Comunidade galega como a segunda na que máis cae o desemprego. Ademais, na evolución mensual rexistrouse a maior caída desde o inicio da crise económica nun mes de febreiro, con 1.679 desempregados menos.

 

Estes datos, tal e como valorou esta semana a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, indican que o mercado de traballo galego segue consolidando a súa recuperación, ao tempo que apuntou que as cifras tamén reflicten unha mellora na calidade do emprego.

 

Toca indicou que a Comunidade galega leva experimentando 5 anos consecutivos nos que o desemprego descende, un período no que algo máis de 1 de cada 3 galegos abandonaron as listas do paro. Isto sitúa a Galicia a un nivel “moi inferior” ao de hai 9 anos. Ademais, Galicia supera ao Estado en case catro puntos no ritmo de descenso do desemprego.  

 

 

 

 

A Comunidade galega segue creando emprego con 24.926 afiliacións máis que hai un ano, a maior subida desde o inicio da crise

 

 

 

 

A Comunidade galega, así mesmo, continua creando máis postos de traballo. As afiliacións á Seguridade Social seguen crecendo na evolución anual, nun 2,61%, o que supón 24.926 novas afiliacións, sendo a maior subida desde o inicio da crise económica. Son xa case 4 anos, desde abril de 2014, cunha evolución positiva neste eido. Con respecto ao mes pasado, as afiliacións tamén crecen superando, ademais, o ritmo de incremento do Estado.

 

En canto á calidade do mercado de traballo, reflíctese, en palabras de Toca, “unha clara recuperación no último ano” ao medrar a contratación indefinida nun 15,86%, superando en máis de 5 puntos o ritmo de subida da temporal. Na actualidade, 3 de cada 4 contratos en Galicia son indefinidos. Ademais, o crecemento é superior ao experimentado no Estado, no que as contratacións indefinidas subiron un 15,37%. A tempo completo a contratación tamén subiu, nun 13,75% con 5.218 contratos novos.

 

Camiño da igualdade
A secretaria xeral de Emprego tamén valorou o descenso rexistrado nos colectivos que atopan máis dificultades para atopar un traballo como é o caso das mulleres. Febreiro acabou con 9.554 mulleres menos no paro, un descenso do 8,26%, o que supón, segundo Toca, que “Galicia avanza en igualdade”. Neste senso, lembrou que os últimos datos de EPA sinalan que a Comunidade conta cunha taxa de emprego feminino que é a maior desde 2002 (de toda a serie histórica da EPA) e que desde o inicio da crise, a fenda salarial diminuíu en máis de 3 puntos, rexistrando unha desviación de xénero inferior á do conxunto do Estado.

 

 

 

 

O mes de febreiro pechouse cunha baixada do 11,19% con respecto a hai un ano, a maior caída de toda a serie histórica, situándose o paro a niveis de hai 9 anos

 

 

 

 

Así, afirmou que a Xunta continúa apostando por políticas activas de emprego que favorezan aos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como son as mulleres. Neste senso, recordou que as axudas no eido laboral da Administración autonómica incentivan cun 25% máis ás mulleres, e que o Goberno galego está impulsando o papel da muller no mercado laboral a través de Emprega en feminino, unha planificación coa que se busca de ata 2020 aumentar a taxa de emprego feminino en dous puntos e chegar ao 75% das mulleres asalariadas con contrato indefinido.

 

Outros datos que reflicten que o emprego feminino avanza en Galicia é o incremento das mulleres emprendedoras, xa que no último ano as empresarias con asalariados ao seu cargo aumentaron nun 10,60%, o que posiciona a Galicia como a quinta Comunidade con maior ritmo de crecemento neste ámbito. Así mesmo, puxo en valor a creación de máis postos de traballo de alta cualificación entre as mulleres.

 

Provincias e sectores
Por último, apuntou que o paro rexistrado tamén baixou na evolución anual nas catro provincias e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores liderando o descenso a construción (-23,26%), seguido da industria (-15,09%) e da agricultura e a pesca(-13,06%). Con respecto ás cifras provinciais, Lugo lidera a caída do desemprego cun -14,07%; seguida de Ourense cun -13,86%; de Pontevedra cun -11,54%; e da Coruña que pechou febreiro cunha baixada do -9,32%.

 

O desemprego tamén caeu nos menores de 30 anos (-11,94%) e nos parados de longa duración (-10,36%), o que supón que algo máis de 4 de cada 10 desempregados que saíron do paro no último ano pertencían a este colectivo.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados