Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 25 de mayo de 2018
MONDARIZ

O BNG propón a creación dun Plan Municipal de Vivenda para Mondariz

Guardar en Mis Noticias.

O Bloque propón unha batería de medidas dirixidas a frear a caída demográfica que padece a localidade nos últimos anos.

O BNG defenderá unha iniciativa no pleno do vindeiro sábado na que demanda do goberno municipal de Mondariz a presentación dun Plan Municipal de Vivendas Baleiras “ante a alarmante situación demográfica que padece a localidade”, segundo sinala o concelleiro nacionalista Chiqui Bernárdez. Para o Bloque, este plan debe contemplar “unha batería de medidas encamiñadas a frear a sangría demográfica da localidade e a establecer poboación, aproveitando o gran número de vivendas baleiras existentes, tanto nas parroquias como no centro da vila”.


Entre as medidas propostas na iniciativa do BNG, destaca a creación dun censo de casas e vivendas baleiras en Mondariz e a aprobación plenaria dun Programa Municipal de Recuperación de Vivendas Baleiras que subvencione a rehabilitación destinada a vivenda habitual na localidade, especialmente dirixido á mocidade que aposte por iniciar o seu proxecto de vida en Mondariz.


Do mesmo xeito, o grupo nacionalista demanda “a creación dunha bolsa de vivendas en aluguer a prezo taxado, co obxectivo de asentar novas familias na localidade”. Así mesmo, dende o BNG solicitarán “a creación dun convenio de colaboración coas entidades financeiras, propietarias dos pisos baleiros no centro da vila de Mondariz, co obxectivo de poñer no mercado vivenda en aluguer a prezos asumibles, desbloqueando a actual situación con bloques de edificios pechados dende hai mais de dez anos”. “Todas estas propostas deberán de complementarse cun paquete de medidas fiscais, encamiñadas a reforzar e complementar as accións citadas anteriormente”, sinala Chiqui Bernárdez.


O concelleiro do BNG manifesta que “unha iniciativa destas características precisa da implicación de todos os axentes sociais e de toda a sociedade en xeral, para posteriormente chegar a unha aprobación definitiva por parte da corporación municipal”. Bernárdez conclúe que “as políticas arredor da vivenda son, entre outros, un dos eixos fundamentais á hora de traballar para frear a caída demográfica”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados