Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 29 de mayo de 2018
CULTURA

Carmela Silva salienta a aposta pola igualdade e a sustentabilidade da nova edición do Portamérica, o primeiro #RíasBaixasFests deste verán

Guardar en Mis Noticias.

A Presidenta presentou o festival, que chega este ano a Caldas de Reis do 5 ao 7 de xullo, e no que a gastronomía das Rías Baixas volverá ter un papel fundamental.

[Img #41752]

 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá acompañada polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, unha nova edición do primeiro dos #RíasBaixasFests: o PortAmérica. O festival, que combina música, gastronomía e artesanía local e turismo familiar, chega un ano máis á carballeira de Caldas entre os días 5 e 7 de xullo no marco do Cultura Quente. Na presentación, a Presidenta tamén estivo acompañada polo director e o subdirector do Festival, Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, representantes de Repsol e de Estrella Galicia, Ana Ritter e Víctor Mantiñán, e o chef Pepe Solla.

 

A Presidenta provincial valorou moi positivamente “o apoio do PortAmérica á sustentabilidade, xa que non hai futuro se non apoiamos nin melloramos a nosa contorna e o medio ambiente”, e tamén “a súa aposta pola igualdade”. Neste sentido, Carmela Silva asegurou que “o século XXI vai ser o século das mulleres e a xente intelixente, por convicción e por principios, non pode quedar allea ao 52% da poboación. Quen non conte connosco vaino pasar moi mal”, asegurou. A Presidenta referiuse a iniciativas do PortAmérica como a que contará cun espazo para a reflexión e o diálogo en relación á igualdade de xénero, ou a inclusión de persoal con chalecos violetas que actuará ante calquera posible incidencia.

 

Ademais, como sinalaron os directores de PortAmérica, Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez, “por cada entrada vendida imos plantar unha árbore autóctona nun monte de Caldas de Reis e permitiremos que esas persoas veñan connosco a rexenerar o monte que tanto sufriu especialmente o outono pasado”. O equipo director tamén avanzou que se rodará un documental sobre a montaxe e desenvolvemento da parte gastronómica, “que é o que nos diferencia”, e tamén adiantou que “moi pronto poderemos anunciar que imos traspasar as fronteiras e celebrar unha edición en América do Sur”. Carmela Silva celebrou a unión entre os dous territorios, que forma parte da esencia de PortAmérica, sinalando que “Galicia é a porta a América e de aí o nome do festival. A nosa historia está ligada intimamente a esa América que nos abriu os brazos cando as dificultades económicas e políticas tan terribles fixeron que nos tiveramos que marchar. Temos moitas cousas que contar xuntas e xuntos”.

 

PortAmérica será o primeiro dos #RíasBaixasFests en celebrarse este verán e, para celebralo, Carmela Silva deu “o pistoletazo de saída a un circuíto participativo, que é fundamental no século XXI, protagonizado pola nosa intelixencia cultural, a nosa industria musical e un tipo de turismo de experiencia con excelencia e emoción”. PortAmérica se transformará, asegurou, nun “espazo cuxo único obxectivo é que sexamos felices” sendo “festa, convivencia, sociabilidade e alegría”. Na mesma liña, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, asegurou que “o día máis feliz do ano sempre é a presentación do festival”, que asegurou que “contribúe a singularizar a nosa vila” e que, fronte a outros produtos que o poderían facer, “é PortAmérica quen lle saca brillo, lustre e esplendor”, non só no aspecto económico senón “polo retorno cultural que nos transmite” unha cita que, asegurou, “supera enormemente as dimensións dunha vila pequena como a nosa”. Carmela Silva valorou que “PortAmérica é un espazo no que se respira felicidade, unha proba do noso talento, da xente que arrisca, que é valente e ten ideas sumando sinerxías”.

 

Un dos elementos diferenciadores do PortAmérica será de novo o “ShowRocking”, escollido como mellor zona de restauración dun festival a nivel estatal en 2015 e 2017 e que contará esta edición, baixo o comisariado de Pepe Solla, con máis de 30 nomes que suman un total de 30 Soles Repsol. A Presidenta Carmela Silva sinalou que un dos atractivos do noso destino son “os nosos produtos, os mellores do mundo” e por iso “a zona de restauración merecería ser premiada todos os anos”. Entre o catálogo inicial de nomes que estarán no “ShowRocking” atópanse os chefs de #PontevedraProvincia Pepe Solla, Javier Olleros, Yayo Daporta, Diego López, Antonio Botana, Iñaki Bretal e Pablo Romero. O chef Pepe Solla asegurou que “co cambio a Caldas demos un salto incrible e imos introducindo cada ano nomes moito máis potentes”. Pepe Solla tamén anunciou que, xunto coa zona de restauración, desenvolveranse “uns pequenos debates abertos nos que participarán persoas relacionadas directa ou indirectamente coa cociña, baixo o nome de ‘Conversas’”, que se poderán seguir por streaming en directo.

 

No cartel musical do PortAmérica 2018 resaltan grandes nomes como os de Vetusta Morla, Imelda May, Izal, Xoel López, Pussy Riot, La Pegatina, Miranda! ou El Columpio Asesino, entre moitos outros. As entradas para o recinto están xa á venda, así como as da zona de acampada e as reservas dos autobuses gratuítos que conectarán diversas localidades galegas co recinto (na provincia de Pontevedra haberá saídas desde Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Sanxenxo e Portonovo, Catoira, Bueu, Cambados e Cangas).

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados