Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 9 de julio de 2018
PROVINCIA

Carmela Silva amosa en Lalín a súa dor e indignación ante o asasinato de catro mulleres en 72 horas

Guardar en Mis Noticias.

Na inauguración do curso “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0”, a presidenta da Deputación reivindicou a formación en xénero instou ás administracións “a priorizar o problema máis importante que tén esta sociedade”

[Img #42999]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, inauguraron esta mañá o curso “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: xénero –violencias –coeducación –comunicación” que organiza a Universidade de Santiago ata o vindeiro 13 de xullo na vila dezana.

 

Carmela Silva, comezou a súa intervención recordando ás catro mulleres asasinadas durante estes tres últimos días. “Quero amosar a miña indignación, enfado, rabia, co que ten acontecido en 72 horas en España. ¿Pero isto cando vai rematar? Catro mulleres asasinadas en 72 horas, a última coñecíase esta mesma mañá, unha muller de Madrid, de Collado-Villalba”, manifestou a presidenta da Deputación. Neste contexto, Silva fixo fincapé en que “nos temos que enfadar como sociedade e temos que loitar contra esta situación. Non podemos permitir que sigan a asasinarnos polo mero feito de ser mulleres”.

 

A presidenta da Deputación destacou que pese a vivir nun “mundo moderno, rodeados de avances, de tecnoloxías, de robótica, de programación avanzada, de sociedades 3.0, 4.0 e xa 5.0, as mulleres seguimos a vivir situacións idénticas ás do século XV”. Máis polo miúdo, Carmela Silva destacou que “neste lado de mundo a situación é mellor, pero hai outras mulleres que están a sufrir a escravitude, como no século XII, e non podemos sentirnos compracidos como sociedade”.

 

Por estes motivos, Silva destacou a importancia de que se centre o debate na igualdade a través de xornadas, cursos e conferencias como “Novas fronteiras na igualdade de oportundiades 2.0: xénero –violencias-coeducación-comunicación” que organiza a Universidade de Santiago dende fai catorce anos en Lalín.  “Temos que apostar pola igualdade, para as administracións non pode haber un obxectivo máis prioritario que a loita contra a discriminación que padecemos as mulleres desde o berce e que trae consigo violencias intolerables. Unha sociedade non pode ser decente se se permite que o 52% da poboación estea sometida a cuestións tan graves como as que estamos sometidas as mulleres”.

 

 

 

 

Silva puxo de manifesto que “pese a vivir rodeados de modernidades, avances e tecnoloxía as mulleres seguimos a vivir situacións do século XV”

 

 

 

 

Neste contexto, a presidenta da Deputación recordou a invisibilidade das mulleres nos teitos de ámbitos como a carreira xudicial, a cúpula da empresa ou o mundo da universidade e da política. “Somos o 52% das mulleres que se dedican á xudicatura e estamos invisibilizadas no Tribunal Supremo, o mesmo acontece nas direccións de empresas, nas reitorías da Universidade, nas direccións dos hospitais… Segue habendo poucas alcaldesas, poucas conselleiras e este goberno do Estado é o primeiro que ten máis ministras que ministros”.

 

Tamén tivo palabras Silva para referirse á necesidade de rachar cos estereotipos e de loitar contra “unha linguaxe que nos invisibiliza”. Neste eido, a presidenta da Deputación recordou que cando se empregan palabras en feminino como “membras” levántase “moita polémica. Gustaríame ver esa mesma polémica, ese mesmo enfado, cando vemos que tiran a unha muller por unha fiestra”, manifestou Silva.

 

“Este vai ser o século das mulleres - asegurou a presidenta da Deputación -, desde o día 8 de marzo a sociedade revelouse contra as inxustizas que padecemos o 52% da poboación e este é o momento de deixar as palabras e poñer en marcha normas que loiten contra a fenda salarial, que obriguen a que as mulleres teñamos representación en todos os eidos e que na educación a igualdade sexa unha formación transversal”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación manifestou a necesidade de que as persoas que van ser xuízas e xuíces teñan formación en xénero, así como as forzas e corpos de seguridade, “para que as mulleres que sufran sintan que teñen á sociedade do seu lado”.

 

Ademais, a presidenta puxo en valor o traballo desenvolvido polo concello de Lalín, que “xa é un referente na loita pola igualdade e diversidade”. Neste eido, Carmela Silva aproveitou para reivindicar que “unha sociedade igualitaria e que admite a diversidade, que loita pola inclusión e contra as violencias, é unha sociedade mellor, unha sociedade na que mereza a pena vivir e na que todas e todos seríamos máis felices”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados