Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 25 de junio de 2018
GALICIA

A Xunta destaca o importante papel das casas niño para favorecer a conciliación nos concellos rurais de Galicia

Guardar en Mis Noticias.

A provincia de Ourense conta a día de hoxe con 27 servizos deste tipo, dos cales 9 entraron recentemente en funcionamento con cargo á última orde de axudas os situados nos concellos de Baltar, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, San Amaro, Beariz e O Irixo

[Img #42536]

 

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González Méndez, insistiu  na importancia que teñen as Casas Niño para o fomento da conciliación nos concellos rurais. Así o apuntou durante unha visita á casa ‘Os Raparigos’ de O Irixo, un novo servizo gratuíto para as familias desta localidade ourensán que na actualidade atende a 5 nenos e nenas en horario de 8:00 a 16:00 horas.

 

Este novo equipamento social é unha das nove Casas Niño que entraron en funcionamento na provincia de Ourense ao abeiro da última convocatoria de axudas da Consellería de Política Social para promover a posta en marcha destes equipamentos. Así, ademais de O Irixo, outras localidades que se sumaron ao programa son Baltar, San Amaro, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei e Beariz. Deste xeito, sumando as convocatorias de subvencións de 2016 e 2017, as dúas realizadas ata a data, Ourense conta con 27 equipamentos deste tipo.

 

Durante o seu percorrido polas instalacións, a titular do departamento autonómico de Familia insistiu na “importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais”. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as Casas Niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural, avanzando que nestes momentos está en tramitación unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 Casas Niño.

 

 

 

 

A Consellería de Política Social prepara unha nova convocatoria de axudas, a terceira, que sumada ás dúas anteriores de 2016 e 2017, permitirá contar con 61 Casas Niño en contornas rurais da xeografía galega

 

 

 

 

Amparo González sinalou que o impulso deste programa no ámbito da conciliación “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia. Así mesmo, apuntou que tamén “constitúe un apoio ás persoas emprendedoras en localidades de carácter rural que con proxectos como este dan resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e ás necesidades de conciliación”.

 

Cómpre sinalar que as Casas Niño constitúen un recurso gratuíto para as familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso  de atención continuada á infancia. Esta medida forma parte das propostas que se contemplan no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento de prazas 0-3 anos sostidas con fondos públicos. O compromiso da Xunta é que no ano 2020 todos os concellos de Galicia teñan, como mínimo, un recurso de conciliación.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados