Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 19 de junio de 2018
PROVINCIA

O Goberno de Carmela Silva aproba as bases da nova edición 2018-2019 de Depoemprende

Guardar en Mis Noticias.

As solicitudes de presentación deberán realizarse na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 15 de xullo.

[Img #42305]

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases da edición 2018-2019 dos programas “Depoemprende na Escola”, “Depoemprende na ESO” e “Depoemprende na FP”. Así, o goberno de Carmela Silva realiza unha convocatoria aos centros educativos públicos da provincia de Pontevedra (educación especial, educación primaria, educación secundaria e formación profesional) para participar nas modalidades dos diferentes proxectos de fomento da cultura emprendedora no ámbito escolar.

 

Os principais obxectivos destes tres proxectos da institución provincial son fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

 

 

 

 

No curso 2017-18 participou o alumnado de 20 centros escolares dunha ducia de concellos deixando claro que o emprendemento debe formar parte do currículo educativo

 

 

 

 

Máis polo miúdo, “DepoEmprende na Escola” é un proxecto educativo dirixido ao alumnado de educación primaria (5.º ou 6.º curso) e de educación especial, que, durante o curso escolar, crearán e xestionarán unha cooperativa, na que fabricarán produtos que venderán unha vez ao ano nun mercado ou feira da súa localidade. Pola súa banda, “DepoEmprende na ESO” diríxese a mozos e mozas de 14 a 16 anos (3.º e 4º da ESO) que estuden a materia Iniciativa Emprendedora. Por outra banda, “DepoEmprende na FP” está dirixido fundamentalmente ao alumnado que estude a modalidade de Empresa Iniciativa Empresarial EIE ou/e Simulación Empresarial.

 

Os centros serán elixidos atendendo á súa puntuación e o número máximo de seleccionados serán quince centros na modalidade “depoEmprende na escola”, oito en “depoEmprende na ESO” e tamén oito na modalidade de “depoEmprende na FP”.

 

As solicitudes de presentación desta convocatoria deberán realizarse seguindo o modelo de solicitude que estará dispoñible na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 15 de xullo.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados