Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Jueves, 14 de junio de 2018
PROVINCIA

O Goberno de Carmela Silva promove a adhesión dos recursos do patrimonio industrial provincial á rede europea INDUSTRIANA

Guardar en Mis Noticias.

Os recursos do patrimonio industrial de Caldas, A Illa de Arousa, O Grove, O Rosal, Silleda e Soutomaior son os primeiros da provincia en formar parte da prestixiosa rede.

[Img #42251]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa do Rosal, dos alcaldes de Caldas e Soutomaior e de representantes dos concellos da Illa de Arousa, Silleda e O Grove deu a coñecer esta mañá a nova iniciativa do goberno provincial de promoción dos recursos do patrimonio industrial das Rías Baixas. Neste contexto, recursos de Caldas, A Illa, O Grove, O Rosal, Silleda e Soutomaior serán os primeiros da provincia en formar parte da prestixiosa rede europea INDUSTRIANA.

 

Esta rede europea de patrimonio industrial, tal e como informou a presidenta, creouse no marco do proxecto europeo Genius Loci, nado no 2015 con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Industrial e Técnico e no que están a participar, amais de España, Italia, Bélxica, Malta e Hungría. A través desta iniciativa, estase a promover o turismo industrial, centrándose en contornas do rural, sinalizando os recursos a través dun panel da E-Faith (Federación Europea de Asociacións do Patrimonio Industrial e Técnico) asociado a un código QR que contén múltiples idiomas e información e contidos multimedia.

 

Deste xeito, a presidenta provincial entregou esta mañá aos concellos de Caldas, A Illa, O Grove, O Rosal, Silleda e Soutomaior os paneis que, a través do código QR, inclúen información sobre os recursos, lugares próximos, atraccións turísticas, museos e servizos preto do patrimonio sinalizado. Máis polo miúdo, formarán parte da rede europea INDUSTRIANA o Museo da Conserva da Illa de Arousa, o Museo da Salga do Grove, o Muíño de Cobián de Silleda, a antiga fábrica de Carburos Laforet de Soutomaior, a antiga fábrica da luz de Segade de Caldas e os muíños do Folón e do Picón. Todos estes recursos contarán con paneis con códigos QR que permitirán acceder a información completa en tres idiomas (galego, castelán e inglés).

 

 

 

 

A presidenta provincial manifestou a vontade de que outros concellos da provincia se sumen á iniciativa para promover o turismo relacionado co patrimonio industrial

 

 

 

 

Carmela Silva manifestou a vontade de que outros concellos da provincia se sumen a estes primeiros seis concellos que, desde hoxe, forman parte da rede INDUSTRIANA. “Abrimos a posibilidade de que todos os concellos, de menos de 20.000 habitantes que conten con recursos susceptibles de incorporarse á rede e cumpran os requisitos establecidos por este proxecto europeo, nos acheguen a súa proposta para que novos recursos do patrimonio industrial da provincia poidan sumarse a INDUSTRIANA”, asegurou Silva.

 

A presidenta asegurou que esta iniciativa está estreitamente ligada á campaña de promoción turística impulsada este ano baixo o lema “Somos historias”. A través desta campaña, enmarcada no Ano Europeo do Patrimonio tal e como recordou Carmela Silva, “estamos a divulgar todos os aspectos patrimoniais da nosa provincia, dende o arqueolóxico, ao cultural, etnolóxico, natural e, tamén, o industrial”.  

 

Tamén informou a presidenta que, nestes momentos, as comunidades máis interesadas no turismo industrial son Madrid, Cataluña e Andalucía, “que coinciden coas tres comunidades que máis nos visitan, polo que esta nova aposta que estamos a impulsar é un xeito de diversificar a oferta do destino Pontevedra provincia entre un público xa de por si interesado”.

 

Con esta iniciativa, o goberno de Carmela Silva está a avanzar na estratexia de incorporar as tecnoloxías da información e da comunicación á promoción dos recursos turísticos, tal e como marca o Plan Estratéxico de Turismo. “Para nós é fundamental poñer en valor os nosos recursos en sintonía coas demandas das e dos turistas do século XXI”, asegurou Silva. Neste eido, a presidenta provincial recordou que “comezamos a sinalar con paneis con códigos QR a senda ambiental do Castelo de Sobroso, tamén as vilas termais e, desde hoxe, nos recursos do patrimonio industrial da provincia”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados