Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 1 de mayo de 2018
OPINION

CCOO e UGT: Mellor emprego, maiores salarios pensións dignas e máis igualdade

Guardar en Mis Noticias.

Neste Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, CCOO e UGT animamos as traballadoras e traballadores a participaren na loita contra a crecente precariedade e desigualdade laboral, agravadas polos anos de crise económica, polas reformas laborais e polas políticas de austeridade impostas polos sucesivos gobernos desde o 2008.

 

A economía galega leva catro anos crecendo, un 3,1 % no 2017, e as previsións son dun 2,5 % para o 2018. Xa hai máis empresas con beneficios ca antes da crise e os dividendos repartidos están en máximos. Pero a desigualdade e a pobreza acadan niveis moi superiores aos que había antes da crise. A pobreza cronificouse: 67.500 fogares teñen todos os seus membros activos en paro e 34.700 persoas carecen de ingresos. O emprego crece, pero á custa de maior precariedade, pois segue aumentando o número de persoas en risco de pobreza.

 

AS POLÍTICAS ECONÓMICAS SEGUEN XERANDO PRECARIEDADE E DESIGUALDADE

A desvalorización salarial e a precarización das condicións de traballo, promovidas pola reforma laboral, fomentan unha recuperación baseada nunha repartición desigual da riqueza e un modelo de crecemento asentado en actividades pouco produtivas. Hoxe en día:

 

  • Nove de cada dez contratos son temporais e a súa duración media é cada vez menor: case a cuarta parte deles duran menos dunha semana.

  • A rotación laboral, tanto entre o emprego temporal como entre o indefinido, aumentou coa crise e acelerouse tras a reforma laboral de 2012.

  • A contratación a tempo parcial, na maioría dos casos involuntaria, gañou peso nestes últimos anos. Ademais, o 77 % do emprego a tempo parcial está ocupado por mulleres e constitúe un dos factores da brecha salarial de xénero.

  • As mulleres deixaron de percibir, por un traballo igual ou de igual valor, case 5000 euros ao ano.

  • Baixa o paro, pero a cifra de persoas desempregadas continúa sendo moi alta (máis 3,7 millóns en España e máis de 180.000 en Galicia). O paro de longa duración (máis dun ano sen emprego) afecta o 47,5 % das persoas desempregadas.

  • Os niveis de protección contra o desemprego seguen en mínimos: o 53,7 % das persoas desempregadas con experiencia laboral carecen de cobertura.

  • Aumentou a sinistralidade laboral. Durante os últimos cinco anos, faleceron case trescentas traballadoras e traballadores en accidente de traballo e existe unha gran cantidade de enfermidades de orixe profesional non declaradas como tal.

  • A organización empresarial transfórmase para maximizar o beneficio á conta dos dereitos laborais: desde a expansión das empresas multiservizos con salarios mínimos e máxima precariedade contractual, ata o recente fenómeno das plataformas dixitais que empregan falsos autónomos.

 

Están a implantarse fórmulas abusivas de organizar o tempo de traballo con total discrecionalidade empresarial e con alongamentos de xornada que nin se retribúen nin se compensan.

 

A PATRONAL RESÍSTESE A QUE OS SALARIOS RECUPEREN PODER ADQUISITIVO

A negociación colectiva atópase constrinxida polas medidas regresivas adoptadas polas reformas laborais e pola actitude de patronais e empresas, que se resisten a reverter nas traballadoras e traballadores os efectos positivos do crecemento da economía.

 

UGT e CCOO afirmamos que é de xustiza que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivos dos prezos dos produtos de consumo. Tamén esiximos o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

 

Propómonos lanzar unha crecente mobilización laboral e social que obrigue tanto as patronais como o Goberno (e os grupos parlamentarios que o apoian) a abordar as reformas necesarias en materia de negociación colectiva e de emprego de calidade.

 

O recente acordo asinado no ámbito do emprego público é un exemplo de recuperación salarial e da estabilidade do emprego, que haberá que seguir desenvolvendo noutros niveis de negociación coas Administracións e organismos públicos.

 

CCOO e UGT consideramos imprescindible recuperar o papel central dos convenios sectoriais estatais, así como derrogar os aspectos regresivos das reformas laborais. Esiximos tamén a derrogación da lei mordaza e a absolución dos case trescentos sindicalistas que seguen procesados ou condenados simplemente por manifestarse ou participar nun piquete informativo.

 

O GOBERNO, MÁIS PENDENTE DE XESTOS QUE DE CONSOLIDAR DEREITOS

UGT e CCOO consideramos que os Orzamentos Xerais do Estado para 2018, cos que o Goberno se esforza en dar unha aparencia social, profundan nas mesmas políticas regresivas, non contribúen a repartir a riqueza nin apostan polo cambio produtivo.

 

A garantía do estado do benestar para toda a cidadanía precisa dun sistema fiscal xusto e suficiente, no canto de recorrer sistematicamente ao anuncio demagóxico de rebaixas fiscais que nada solucionan e que terminan por beneficiar os que máis teñen.

 

As medidas incluídas en relación coas pensións son insuficientes e non corrixen os efectos negativos da reforma das pensións de 2013, imposta polo PP grazas á súa maioría parlamentaria. A amplitude e constancia da mobilización social en defensa das pensións fixo que o Goberno teña que modificar as súas formulacións iniciais. Con todo, continuaremos coas mobilizacións.

 

CCOO e UGT esiximos a posta en marcha inmediata da prestación de ingresos mínimos, avalada por máis de 700.000 sinaturas. Estase a tramitar no Parlamento, onde o PP e C’s a manteñen bloqueada

 

desde hai máis dun ano. Urxe tamén instaurar un sistema público de servizos sociais como o cuarto alicerce do estado do benestar e reformar o sistema de prestacións por desemprego para garantir unha cobertura xeral e cunha prestación digna.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados