Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 6 de marzo de 2018
CULTURA

A comedia drámática A leituga leva ao teatro a problemática da familia e dos coidados

Guardar en Mis Noticias.

Antonio Durán 'Morris', Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez forman o elenco desta montaxe teatral de Emedous dirixida por Víctor Duplá.

 [Img #39466]

 

O impacto dos coidados nas relacións familiares chega esta primavera aos escenarios con A leituga, a última comedia dramática da produtora teatral Emedous. Antonio Durán Morris, Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez conforman o elenco de luxo que -baixo a dirección de Víctor Duplá- dará vida a esta singular familia en cuxa historia se agocha a de todas as familias. O equipo avanza hoxe un primeiro vídeo promocional mentres continúan cos ensaios en Compostela. 

 



A obra estrearase o venres 6 de abril ás 20h30 no Teatro Rosalía Castro da Coruña e, despois de repetir ao día seguinte na cidade herculina, viaxará nos meses de abril e maio ao Auditorio Municipal de Ourense (11 de abril), Auditorio García Márquez en Mera-Oleiros (21 de abril) e ao Pazo da Cultura de Narón (4 e 5 de maio). E á volta do verán xa están confirmadas as datas en Vimianzo (6 de outubro), Vilagarcía (13 de outubro), Vigo (19 e 20 de outubro), Serra de Outes (27 de outubro) e As Pontes (16 de novembro), aínda que a contratación permanece aberta.

 

 

 

 

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá a estrea os días 6 e 7 de abril. A xira continuará en Ourense, Oleiros, Narón, Vimianzo, Vilagarcía, Vigo, Serra de Outes e As Pontes

 

 

 

 


A leituga aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento das nosas vidas: como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte? Deste xeito, a montaxe dirixida por Duplá achegaranos unha reflexión teatral ao respecto dos coidados e as relacións familiares a través de cinco personaxes que se han mover entre a esperanza e a aceptación, o sacrificio e a culpa, a moral e a ética, o afecto e o rancor. Así, A Leituga, tal e como indica o seu director, Víctor Duplá, afonda nos temas da dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, ao tempo que se fura nas relacións familiares, nos vínculos e as lealdades dentro das familias. A leituga transita deste modo entre a comedia e o drama, polo que público observará entre o riso e a reflexión as repercusións dos coidados nas relacións entre pais e fillos, parellas e irmáns e de que xeito poden chegar as saltar as fráxiles costuras dos afectos familiares nunha  situación de reparto dos coidados. 



Emedous leva a escena un texto do autor venezolano César Sierra, autor e director caraqueño que se iniciou na escrita dramática e na dirección en 1984. Dende aquela, dirixiu máis de trinta obras en países como Venezuela, Estados Unidos, Arxentina ou España. A leituga estreouse en Nova York, Miami ou Santiago de Chile para agora chegar a Galicia da man de Emedous, coa dirección de Víctor Duplá e un elenco ben coñecido para os espectadores galegos, tanto para o público da escena coma para o do audiovisual.

 

Sinopse
Cinco familiares, tres irmáns e as parellas de dous deles, reúnense na casa da irmá maior, Virxinia (Mercedes Castro) e o seu marido, Héctor (Antonio Durán Morris), para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en estado de coma desde fai nove anos. O que de primeiras semella unha sinxela celebración, convértese nunha encarnizada poxa por ver quen se responsabiliza dos coidados do pai entre Virxinia e os seus irmáns Vinicio (Xosé Barato), Víctor (Federico Pérez) e a muller deste último, Dora (María Vázquez)

 

Ficha técnica
Autor: Cesar Sierra
Tradutor: José Luis López Roca
Elenco: Xose Barato, Mercedes Castro, Antonio Duran ‘Morris’, Federico Pérez, María Vázquez.
Director: Victor Duplá
Axudante de dirección: Tamara Canosa
Escenografía e iluminación: José Manuel Faro 'Coti'
Música Orixinal: Anxo Graña
Vestiario: Uxía Vaello
Deseño gráfico: Roi Fernández-LeGráfica
Fotografía e vídeo: Lucía Estévez
Comunicación: Sonia Díaz - NóComún
Produción Executiva: Cecilia Carballido
Unha produción de Eme2

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados