Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 4 de julio de 2018
MOS

O Concello de Mos presta Servizo de Axuda no Fogar a preto de 100 veciños

Guardar en Mis Noticias.

Benefícianse deste servizo un total de 92 veciños que reciben 4.157 horas mensuais de aistencia nas súas casas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, informaban onte de que o Concello presta o Servizo de Axuda no Fogar, SAF, ao maior número de usuarios da historia do municipio, un total de 92 beneficiarios: 13 de Básico e 79 de Dependencia. O SAF de Dependencia presta 4.157 horas mensuais de asistencia. As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, destacaron respecto do SAF que “se trata dun servizo de primeira para as persoas dependentes da localidade mosense, nas que estamos volcados tanto dende o Concello en xeral, como dende o departamento de Política Social, en particular”.

 

En setembro de 2017 a concellería de Política Social da Xunta de Galicia aprobou concederlle á administración local mosense 6.812 horas anuais máis para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Dependencia, o que supón 567,66 horas mensuais a maiores. En total o Concello de Mos investiu no SAF en 2017 640.022,82 euros.

 

Actualmente a media de idade dos usuarios do SAF en Mos ronda os 90 anos.

 

Os beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar son preferentemente persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu contorno inmediato, así comoi fogares con menores nos que se observa necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. O Servizo de Axuda no Fogar tamén dá unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias mosenses en risco de exclusión social.

 

Este servizo cobre asistencias ós beneficiarios nos seus respectivos domicilios tales coma atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas na vida diaria, atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, atencións de carácter psicosocial e educativo e, con carácter complementario, este servizo tamén incorpora outros tipos de atención como actividades de acompañamento, prestación de atención a distancia, adaptacións funcionais do fogar, servizo de podoloxía e servizo de fisioterapia.

 

O SAF ten por obxecto prestarlles un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar, facilitando a permanencia no seu propio contorno de convivencia, favorecendo a súa calidade de vida e evitando ou retardando a súa posible institucionalización. Os obxetivos do Servizo de Axuda no Fogar son mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social, retardar ou evitar a institucionalización e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social. 

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados