Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Viernes, 14 de marzo de 2014
Carlos Vázquez Padín, concelleiro de Converxencia 21

“Proporíamos a creación dunha eurocidade de verdade, independente de España e de Portugal”

Guardar en Mis Noticias.

Segundo o concelleiro tudense "Tui e Valença deberían poder aprobar a súas respectivas secesións de España e Portugal en referendo ao tempo que poderían pronunciarse sobre a unión entre elas"

[Img #12577]

 

Carlos Padín fixa coma prioridades o aparcamento, a apertura da rúa Ourense e a aprobación do PECHA

 

Carlos Vázquez Padín é o concelleiro de Converxencia 21 na corporación municipal de Tui. A ano e medio para que remate o actual mandato valorou para Xornal21 a tarefa do equipo de goberno e situación da cidade.

 

Qué valoración realiza vostede destes algo máis de dous anos  de goberno do PP en Tui?

 

A valoración de conxunto é claramente negativa, non se avanzou significativamente en ningún dos proxectos estratéxicos para o concello, como a apertura da rúa Ourense, o goberno aínda foi incapaz de aprobar o PECHA, Plan Especial do Conxunto Histórico Artístico. Por si fora pouco a voracidade fiscal e parálise burocrática do concello continua empobrecendo aos tudenses, neste momento a inoperancia do concello, nomeadamente no departamento urbanístico dirixido polo alcalde, continua prexudicando a vida e o peto de moitos tudenses. Non se pode esquecer as sombras de corrupción que continúan planeando sobre o concello de Tui desde que a dinastía Rocha-Moises comezara a súa andaina hai xa moitos anos.

 

Estamos en mans dun equipo de goberno con escasa ou nula competencia, resulta dramático que a cidadanía escolla para gobernar a un equipo tan frouxiño como o do PP. Desde logo Tui estao pagando co seu estancamento, nos últimos 14-16 anos temos visto como Tui perde o paso xa non só con respecto ás cidades senón tamén con respecto a concellos a priori moito menos importantes como O Porriño, Tomiño, Salceda ou ás portuguesas Valença, Monção ou Cerveira.

 

Moises Rodríguez carece de liderazgo e ten un perfil moi baixo e o seu equipo en xeral merece o mesmo cualificativo, Tui debe repensar se quere estancamento, ineficacia e corrupción. Témome que as redes clientelares (favores, enchufes, etc) xogan un papel crucial na explicación dos resultados electorais.

 

Estase na actualidade tramitando o ordenanza reguladora do tráfico no Conxunto Histórico. Qué opinión lle merece?

 

Insistimos na necesidade de fornecer alternativas de aparcamento antes de restrinxir as zonas para tal uso.

 

Percibimos boa intención no concelleiro do Casco Histórico pero dubidamos da capacidade de implementación dunha medida de certa complexidade como esta. Aínda que con certos matices, a opinión de conxunto é favorable, o tempo diranos se son quen de poñelo en práctica.

 

Cales son para vostede as principais necesidades que ten arestora o municipio?

 

Solucionar o problema do aparcamento, aprobar o PECHA, abrir a rúa Ourense, baixar taxas municipais e lograr que o concello deixe de ser un estorbo burocrático en areas tan críticas como o urbanismo. En definitiva, menos impostos e mellor xestión, algo para o que o actual equipo de goberno demostrou xa sobradamente non ter intención nin capacidade.

 

Estamos no mes de marzo e aínda non foron aprobados os orzamentos de 2014. Cómo deberían ser eses orzamentos?

 

Os orzamentos deberían basearse en algo que aínda non vimos en Tui a conxelación de gastos de persoal e a redución drástica dos gastos correntes, que non teñen parado de aumentar desde que o señor Rodríguez Pérez é alcalde. Pola contra este aforro en gastos correntes e persoal habería que trasladalo a baixadas de impostos e ao capítulo de investimentos para poder acometer proxectos estratéxicos como os xa mencionados.

 

Ademais habería que prestar especial atención á xestión do remanente de tesourería, o alcalde non soubo responder a unha pregunta que lle formulei sobre a rentabilidade dos máis de dous millóns de euros que din ter en contas bancarias; arrepiante o desinterese, alguén imaxina unha familia ou unha empresa que non trate de rentabilizar os aforros? o PP en Tui, igual que en España, prefire manter o despilfarro e aumentar a súa voracidade fiscal a conta dos que si producen riqueza, exactamente o mesmo que defende a esquerda, a famosa redistribución que soe acabar en mans duns cantos mangantes. Todo isto é o oposto ao liberalismo que promove Converxencia 21.

 

Queda algo máis de ano e medio para que remate o actual mandato. Qué proxectos serían para vostede irrenunciables?

 

A dotación de aparcamento en condicións, a apertura da rúa Ourense e a aprobación do PECHA.

 

Por último qué valoración realiza da Eurocidade Tui e Valença?

De contarmos con apoio para unha proposta de enorme calado, desde C21 proporiamos a creación dunha eurocidade de verdade, independente de España e de Portugal e con impostos baixos para atraer investimento, emprego e riqueza, se fosemos capaces de librarnos dos infernos fiscais español e portugués a eurocidade podería converterse nun dos lugares máis prósperos da península ibérica e un verdadeiro paraíso comercial.

 

Tui e Valença deberían poder aprobar a súas respectivas secesións de España e Portugal en referendo ao tempo que poderían pronunciarse sobre a unión entre elas. Naturalmente na actualidade dubido que haxa apoio social para esta alternativa, pero coa valentía e carácter innovador que caracteriza ao noso partido, lanzamos a idea para xerar un debate que coidamos enriquecedor e necesario.

 

Desde logo a Liechestein ou a Andorra vailles moi ben con este modelo que é o que eu propoño para a eurocidade Tui-Valença e a experiencia histórica do Couto Misto indica que entre Galicia e Portugal xa existiu algo semellante.

 

O que si está claro é que a pseudo-eurocidade de paripé da actualidade só serve para tragar máis recursos dos contribuíntes en diversos saraos políticos que non teñen ningún efecto práctico positivo nas vidas de quen os financia involuntariamente (os contribuíntes).

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados