Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 1 de junio de 2018
MOS

Arévalo ficha ao celeste natural de Mos, Brais Méndez, coma pregoeiro das Festas da Rosa 2018

Guardar en Mis Noticias.

O centrocampista do Real Club Celta presentou hoxe xunto coa alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a programación festiva que se prolongará durante todo o mes de xuño.

[Img #41799]

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o pregoeiro deste ano, o futbolista mosense do Real Club Celta, Brais Méndez, presentaron esta semana a programación cultural e deportiva das Festas da Rosa 2018.

 

O programa de actos comezará esta mesma fin de semana e prolongarase durante todo o mes de xuño para rematar o día 1 de xullo. Un mes de actividades lúdicas, festivas e deportivas para todos os públicos, no que o día grande será, como tódolos anos, o 13 de xuño, festivo local.

 

As Festas da Rosa 2018 arrancarán esta mesma fin de semana, o sábado 2  de xuño, co III Trofeo de Patinaxe “Rosaleira-Vila de Mos” a partir das 16.30 horas da tarde no Pavillón Óscar Pereiro. O Trofeo Rosaleira continuará o domingo 3 de xuño ao longo de todo o día, a partir das 10.00 horas e tamén o domingo celebrarase o II Festival Abrente Folk no auditorio do Centro Dotacional de Torroso ás 18.00 horas.

 

O venres 8 de xuño o chef Iván Méndez Álvarez presentará ás 20.00 horas no auditorio exterior do Pazo de Mos o seu Show Cooking ‘Un Chef no Rural’.

 

O sábado 9 de xuño as usuarias do Centro Ocupacional de EVD Galicia de Petelos presentarán o seu proxecto para a Aldea Alfacuca en Louredo. O acto de presentación celebrarase na propia Alfacuca ás 12.00 horas.

 

Tamén o sábado 9 de xuño terá lugar o X Trofeo de Fútbol Memorial Juan Estévez “Nené” a partir das 18.00 horas no Campo de Fútbol de Cototorrón.

 

E continuando coas actividades programadas para o día 9, o auditorio do Centro Dotacional de Torroso acollerá o concerto “Un Verso un Cantar” a cargo de Andrea Pousa e coa colaboración do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade de Mos. Tratarase dun acto sobre a emigración mosense no que terá especial protagonismo o Centenario da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires que se celebra este ano.

 

O domingo 10  de xuño celebrarase o Festival de Bandas de Música tamén no Centro Dotacional de Torroso ás 17.30 horas. E tamén a Marcha BTT Concello de Mos, con saída ás 09.30 horas da mañá do Pavillón Óscar Pereiro.

 

O mercores  día 13 de xuño celebrarase o día grande da Rosa na Praza do Concello, coa exposición e apertura do concurso de rosais a partir das 10.00 horas e ata ás 11.00 horas, momento no que dará comezo a Misa Solemne seguida, ás 12.00 horas, do Pregón a cargo do xogador mosense do Celta, Brais Méndez. Ás 12.30 horas chegará o veredicto dos concurso de rosas, concurso de empanadas de pan de millo e concurso infantil  “Que significa o Celta para ti”. Ás 13.00 horas haberá unha actuación de Xulio Lorenzo & Banda e o fin de festa farase coa exaltación da empanada de pan millo a cargo de Mulleres Rurais.

 

O venres 15 de xuño a urbanización de San Eleuterio acollerá unha sesión de cine ao aire libre ás 21.30 horas. O sábado 16 de xuño celebrarase en Costoias-Tameiga a XI Xuntanza de Palilleir@s a partir das 11.00 horas da mañá e ao longo de todo o día, organizada pola Asociación de Palilleir@s de Mos.

 

O domingo  17  de xuño será unha xornada moi especial dirixida aos máis pequenos, chegará a Mos por terceiro ano consecutivo o III Festival Canto Conto, da man das populares e divertidas Maimiñas; cheo de música e actividades a partir das 11.00 horas da mañá e ao longo de todo o día nos exteriores do Pazo de Mos.

 

O venres 22 de xuño regresará o cine ao aire libre, pero esta vez no Parque do Campo da Feira en Puxeiros. Tamén ás 21.30 horas da tarde.

 

O domingo 24 de  xuño celebrarase o Festival de Corais Memorial Constante Lago no Pazo de Mos ás 19.00 horas.

 

E por último, o broche final das Festas da Rosa, porao a bailarina mosense Patricia Martínez que, xunto con Cristian Álvarez, organiza o Festival Team Match Baile Social, que terá lugar no Multiusos das Pozas ás 20.00 horas do domingo 1 de xullo.

 

Sobre a programación das Festas da Rosa 2018 a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, declarou que “o mes máis fermoso e festivo na localidade mosense é o de xuño” e animou aos visitantes doutros municipios “a compartir connosco esta programación adaptada a todos os públicos e gustos”.

 

“A Festa da Rosa, declarada Festa de Interese Turístico, ten este ano como pregoeiro a un mosense que está a despuntar no fútbol sendo titular no primeiro equipo do Real Club Celta, Brais Méndez, que realizou unha espectacular tempada. Méndez únese ao porteiro de Guizán, Rubén Blanco, que foi pregoeiro da Rosa en 2016, e convírtese na segunda figura futbolística celeste a destacar do Concello de Mos”, explicou Arévalo, quen destacou tamén a importancia nestas festas do tecido asociativo do municipio “que traballa de xeito inmellorable a prol da cultura e a tradición, como a Asociación de Palilleir@as de Mos que organizan o Encontro de Palilleir@as da Festa da Rosa, ou a Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, que se encargan o día 13 de xuño da Exaltación da Empanada de Pan de Millo”.

 

Salientou ademais a alcaldesa “o papel que este ano ten na Rosa a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires, que celebran o seu centenario. Por iso organizamos dentro da Festa da Rosa, o día 9 de xuño, un acto sobre a emigración mosense que contará coa presenza dos músicos Xulio Lorenzo, integrantes de A Vacaloura Vermella, Grupo de Baile Nosa Terra de Pereiras, Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, e o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade”.

 

Por último Nidia Arévalo concluiu animando “a tódolos mosenses, cativos e maiores, a participar nos concursos da Festa da Rosa que temos este ano: o concurso infantil de relatos ‘Que significa o Celta para ti’, e os tradicionais concursos de rosas e de empanada de pan de millo”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados