Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Sábado, 16 de junio de 2018
PROVINCIA

Carmela Silva presenta por terceiro ano consecutivo os #Ríasbaixasfests

Guardar en Mis Noticias.

A presidenta da Deputación puxo en valor a importancia dos festivais como “un espazo moi potente para cambiar as conciencias”.

[Img #42326]

 

A presidenta da Deputación Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo Santos  Héctor e coa presenza das persoas responsables dos festivais e das alcaldesas e alcaldes dos concellos nos que se celebran, presentou no Palacete das Mendoza e por terceiro ano consecutivo os #RíasBaixasFests, que se celebrarán na provincia de Pontevedra entre o 5 de xullo e o 19 de agosto.

 

Durante a presentación, a presidenta recordou o nacemento de #RíasBaixasFests, fai tres anos, da man de “homes e mulleres talentosos e talentosas, con ideas, creatividade, intelixencia, compromiso co territorio, que nos formularon a posibilidade de presentar conxuntamente baixo unha mesma marca os festivais da provincia de Pontevedra para convertela nunha referencia”.  Deste xeito, tal e como asegurou Silva, “o único que fixemos foi escoitar a súa idea e apostar por ela, xa que a industria musical ten unha gran potencia na provincia, capaz de impulsar o crecemento económico e xerar emprego”.

 

Ao longo destes tres anos de vida, os #RíasBaixasFests convertéronse nun dos piares da promoción turística do destino Rías Baixas. De feito, a presidenta da Deputación puxo en valor  a súa capacidade de internacionalización e atracción “porque se celebran en lugares incomparables, promovendo ademais a nosa gastronomía e o sector primario da provincia”.  Neste contexto, Silva recordou que “o ano pasado máis de 200.000 persoas acudiron aos #RíasBaixasFests, aloxáronse en hoteis da nosa provincia, consumiron nos nosos restaurantes e cafeterías e estiveron coñecendo os recursos turísticos da provincia e, estou segura, este ano imos superar con creces esta cifra”.


E xunto á capacidade de converter á provincia nun destino máis atractivo, a presidenta da Deputación tamén destacou o valor dos festivais “como espazos moi potentes para cambiar as conciencias”.  Carmela Silva enxalzou que os #RíasBaixasFests “son espazos de exemplo, de como se pode facer empresas e apostar pola industria musical e como iso non está rifado co beneficio social”. Neste aspecto, a presidenta da Deputación referiuse ás campañas de concienciación “Somos historias, somos sostibles” e “Conta comigo, eu respéctote” que se van desenvolver durante os festivais.

 

 

 

 

“Saúdo que a Xunta, tras tres anos de éxitos colleitados polos #RíasBaixasFests, nos copie a iniciativa e teña entendido que a industria musical é fundamental para o futuro de Galicia”, manifestou Silva

 

 

 

 

Baixo o slogan “Somos historias, somos sostibles”, tal e como explicou Carmela Silva, “queremos aproveitar os festivais para crear conciencia para coidar o noso entorno, sensibilizando á cidadanía para eliminar os plásticos e as cabichas e facer así que esta terra que recibimos dos nosos pais a deixemos mellor”. En canto a “Conta comigo, eu respéctote”, Silva destacou que “o principal obxectivo que pretendemos acadar coa campaña é que os homes sexan respectuosos coa liberdade das mulleres”.

 

Trala intervención da presidenta provincial, os responsables dos festivais tomaron a palabra para subliñar a importancia da aposta da Deputación de Pontevedra por este proxecto e agradecer a aposta e sensibilidade da institución con esta iniciativa. Pola súa banda, os alcaldes e representantes municipais dos concellos nos que se celebran os festivais destacaron o papel que desenvolven para “singularizarnos, diferenciarnos e colocarnos na elite cultural”.

 

Os #RíasBaixasFests comezan o 5 de xullo en Caldas con PorAmérica (5-7 de xullo), continúan na  Illa de Arousa con Atlantic Fest (20-22 de xullo), en Nigrán con Vive Nigrán (20-21 de xullo) e na Illa de San Simón con SinSal Son Estrella Galicia (26-29 de xullo). En agosto, as citas chegan a Bueu co SonRías Baixas (2-4 agosto) e O Mariquiño de Vigo (10-12 agosto), para rematar en Vilaxóan (Vilagarcía de Arousa) entre o 17 e 19 de agosto. Carmela Silva animou ás persoas presentes no acto a anotar as datas nas súas axendas para “vivir ben e ser feliz”.

 

Amais, a presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción xa que “tras tres anos de éxitos colleitados polos #RíasBaixasFests, a Xunta de Galicia nos ten copiado a iniciativa e entendeu que a industria musical é fundamental para o futuro de Galicia”. Neste, eido, Carmela Silva referiuse a esta iniciativa que, tal e como ven facendo a Deputación de Pontevedra desde fai tres anos na provincia, congrega aos festivais que se están a celebrar na comunidade ao tempo que conciencian á sociedade sobre o respecto ao Medio Ambiente e a igualdade.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados