Jueves, 15 de Enero de 2026

Redacción / Xornal21.es
Sábado, 13 de Febrero de 2016 Tiempo de lectura:
Provincia

As intensas choivas provocan 68 incidencias na provincia de Pontevedra

[Img #22975]

 

O CAE 112 Galicia rexistrou entre as 19:00 horas de onte e as 07:00 horas desta mañá un total de 68 incidencias relacionadas coas persistentes choivas na provincia de Pontevedra. Os derrubamentos de pedras e terra en vías de circulación están a ser máis que frecuentes nestas últimas horas.

 

Así, a N-555, ao seu paso por Redondela, permanece cortada ao tráfico dende as 23:00 horas de onte tras producirse un importante desprendemento na subida ao Aeroporto. Os efectivos de emerxencias no punto indicaron que resultaran afectados varios vehículos e unha vivenda, mais non se rexistraron danos persoais. En Moaña, no Corredor do Morrazo, outro desprendemento mantén cortado o carril en sentido Cangas á altura do punto quilométrico 1.

 

Os particulares que chamaron ao fío das 20:40 horas de onte para alertar da presenza de pedras e terra na estrada víronse sorprendidos polo derrubamento e indicaron que numerosos coches quedaran parados. Na mesma situación víronse, na tarde de onte, os usuarios da PO-10, ao paso por Pontevedra, cando un derrubamento sorprendeu a unha vintena de coches. Igualmente, a autovía que une Pontevedra e Bueu (VG 4.4) viuse afectada no quilómetro 2 polo mesmo motivo.

 

Os corrementos de terra tamén están a afectar a vivendas particulares e incluso, nalgúns casos, os efectivos de emerxencias procederon a desaloxar domicilios por precaución. Este foi o caso de dúas vivendas en As Neves, na parroquia de Batalláns, lugar de Porteirón. Tamén en Pazos de Borbén, no lugar de Sequeiros, outras dúas vivendas foron desaloxadas ante a presenza dun derrubamento do terreo. A crecida dos ríos centrou boa parte das incidencias que, xunto coa acumulación de auga en estradas e rúas, está a provocar cortes de circulación en estradas dos concellos de Mos, Vilaboa, Tomiño e O Porriño. Neste último concello, un camión tivo un accidente ao ceder a estrada pola que circulaba e corría risco de caer a un río. Tratouse da vía que comunica O Porriño e Gondomar, á altura da curva de Abelenda.

 

Non foi o único, posto que a presenza de auga nas estradas sorprendeu a  outros condutores tamén no concello de Portas. Alí, os efectivos de Protección Civil de Cuntis tiveron que remolcar a un vehículo, cunha persoa no seu interior, que quedara atrapado nunha pista totalmente anegada no lugar de Paradela, á altura da praia fuvial. A enchente dos ríos e as persistentes choivas tamén se deixou notar nas vivendas. Así, o CAE 112 Galicia rexistrou multitude de chamadas de particulares alertando da presenza de auga no interior dos seus domicilios en Redondela, Ponteareas ou Mos.

 

A provincia de Ourense tamén se viu afectada pola acumulación de auga e polo aumento do caudal dos ríos. De feito, efectivos de emerxencias locais vixían o comportamento dos ríos Sil (no Barco de Valdeorras), Miño (en Ourense) e Tea (en Ponteareas), debido a que o seus caudais acadaron niveis de alerta. En canto a complicacións na circulación, a A-52 permanece cortada ao tráfico á altura do concello de Melón por mor dun desprendemento no seu quilómetro 264, en dirección Vigo. Tamén en Ribadavia, o desbordamento do río Avia, provocou o corte da 0U-0305, no tramo que discorre ata Arnoia.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.129

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.