Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 9 de marzo de 2018
PROVINCIA

Carmela Silva fai balance do #8M: “sinto unha profunda alegría, estou nunha resaca emocional"

Guardar en Mis Noticias.

A Presidenta da Deputación felicitou “a todas as mulleres da provincia de Pontevedra, é un éxito exclusivamente voso. Nada pode volver a ser igual”.

[Img #39581]

 

“Sinto unha profunda emoción e alegría. Síntome nunha resaca emocional por todo o que aconteceu onte”. Esas son as palabras que empregou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para facer balance da folga feminista do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A Presidenta provincial asegurou que “hoxe a vida continúa e xa non estamos en folga, pero desde o Goberno desta institución seguimos moi activas e activos reclamando a Igualdade”.

 

Carmela Silva lembrou que “este é un éxito exclusivamente das mulleres” e por iso felicitou “a todas as mulleres da provincia de Pontevedra polo seu poder”. A Presidenta amosouse rotunda, por unha banda, ao asegurar que “onte as mulleres demostraron que cando están xuntas non hai quen as pare”. E, pola outra banda, tamén rotundidade ao definir as distintas concentracións e a folga como “un éxito rotundo e extraordinario que marcará un antes e un despois na loita pola igualdade”. Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque “non houbo un só concello na provincia de Pontevedra no que non houbera concentracións de mulleres”, un feito que a fai sentir, dixo, “feliz e agradecidísima”.

 

A Presidenta provincial volveu incidir no protagonismo das mulleres e asegurou que “ningún cargo político, sexa da cor que sexa, debería intentar que ese éxito fora seu, porque non é certo”. Pola contra, Carmela Silva valorou especialmente o paro das mulleres xornalistas “porque se fixeron visibles, tiveron unha presenza propia que me provocou unha grande emoción ao velas e por iso lles dou os meus parabéns a todas”. Por todas estas razóns, asegurou, “onte comezou algo que vai durar durante moito tempo e que obrigará a que todas as administracións aproben leis que rachen dunha vez por todas coas discriminacións que padecemos as mulleres”.


Carmela Silva valora as iniciativas da Deputación de Pontevedra ao abeiro do 8-M
Onte as redes sociais da Deputación de Pontevedra unicamente informaron sobre contidos relacionados coa folga de mulleres no ámbito provincial. A Presidenta da institución provincial fixo balance da repercusión que acadou a retransmisión en directo da lectura do manifesto “Cubrir o planeta coa palabra igualdade”, escrito pola propia Carmela Silva: un total de 4.000 impresións e preto de 750 visualizacións, “nunca antes unha retransmisión en Periscope da Deputación de Pontevedra tivera tanta repercusión en menos de 24 horas”.

 

 

 

 

Silva sinalou a repercusión de “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, con 21 millóns de impactos en Twitter, e a relevancia mediática de “Rompe. Xoga en Igualdade”

 

 

 

 

Os actos organizados pola Deputación ao abeiro do 8-M comezaron xa a semana pasada e Carmela Silva sinalou que “entre todas e todos estamos a converter a provincia de Pontevedra nun referente de loita pola igualdade. No Goberno provincial non o facemos para colocarnos medallas, senón porque é a nosa obriga e queremos que no noso territorio todas e todos teñamos os mesmos dereitos”.

 

O inicio das accións marcouno o encontro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”. Estas dúas xornadas “foron unha revolución en Twitter, escribíronse milleiros e milleiros de chíos que nos permitiron acadar unha repercusión espectacular: un total de 21 millóns de impactos en Twitter”, informou Carmela Silva. Do mesmo xeito, a conta da Deputación de Pontevedra tivo un 420% máis de visualizacións que os mesmos días da semana anterior e o hashtag #MulleresQueOpinan foi trending topic “durante preto de 11 horas e colocouse no quinto posto dos temas máis comentados durante a maior parte da tarde do venres”. Carmela Silva agradeceu “ás xornalistas que tiveron esta idea e a todas as que participaron, de todo o Estado, para facer de novo ás mulleres xornalistas as protagonistas”. Por iso, dixo a Presidenta provincial, “estou segura de que a partir de onte comezaremos a ver máis mulleres dirixindo e con protagonismo nos espazos de opinión. Como se podería explicar que iso non fose así?”.

 

Tamén tivo palabras Carmela Silva para a mostra “Rompe. Xoga en Igualdade”, da que asegurou sentirse “moi orgullosa” ao anunciar que “está a ter moita presenza nos medios, non só os da provincia e de Galicia, senón tamén a nivel estatal”. De feito, informou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, “o xornal ‘Público’ levouno onte á súa páxina de portada e, hoxe, a páxina 21 de ‘El País’ comeza falando das Barbies desta mostra nun artigo chamado El futuro empezó ayer escrito por Manuel Jabois”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados