Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Domingo, 24 de junio de 2018
GALICIA

A valedora apoia a mariñeiros galegos que traballaron en Noruega ante a súa “agónica” situación

Guardar en Mis Noticias.

A valedora do pobo dirixiu cadanseu escrito á Delegación de Goberno e á Xunta de Galicia para que insten aos ministerios competentes a actuar ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra Noruega, por negar aos mariñeiros galegos pensións de xubilación por non ter acreditada a súa residencia no país.

 

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, vén de se dirixir á Delegación do Goberno para que inste aos ministerios competentes a actuar na defensa dos dereitos e “xustos” intereses dos mariñeiros galegos que traballaron en buques noruegueses e aos que Noruega lles nega a pensión de xubilación por non ter acreditada a residencia nese país. Ante a “agónica situación” que están a vivir os afectados, moitos deles de avanzada idade e con problemas de saúde, a defensora preguntou tamén á Xunta de Galicia polos pasos dados tras aprobar o Parlamento de xeito unánime unha moción para exixir ao Goberno central que demande a Noruega ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por discriminar e deixar fóra do seus sistema de protección social a estes mariñeiros.

 

A asociación Long Hope busca solucións á exclusión dos mariñeiros españois que traballaron en buques de Noruega do seu sistema de seguridade social. O problema afecta ao redor de 12.000 españois, moitos deles galegos. Noruega non recoñece as pensións de xubilación aos traballadores do mar que estiveron embarcados nos seus buques. Nunha recente entrevista coa valedora do pobo, os afectados solicitáronlle que reclamara actuacións eficaces dos Gobernos de España e de Galicia.

 

Os mariñeiros solicitan do Goberno central unha intervención ante Noruega “a fin de que dunha vez por todas termine esta grave inxustiza social”. Instan, por outra banda, ao Goberno de Galicia a dar cumprimento aos acordos acadados por unanimidade no Parlamento de Galicia e pedir aos ministerios que demanden ao país nórdico ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por esta situación.

 

O Convenio Europeo de Dereitos Humanos impide a discriminación por nacionalidade. A situación dos mariñeiros que estiveron embarcados en Noruega vulnera ese principio, xa que as autoridades norueguesas esixen a residencia nese país como requisito para incluír no seu sistema de seguridade social aos traballadores que estiveron embarcados nos seus buques, requisito este que non se lles require, pola contra, aos nacionais noruegueses embarcados nos mesmos buques.

 

Tal e como transmitiron os afectados á valedora, a situación de desprotección “comeza a ser agónica”, tendo en conta a avanzada idade dos afectados e o seu delicado estado de saúde.

 

No encontro que Milagros Otero mantivo hai dúas semanas cos afectados, a valedora do pobo mostrou o seu apoio ás súas iniciativas e resaltou que a Constitución e o noso Estatuto de Autonomía encomendan aos poderes públicos a misión de protexer aos traballadores no estranxeiro e, do mesmo xeito, lles instan a que velen especialmente pola salvagarda dos seus dereitos económicos e sociais.

 

A valedora dirixiuse agora á Delegación do Goberno en Galicia para que os ministerios competentes leven a cabo as actuacións pendentes en defensa dos dereitos e xustos intereses dos mariñeiros españois, moitos deles galegos, afectados pola actuación discriminatoria de Noruega. Tamén dirixiu un escrito á Xunta de Galicia, en concreto á Consellería de Política Social, para coñecer o curso dado ás resolucións aprobadas polo Parlamento de Galicia sobre o problema.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados