Jueves, 15 de Enero de 2026

Xornal21
Sábado, 23 de Abril de 2016 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Técnicos de Areeiro detectan os primeiros brotes de mildiu nas viñas do Salnés

Os especialistas aconsellan iniciar de xeito inminente o tratamento contra o fungo, que proliferou grazas á humidade e á calor dos últimos días.

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, emitiron hoxe un aviso fitosanitario no que alertan da detección dos primeiros brotes de mildiu nas viñas do Salnés e aconsellan iniciar de xeito inminente o tratamento.

 

Desde Areeiro detectáronse as primeiras manchas de mildiu na parcela de seguimento de Tremoedo (O Salnés) o día 20, se ben tamén hai coñecemento doutras manchas en viñedos de Sisán e noutras localidades da mesma comarca sen confirmar polos técnicos. Segundo indica a especialista Rosa Pérez Otero, responsable do aviso, "as condicións climáticas dos últimos días facían esperar a posible aparición dos primeiros síntomas, pois á elevada humidade relativa sumáronse temperaturas nocturnas moi altas -a estación meteorolóxica de Tremoedo, da rede de MeteoGalicia, rexistrou 17º na noite do día 18 ao 19-.  Estas condicións son perfectas para a aparición e desenvolvemento do fungo". Estas circunstancias especialmente favorables ao fungo tamén se demostran co feito de que na parcela de seguimento de Areeiro algunhas manchas, que presentaban unha esporulación incipiente, chegaron a medrar en brotes da viña que non acadaban nin os 10 centímetros de lonxitude.

 

Ante esta situación, e aínda considerando que moitos viñedos se atopan máis atrasados, os técnicos de Areeiro aconsellan a aplicación do primeiro tratamento fronte á enfermidade. Este debe realizarse cun funxicida sistémico (que ataca o fungo desde dentro) ou penetrante (que incide localmente na zona afectada), xa que ambos adoitan levar incorporado a maiores un funxicida de contacto. No caso de viñedos con brotes, follas ou varas danados polo pedrazo ou a sarabia, o tratamento debe conter tamén "folpet", un cicatrizante que evita que entre outro tipo de fungos polas feridas da planta.  

 

Finalmente, os técnicos apuntan que o tratamento pode demorarse ata a aparición das primeiras manchas nos terreos nos que apenas estea despuntando a vexetación da viña, sempre e cando se realice unha vixilancia exhaustiva. Neste caso a busca dos síntomas debe centrarse na zona inferior das varas, pois é onde se pode localizar maioritariamente o mildiu a inicios da campaña.

 

Cabe lembrar que nesta época do ano, e coa gran cantidade de chuvia caída nos últimos días, as viñas poden presentar outras manchas relacionadas con alteracións diferentes ao mildiu, como poden ser as descoloracións simples das follas ou outros fungos. As manchas do mildiu caracterízanse por ser moi semellantes a unha mancha de aceite na face da folla -que despois deriva a un cor amarelo- e por presentar unha capa pálida branca de lanuxe no envés.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.191

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.