Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 26 de junio de 2018
MUNDO EMPRESA

Aberto o prazo de solicitude da axuda para facilitar aos autónomos o relevo xeracional

Guardar en Mis Noticias.

A nova convocatoria de apoios, que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), busca facilitar a transmisión nos negocios dos traballadores por conta propia próximos á xubilación identificando as condicións óptimas para o traspaso

As axudas do novo programa de apoios da Xunta para facilitar aos autónomos a remuda xeracional pódense solicitar ata o próximo 30 de setembro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria desta iniciativa á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 500.000 euros para facilitar a transmisión nos negocios dos traballadores por conta propia próximos á xubilación, identificando as condicións óptimas para o traspaso. A finalidade deste novo programa é, polo tanto, a concesión de axudas económicas para a realización dunha remuda xeracional ordenada nos negocios dos autónomos. Na actualidade, máis do 30% dos autónomos galegos se sitúa por riba dos 55 anos.

 

A través desta actuación, a persoa transmisora e a persoa adquirente do negocio terán unha axuda coa que se financiará o 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1000 euros para a persoa transmisora e de 1500 euros para o adquirente.

 

No caso de que o negocio teña varias persoas donas, financiarase o 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1000 euros por negocio. Se o negocio ten varias persoas adquirentes para explotalo conxuntamente a axuda será de 1500 euros por actividade. Na solicitude deberá indicarse se a axuda se pide como persoa transmitinte do negocio ou como persoa adquirente.

 

O asesoramento poderá ser efectuado por empresas, entidades ou profesionais adicados ao asesoramento e polas asociacións de traballadores autónomos.

 

Este programa, consensuado co sector, ofrecerá asesoramento no traspaso da actividade económica se a persoa traballadora conta con 63 anos ou máis, debendo levar máis de 48 meses de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA); se ten unha declaración de incapacidade total ou absoluta (incluíndo grande invalidez) recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social; ou se trata dun herdeiro no caso de falecemento do titular da empresa. Do que se trata é de facilitar a intermediación para identificar as condicións óptimas do traspaso e para facilitar os plans de formación do novo autónomo.

 

No caso de autónomos societarios, a transmisión das accións ou participacións debe supoñer o control da sociedade por parte do adquirente, é dicir, posuír máis do cincuenta por cento das accións ou participacións da sociedade.

 

Prestarase asesoramento, entre outros, na elaboración dun dossier de venda do negocio para presentalo ás persoas adquirentes cunha análise sobre a actividade e unha valoración económica. Así mesmo, acompañarase no proceso de peche da transmisión ofrecendo orientación nas distintas situacións particulares que se poidan presentar e asesoramento para elaborar os documentos necesarios para formalizar a transmisión.

 

Para as persoas que adquiren o negocio, asesoraráselles sobre a viabilidade da actividade cunha análise do estado financeiro e comercial e da carteira de clientes; e sobre a elaboración dun plan empresarial. Tamén se lles acompañará no proceso de peche da transmisión e da posta en marcha da empresa.

 

As actuacións deste novo programa de axudas compleméntanse coa web da Oficina do Autónomo, http://www.oficinadoautonomo.gal/, onde hai un espazo habilitado para a publicación das ofertas de adquisición e transmisión de negocios. A través desta oficina virtual os interesados tamén poden poñerse en contacto e tanto a persoa transmisora como adquirente poden inscribirse no programa de remuda xeracional.

 

Estratexia Autónomo 2020
Con esta iniciativa, o Goberno galego continúa co seu compromiso de apoiar a un colectivo que é a columna vertebral da economía. A Xunta segue, deste xeito, executando a Estratexia Autónomo 2020 co obxectivo de poñer ao alcance dos traballadores por conta propia as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A planificación inclúe 20 medidas para favorecer a 10.000 autónomos ao ano apoiándoos na incorporación de novas persoas ao seu emprego, na consolidación da actividade existente para garantir a súa viabilidade e simplificando e axilizando a tramitación administrativa. A Administración autonómica apoia aos traballadores por conta propia cunha media de 40 millóns de euros ao ano a través desta folla de ruta.

 

Nas próximas semanas, publicaranse tamén as axudas para a segunda oportunidade co obxectivo de que toda persoa autónoma que queira reemprender un negocio poida facelo adquirindo un compromiso de formación.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados