Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Sábado, 26 de mayo de 2018
Tui

Constituido en Tui o Gabinete de Crise para coordinar e planificar as actuacións tras a traxedia de Paramos

Guardar en Mis Noticias.

O deputado Carlos Font revalidou o compromiso do Goberno de Carmela Silva “para seguir na liña de lealdade, colaboración e medios materiais, humanos e técnicos que Tui precise”

[Img #41651]

 

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra valorou hoxe positivamente a constitución este sábado do Gabinete de Crise, que a partir de agora encargarase de canalizar a planificación de todas as actuacións que as distintas administracións, local, provincial, autonómica e estatal, deben de desenvolver cara á traxedia que provocou a explosión pirotécnica no Lugar de Paramos, tal e como propuxo a presidenta provincial Carmela Silva o pasado venres en conversas co alcalde de Tui.

 

O deputado Carlos López Font, que asistiu á constitución do Gabinete esta mañá no Centro de Formación da vila xunto a representacións do Concello, Xunta de Galicia, grupos municipais de Tui, Forzas e Corpos da Seguridade do Estado e distintos servicios municipais, ofreceu novamente “toda a colaboración, lealdade e a plena disposición da institución provincial de cara ás necesidades das familias afectadas e ao concello tudense, como fixemos desde o primeiro día da catástrofe, cos medios materiais, humanos é técnicos que sigan a facer falta”. De feito, o deputado recibiu as mostras de agradecemento dos servicios sociais municipais pola decisión da Deputación de trasladar a parte do seu persoal a Tui para colaborar na atención ás persoas afectadas e o envío de tecnoloxía informática para establecer cobertura en toda a zona.

 

No Gabinete de Crise, que presidirá o alcalde de Tui e que se reunirá cada sábado no Centro de Formación para planificar o traballo “semana a semana”, Carlos Font uniuse á reclamación de que a administración do Estado tamén se incorpore ás reunións “xa que boa parte da actuacións e das axudas dependen do goberno central”. O deputado saudou o feito de que xa estea en marcha desde o Concello a adaptación en toda a comarca de vivendas provisionais para as persoas afectadas, e que xa empezaran a visitar varios pisos para realoxar as familias mentres dure o proceso de rehabilitación das súas casas. De feito, haberá un chamamento dirixido expresamente á poboación que dispoña de vivendas valeiras en Tui para que se poñan en contacto co Concello.

 

Entre as decisións tomadas, o Centro de Formación de Tui será o lugar de atención ás persoas afectadas e voluntarias; xa están habilitados un número de teléfono e un correo electrónico para calquera información; e será o centro desde o que se fará a coordinación co persoal de servicios sociais do Concello e da Deputación de Pontevedra onde xa están organizados os espazos de traballo.

 

Amais, o Concello de Tui fíxose eco da proposta da Deputación e xa contactou co Colexio de Arquitectos que mostrou a súa disposición a colaborar na zona. Igualmente crearase un gabinete urbanístico exclusivo para as persoas afectadas que lles preste asesoramento tanto técnico como xurídico, e por outro lado serán os servicios urbanísticos da Xunta os que terán que buscar fórmulas que axilicen os condicionantes legais para unha pronta rehabilitación das moitas vivendas que sufriron danos pola explosión.

 

Pola súa parte o informe das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que coordina todos os servizos de emerxencia despregados na zona cero, deixou claro que non se están a producir problemas de ningún tipo de posibles roubos o intrusos nas vivendas afectadas. O responsable asegurou que ata o momento non houbo ningunha incidencia ou denuncia neste tema. Os efectivos do Consorcio Contra Incendios, adscrito á Deputación de Pontevedra, seguen a traballar na zona e esta mesma mañá persoal do Parque do Porriño procederon a entrar nos restos de máis vivendas que resultaron danadas na catástrofe.

 

Finalmente o Gabinete de Crise valorará nos próximos días a conveniencia dunha petición ao Estado de Declaración de Zona Gravemente Afectada, caso que así o considere o informe que xa foi solicitado para ver se esa declaración axilizaría as axudas ás familias que sufriron as consecuencias da explosión.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados