Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Co-mando Ghichas
Martes, 12 de junio de 2018
Opinión

Outro ano máis herbicidas no Val Miñor!

Guardar en Mis Noticias.

Este é o terceiro ano que levamos a cabo a campaña contra os herbicidas no Val Miñor. Imos vendo resultados, pouco a pouco. Gustaríanos que esta fose a última e que os agrotóxicos, que son moitos, deixaran de estar presentes no noso medio.


Sabemos que non é fácil, pero pode conseguirse, e sobre todo sabemos que somos a xente, a cidadanía, a que temos que poñernos en pé para reclamar unha e outra vez ás administracións que defendan o noso medio, do que somos parte!,e que os criterios económicos non xustifiquen as desfeitas ecolóxicas.

 

O que non se pode entender é que apareza unha noticia na prensa (Voz de Galicia. Ourense. 21/3/18 ) co seguinte titular: “A Xunta pide aos  concellos que eviten o uso de herbicidas para limpar de maleza as estradas”. Neste artigo podemos ler: «Basicamente, o que pide a normativa actual é que se estude a zona para tratar, cada tramo, para verificar se é necesaria a aplicación de produtos fitosanitarios, priorizando a aplicación doutros medios de control de maleza ou de pragas mediante medios mecánicos ou outro tipo de medios biolóxicos antes que a utilización de medios químicos, que son contaminantes», sinala Carlos Mansanet, inspector de sanidade vexetal da Xunta. Por certo debe ser unha nova titulación que nos chama a atención.


Preguntámonos: Como a  administración pode esixir isto cando  é a propia Xunta (ademais de moitos concellos) a que  fumiga ano tras ano  as estradas!? Como se pode entender? Como dá unha mensaxe contraria ao que fai?


Isto só pode suceder se a nosa administración autonómica funciona por compartimentos estancos, que non se comunican e que non teñen un proxecto común, e iso puidémolo comprobar cando na campaña anterior enviamos cartas ás diferentes concellerías da Xunta, que entendíamos implicadas non tema dos herbicidas, e recibimos a resposta de Medio Ambiente: isto non é cousa nosa, é da concellería de Medio Rural. E así andamos.

 

Efectos no medio
Cada ano, en cada campaña contra o uso destes tóxicos, incidimos en que estes produtos acumúlanse na auga, na terra,  contaminan o noso medio e polo tanto afectan á nosa saúde.


Recentemente saíu á luz un estudo extenso e completo titulado “Rios hormonados”. Os seus autores son Rodrigo Balaguer, Giorgio Dimastrogiovanni, Kistiñe García, Erika González, Angeliki Lysimachou e Dolores Romano.

 

Publicado por Ecolxistas en Acción e PAN Europa. Neste estudo,en base á Lei 27/06 que regula o acceso público á información ambiental,Ecoloxistas en Acción solicitou por escrito a todas as Confederacións Hidrográficas os resultados das analíticas realizadas nos 5 últimos anos das substancias prioritarias no ámbito da Política de Augas. Así como das substancias praguicidas das que se sabe ou sospeita que son disruptoras endocrinas. A información é alarmente: “A maioría dos praguicidas detectados non están autorizados na UE nin en España,e mesmo aqueles prohibidos hai moitos anos, como o  DDT, o  hexaclorobenceno, o lindano, a  atrazina e o  endosulfán aínda están presentes no medio acuático. Isto é preocupante, porque mostra por unha banda que estes produtos químicos nocivos utilizáronse amplamente en España e agora persisten no medio ambiente, e doutra banda,que os praguicidas deben usarse ilegalmente, como se desprende do caso do  DDT e  lindano, que foron prohibido ( DDT desde os anos 80 e  lindano en 2008)pero os compostos  parentais ( DDT e gamma- HCH) aínda se detectan. Ademais,estas substancia que están presentes na auga poden actuar  aditiva ou  sinérxicamente con novos contaminantes, dando lugar a diferentes efectos adversos en organismos
expostos e en concentracións de exposición máis baixas que os efectos causados por,cada composto individualmente.” Podemos ver neste traballo as táboas de datos indicando a presenza destas substancias en cada unha das concas dos ríos do estado. O estudo atópase facilmente na internet.

 


No Val Miñor

A situación no Val Miñor, desta vez, presenta certos cambios. Por unha banda vemos que a poboación está máis concienciada. As campañas informativas que de xeito continuado imos levando a cabo van dando resultados. Tamén cada vez en Europa e en Latinoamérica hai mais movementos en contra dos agroquímicos. Temos constancia de que tanto a veciñanza de Gondomar como a de Nigrán protestou nos seus concellos ao ver as cunetas queimadas pola Xunta, no caso de Nigrán tamén nalgún espazo competencia do concello. Isto xa é un avance, a toma de conciencia.

 

No Val Miñor presentáronse no seu día, por diferentes grupos políticos e impulsadas polo reclamo da veciñanza, mocións en contra do uso de herbicidas con glifosato, nas que se instaba a rozar as beiras por medios mecánicos e eliminar os herbicidas tóxicos, ademais de solicitar á Xunta que non fumigara as estradas   
das que ten competencia e que se situaron nos territorios dos concellos coa moción aprobada.

 

No concello de Baiona a moción non foi admitida ao pleno por parte do goberno local con maioría absoluta. Nos concellos de Nigrán e Gondomar foi aprobada. Isto xa supón un cambio con respecto a anos anteriores. Como tamén o feito de que a Deputación de Pontevedra non estea a fumigar as súas estradas.

 

Os acordos incluídos na moción estanse a cumprir por parte do concello de Gondomar, que non emprega dende entón outros medios que os mecánicos para rozar os espazos que lle corresponden e instou á Xunta a parar as fumigacións, puidémolo ler na prensa, aínda que A Xunta, non fixo caso e as estradas dependentes do goberno Autonómico están queimadas con herbicidas, aquí e en toda Galicia. Este concello tamén organizou charlas para a veciñanza nas que se explicaban as consecuencias do uso destes tóxicos. Polo tanto o seu traballo está feito. Isto sería o normal,o cumprimento das mocións aprobadas, pero parece que chama a atención xa que non é frecuente. Así que temos outro avance.

 

No concello de Nigrán a moción non se está a cumprir na súa totalidade,se ben hai algún cambio. Non temos constancia de que se teña comunicado coa Xunta instándolle a non fumigar o territorio do concello e tampouco que se fixeran charlas divulgativas sobre este tema como estaba acordado.


Nigrán deixou de usar o glifosato ,agora emprega ácido acético ao 25 % segundo nos informa o concelleiro de medio ambiente, produto tamén tóxico para o medio, aínda que non coas repercusións do glifosato, con todo preguntámonos si é realmente necesario xa que, como podemos ver, as estradas de Gondomar aparecen limpas e non utiliza produto ningún. Cal é a motivación? Económica? A quen favorece?


As enfermidades dexenerativas, alerxias, cancros...cada vez están máis estendidas. Gástanse cantidades enormes de diñeiro na súa cura (se é que a ten),en medicamentos, en campañas sobre prevención e a alimentación “saudable” (esa é outra, a industria agroalimentaria, como produce o que comemos e bebemos, con que produtos “saudables” alimentamos á infancia...) Pero o que non se fai é investigar as causas da proliferación destas enfermidades. Por que?


O que si sabemos é que as industrias farmacéuticas e as dos agroquímicos van da man,son as mesmas, e son grandes multinacionais que teñen por obxectivo ter grandes beneficios.

 

Recentemente os tres concellos do Val Miñor organizaron conxuntamente, como en anos anteriores, unha xornada en defensa da apicultura...É isto coherente?


Pódese realmente apoiar o mundo das abellas e consentir ao mesmo tempo o uso de agroquímicos que acaban con elas? Pode un goberno dicir que respecta ao medio e facer propaganda do seu ecoloxismo e á vez deixar contaminar o seu territorio?

 

Pedimos coherencia e responsabilidade ás administracións e moita concienciación á veciñanza.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados