Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Miércoles, 18 de septiembre de 2013
gondomar

Arranca Gondomar Emprega, o novo programa de apoio á busca de emprego

Gondomar Emprega desenvolverase de setembro a decembro no Centro Neural do municipio

Onte presentouse o novo Programa de Apoio á busca de Emprego no Concello de Gondomar. Esta iniciativa, posta en marcha pola Concellaría de Emprego e Formación do Concello de Gondomar, xorde da necesidade de ofrecer á poboación desempregada do municipio un estímulo na súa tarefa que manteña activamente a súa busca de emprego.


Gondomar Emprega articúlase en torno a dous grandes piares: por unha parte, os clubs ou grupos de emprego e por outra, unha serie de charlas e coloquios.


 

Clubs de Emprego e apoio individual

30 veciños e veciñas de Gondomar conformarán os grupos de emprego. Divididos en 4 grupos de entre sete e oito persoas reuniranse unha vez á semana (martes ou xoves) co obxectivo de compartir e intercambiar experiencias para así, fomentar unha busca activa de emprego.


Ademais destas sesións grupais, unha vez por semana, os participantes tamén recibirán apoio individual da man de técnicos e titores de inserción laboral que guiarán o proceso de busca aos usuarios, facilitando información e asesoramento. Por outra parte, e tendo en conta o grande impacto da rede no mercado laboral, os usuarios tamén terán apoio específico na busca emprego dixital, tendo á súa disposición a aula de informática.


"Os clubs de emprego non só serán un lugar no os usuarios reciban axuda de parte de persoal especializado senón que, tamén eles poderán axudarse entre si. Se alguén encontra, por exemplo, un curso interesante ou unha oferta que non se adapte á súa busca, compartirá a información con outros compañeiros", explicaba Natalia Salgueiro, responsable da área de Emprego do Concello.


Actualmente 2 dos 4 grupos de Gondomar Emprega xa están pechados, non obstante aínda quedan prazas. Os interesados en formar parte deste programa poden facelo achegándose ao Centro de Desenvolvemento Local, no teléfono 986 384 020, ou na dirección de correo electrónico www.cdlgondomar@gmail.com.

 

Charlas e coloquios

Outra das accións que se pretende levar a cabo dentro do programa Gondomar Emprega son " Os xoves emprego". Trátase dunha serie de charlas-coloquios quincenais que terán como materia a busca innovadora de traballo con temática variada, de grande actualidade e sempre aberta á demanda do grupo.


Natalia Salgueiro, concelleira de Emprego do Concello de Gondomar, reitera o compromiso do Concello coa axuda á busca emprego. "Dende o Concello de Gondomar seguiremos, apoiando a busca activa de emprego poñendo a disposición dos nosos veciños e veciñas todos os medios que estean nas nosas mans," afirma Salgueiro.


Gondomar Emprega desenvolverase de setembro a decembro no Centro Neural do municipio.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados