Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 4 de julio de 2018
GALICIA

Abre o prazo de solicitude do bono concilia ás familias con fillos e fillas menores de tres anos

Guardar en Mis Noticias.

A Consellería de Política Social destina máis de 3,4 millóns de euros a esta axuda, que permite sufragar o custo dunha praza en escolas non financiadas con fondos da administración a aquelas familias que non obtiveran praza pública nunha escola infantil de cero a tres anos ou que residen nun concello onde non hai recursos sostidos con fondos públicos

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse do Bono Concilia, unha axuda económica directa ás familias que permite sufragar o custo dunha praza nunha escola infantil de 0 a 3 anos non sostida con fondos públicos destinada a aquelas que non obtiveran praza financiada pola administración para os seus fillos ou fillas ou que residan en concellos onde non hai un recurso público deste tipo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas axudas, que forman parte das medidas do Programa de apoio á natalidade que está a desenvolver o Goberno galego.

 

A contía total desta nova convocatoria do Bono Concilia ascende a 3.489.200 euros, aínda que é ampliable no caso de que sexa necesario para atender a todas as solicitudes que se reciban e cumpran cos requisitos. O obxectivo é conseguir, como no actual curso, que todas as familias solicitantes dunha praza para a atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos a obteñan e que non exista lista de agarda. Con carácter xeral, as persoas interesadas poderán pedir esta achega a partir de mañá e ata o día 3 de agosto.

 

Cómpre lembrar que, do mesmo xeito que o ano pasado, a orde destas axudas para o vindeiro curso 2018-2019  contempla a posibilidade de conceder o Bono Concilia a nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria e teñan concedida a flexibilización da duración do período de escolarización. Así mesmo, mantense que nos supostos de admisión de solicitudes fóra de prazo se abra a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción do neno ou nena con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

 

Para ser beneficiarias, as persoas solicitantes deben ter unha nena ou neno nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2015 e para a obtención da axuda, teñen prioridade aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, de xeito que se poida dar continuidade á súa escolarización. Tamén poden optar ao bono aquelas familias nas que as dúas persoas proxenitoras traballen en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que con dereito a praza pública, esta non lles resolva as súas demandas de horario.

 

O Bono Concilia promove o dereito á escolarización de irmáns/ás nun mesmo centro para facilitar a conciliación das familias. Así as solicitudes para nenos e nenas que xa contan cun irmán ou irmá nun centro, terán posibilidade de opción directa ao bono concilia nese centro.

 

Nesta convocatoria recóllese ademais como novidade para o curso 2018-2019 a prioridade no acceso ao bono das mulleres vítimas de violencia de xénero e o seu dereito a presentar solicitude fóra do prazo establecido se residen en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e se lles expide a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.

 

A contía que se percibirá por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros (con comedor) para as rendas máis baixas. Cómpre destacar que o Bono Concilia é compatible con outras axudas que poidan recibir as familias para a mesma finalidade sempre que non superen o custe da praza.


Na anterior convocatoria beneficiáronse desta medida 3648 familias.

 

As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial.

 

Máis recursos para a infancia e a conciliación
O programa Bono Concilia constitúe un recurso máis que a Xunta de Galicia pon a disposición das familias para facilitar a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral. Esta axuda é complementaria á rede de escolas infantís dependente da Xunta de Galicia, que contará no vindeiro curso cun total de 172 escolas nas que se ofertarán 10.264 prazas públicas. Esta rede, complétase coas 2700 prazas dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS) e sostidas con fondos públicos. Na actualidade están ademais en proceso de licitación pública 520 prazas (180 na provincia da Coruña, 44 na de Lugo 58 na de Ourense e 238 na provincia de Pontevedra).

 

Por outra banda, a través do Plan Concertado, a Administración autonómica contribúe na actualidade ao financiamento dun total de 121 escolas infantís e puntos de atención á infancia que xestionan as corporacións locais.

 

En total, o número de prazas en escolas infantís que dependen da Xunta ou nas que participa a administración autonómica ascenderá o vindeiro curso escolar a un total de 24.081, o que supón un incremento de 1.642 prazas con respecto ao curso actual.

 

Hoxe en día, Galicia supera a ratio aconsellada pola Unión Europea en canto a prazas en escolas infantís. Desde o ano 2009 a Administración autonómica aumentou a ratio de cobertura pasando do 19% ao 41% actual.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados