Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Sábado, 9 de junio de 2018
PROVINCIA

Carmela Silva presenta a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”

Guardar en Mis Noticias.

A ambiciosa mostra poderá verse no Museo Arqueolóxico Nacional, no Museo de Prehistoria de Valencia, no Museo d´Arqueología de Catalunya e no Museo de Pontevedra.

[Img #42041]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta semana a exposición itinerante “Galaicos, un pobo entre dous mundos”, un “programa estrela que nos vai converter nunha referencia en todo o que ten que ver co patrimonio histórico e cultural”. A mostra, que arrancará este ano e se estenderá ata o ano 2020, trasladará ata museos de Madrid, Valencia e Barcelona unha representación da cultura galaica desde a Idade de Bronce ata a Antigüidade tardía.

 

Segundo informou a presidenta da Deputación, a través da exposición “queremos dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico e cultural da provincia de Pontevedra, mostrar os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de máis de 2.000 anos da historia de Galicia, ofrecer as claves de interpretación dos xacementos escavados nos últimos anos, divulgar en espazos museísticos e culturais os trazos básicos da nosa prehistoria, difundir a nosa arqueoloxía e estimular a visita á provincia no marco de ofertas de turismo cultural e arqueolóxico”.

 

Carmela Silva remarcou “Galaicos, un pobo entre dous mundos” no programa integral para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia e nas estratexias de promoción turísticas lideradas pola Deputación de Pontevedra. Deste xeito, Silva destacou o carácter científico do proxecto, para comprender a dinámica socioeconómica da provincia na antigüidade e a súa divulgación en foros e centros universitarios; a vertente turística do mesmo, xa que permite ampliar a oferta, desestacionalizar a demanda e captar novos turistas potenciais e revalorizar o turismo de calidade; e, finalmente, o seu carácter socioeconómico, xa que estamos a recuperar os espazos patrimoniais como espazos sociais, creando postos de traballo relacionados co turismo e a cultura.

 

A exposición itinerante “Galaicos, un pobo entre dous mundos” tamén responde, segundo informou a presidenta da Deputación, “a que estamos no Ano Europeo do Patrimonio e a propia Unión Europea está a animar ás administracións a promover proxectos e actuacións como esta exposición”. Neste contexto, e tal e como explicou Silva, “hoxe aprobamos o prego, por valor de 320.000 euros, para a produción, montaxe e desmontaxe, transporte, almacenamento, garda e custodia, mantemento e peche da exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”.

 

 

 

 

“Trátase dun proxecto estrela que nos vai referenciar e permitir poñer en valor o noso extraordinario pasado para fomentar o noso presente e o noso futuro”

 

 

 

 

A exposición, dotada de entre 60 e 70 pezas e con recursos de carácter didáctico e audiovisuais, arrancará a finais deste ano en Madrid, no Museo Arqueolóxico Nacional, e desde alí partirá, entre o 2019 e 2020, ao Museo de Prehistoria de Valencia, ao Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya e ao Museo de Pontevedra. En cada unha destas cidades, a Deputación de Pontevedra manterá a mostra entre 4 e 6 meses.

 

Máis polo miúdo, a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos” contará con sete eixos temáticos. Deste xeito, a mostra comezará con “Un pobo entre dous mundos” e continuará con “Campesiños e guerreiros”, onde se recollerá o final da Idade de Bronce centrándose no xacemento do Castro da Cabeciña. O terceiro eixo titulado “Poboados fortificados” amosará a vida nos comezos da Idade de Ferro, dando a coñecer o Castro de Penalba.

 

A mostra continuará con “O Atlántico ábrese ao Mediterráneo” no que se dará a coñecer a etapa final da Idade de Ferro, centrándose nos xacementos de Castrolandín, Alobre, Santa Tegra, Monte do Castro, A Lanzada. O seguinte eixo temático será “Na esfera de Roma: Gallaecia” na que se dará a coñecer a nova articulación do territorio a través dos castros de Adro Bello, Bueu, das Salinas de Vigo ou da Illa de Toralla.

 

O sexto tema da mostra “Galaicos, un pobo entre dous mundos” será “A provincia de Gallaecia. Finais do século IV” con imaxes dos xacementos arqueolóxicos de Porta de Arcos, A Lanzada, Adro Vello e Monte do Facho. Xa para rematar, a mostra recollerá baixo o lema “Unha paisaxe chea de historia” que, segundo informou a presidenta provincial, “amosará imaxes que permitirán ás persoas visitantes coñecer os xacementos e valorar a importancia da paisaxe arqueolóxica da provincia, con bosques con petróglifos, acantilados con castros, vales profundos, así como a materialidade do urbanismo e arquitectura castrexa”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados