Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 16 de mayo de 2018
DEPORTES

Mañá celebrarase en Vigo o Día do Balonmán na Rúa con máis de 2.000 participantes

Guardar en Mis Noticias.

O trofeo do Europeo de Croacia estará exposto e dispoñible para facerse fotos con el e nun póster cos Hispanos.

[Img #41364]

 

Mañá 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase en Vigo a undécima edición do Día do Balonmán na Rúa, que é a festa de clausura das Escolas Deportivas da Federación Galega de Balonmán e a Deputación provincial de Pontevedra da tempada 2017/18. Na edición deste ano hai máis de 160 equipos inscritos, disputaranse máis de 330 partidos e participarán uns 2.000 nenos e nenas das diferentes escolas deportivas e clubs da provincia. Ademais este ano as e os participantes, así como todos aqueles que se acheguen ata a zona de ocio do Balonmán na Rúa, terán a posibilidade de facerse fotos co trofeo de campión do Europeo sénior, acadado pola selección española hai uns meses en Croacia.

 

Durante a xornada lúdico-deportiva, que comezará ás 10:00 horas, os rapaces (de idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos) disputaranse máis de 330 partidos das categorías prebenxamín, benxamín, alevín mixto e infantil masculino e feminino nos 11 campos dispostos ao longo da rúa Arenal. Ao finalizar a competición (18:00 horas, aproximadamente) celebrarase o acto de clausura no que se procederá á entrega dunha medalla conmemorativa a todas e todos os xogadores participantes no Balonmán na Rúa.

 

O Día de Balonmán na Rúa é o broche de ouro ás Escolas Deportivas da Deputación Provincial, que se celebran entre os meses de outubro e maio. Dende hai once anos a Federación Galega de Balonmán conta co patrocinio da Deputación para a celebración destas escolas, que achegan o balonmán aos máis pequenos.

 

Europeo de Croacia. Con motivo do histórico ouro logrado polos Hispanos no pasado Campionato de Europa de Croacia, a Real Federación Española de Balonmán presentou no mes de abril un magnífico RoadShow, que permite achegar o trofeo acadado en terras croatas a todos os afeccionados ao balonmán español.

 

Os nenos e nenas (e tamén maiores) poderán facerse fotos co trofeo continental, así como ocupar o lugar de Raúl Entrerríos nunha imaxe de tres metros de largo do podio, alzando o trofeo xunto a todos os xogadores e corpo técnico. Esta exposición é itinerante e xa estivo no Ejido (Campionato de Andalucía de Clubs categoría cadete) e en Madrid, coincidindo coa Copa do Rei.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados