Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 27 de junio de 2018
MOS

As mulleres de EVD Galicia presentan o seu proxecto para a Aldea Alfacuca en Louredo

Guardar en Mis Noticias.

Leva por título ‘Alfacuca, natureza de todos. Espazo natural de oportunidades’ e combina o coidado do patrimonio e o medio ambiente coa potenciación da autonomía persoal das mulleres con discapacidade

[Img #42595]

 

O pasado venres 22 de xuño as usuarias do Centro Ocupacional de EVD Galicia de Petelos presentaron o seu proxecto para a Aldea Alfacuca en Louredo. O acto de presentación celebrouse na propia Alfacuca ás 19.00 horas, contando coa asistencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro.

 

A presentación consistiu nunha xornada de convivencia á que as mulleres de EDV Galicia convidaron aos veciños e veciñas de San Antoíño, zona contigua á Aldea Alfacuca, para que coñeceran de primeira man o proxecto que, dende xa, van a comezar a poñer en marcha.

 

O acto contou cunha actuación das Pandereteiras ‘Meigas Fóra’ da A.C. Tangaraño e unha ponencia do mosense Javier Baquero sobe a historia de Alfacuca. Tamén se convocara para a ocasión, enmarcada dentro da programación de actos da Festa da Rosa 2018, un concurso de debuxo no que había que representar unha rosa e do que se fixo público o fallo do xurado das obras gañadoras durante a tarde do venres.

 

O xurado estaba composto por Javier Baquero, a atleta mosense Soledad Castro, que é tamén pintora, e as artesanas Gladis di Toro e Alba Tourón. Os gañadores do concurso creativo ‘Unha Rosa’ foron Noa Piñeiro na categoría de 6 a 8 anos de idade, André Vilas, na categoría de 8 a 12 anos, e Rosa María Veloso na categoría de adultos.

 

Proxecto

O pasado mes de marzo asinábase no Concello de Mos o documento de formalización da concesión demanial sobre o complexo Alfacuca en favor de EVD Galicia. A sinatura foi formalizada o 15 de marzo pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e por Leví Olivares en calidade de Director Xerente de EVD Galicia; en presencia do concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, responsable do proxecto Alfacuca.

 

A cesión de uso de Alfacuca foi o primeiro paso Plan Integral de Integración promovido polo Concello para promover a plena integración social das mulleres usuarias do Centro EDV Galicia sito en Petelos. Toda unha serie de iniciativas enfocadas cara ao fin último de que estas mulleres sexan e se sintan plenamente autónomas, autosuficientes e realizadas.

 

O centro residencial ocupacional, entidade sen ánimo de lucro que traballa pola dignidade e acompañamento de mulleres con discapacidade intelectual, leva a cabo o proxecto de dinamización da aldea que leva por título ‘Alfacuca, natureza de todos. Espazo natural de oportunidades’. Este proxecto ten como obxectivo contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, da súas familias e do seu entorno, promovendo o cumprimento dos seus dereitos e favorecendo a súa autonomía persoal e autodeterminación.

 

A Aldea Alfacuca, rehabililitada durante diversos obradoiros municipais de emprego, e sita na parroquia de Louredo, cedéuselle a EVD Galicia, para que a asociación traballe nas instalacións a prol da defensa e mellora das condicións de vida, do fomento do desenvovemento cultural e social, da potenciación dos principios de solidariedade, igualdade, xustiza e liberdade, e promoción do dereito á saúde das persoas con discapacidade. No centro de Petelos das EVD viven 80 mulleres que diariamente esfórzanse por gozar dunha vida plena integrada na sociedade.

 

A concesión do uso de Alfacuca a EVD Galicia é con carácter gratuíto e ten unha duración de cinco anos, tempo durante o cal levarase a cabo un proxecto medioambiental e cultural que incluirá obradoiros e actividades con escolares e veciñanza do Concello en xeral; así como propostas de actividades e festas tradicionais.

 

Os obxectivos do proxecto presentado por EVD Galicia para Alfacuca son respectar e divulgar tanto a arquitectura tradicional existente como o medio natural, manter a contorna da aldea potenciado a flora e cultivos tradicionais, facer das casas tradicionais da aldea, espazos de traballo e lecer comunitario; sensibilizar sobre as diferentes capacidades das persoas visibilizando as tarefas realizadas por persoas con discapacidade e facéndoas encargadas de liderar e dinamizar as actividades; e xerar oportunidades en comunidade para as persoas con discapacidade intelectual.

 

O proxecto de EVD Galicia para Alfacuca trata de aproveitar os recursos existentes na zona e acondicionalos para facer da aldea un lugar de lecer. Nel están contempladas diversas accións para atraer visitantes, tales coma talleres, zonas axardinadas, actividades para escolares, etc. Todo respectando e preservando tanto a tipoloxía arquitectónica da aldea coma o entorno natural. As actividades estarán orientadas a tódolos públicos e pretenderase que a Aldea Alfacuca sexa un espazo de participación, autoxestión, creatividade e tamén un lugar de encontro intercultural e interxeracional, a través de experiencias enmarcadas no ámbito rural e en contacto coa natureza. Búscase, deste xeito, ofrecer aos visitantes un espazo no que disfrutar de actividades lúdicas, educativas, sociais, culturais, de ocio e tempo libre, preservando en todo momento o privilexiado marco natural e rural no que se enmarca Alfacuca.

 

O invernadoiro e as parcelas existentes en Alfacuca utilizaranse para facer talleres de xardinería ecolóxica. Por outra banda tamén se realizarán talleres de alimentación coma de elaboración de marmeladas, pan, de repostería, etc. E levaranse a cabo outros obradoiros creativos coma os de elaboración de xabóns. Tamén se proxectan posibles charlas, coloquios, exposicións, etc.

 

Por último o gran espazo de xardín de Alfacuca adicarase a unha zona de lecer na que se revivirán e recuperarán os xogos tradicionais que actualmente, na actual era tecnolóxica, atópanse esquecidos e en desuso. E tamén neste espazo prantaranse árbores froiteiras.

 

Todo elo para que as persoas que visiten ou participen en Alfacuca atopen á súa chegada un lugar con encanto, un lugar para o descanso e para pasear ao longo e ancho do seu entorno natural.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados