Jueves, 22 de Enero de 2026

Xornal21
Viernes, 29 de Abril de 2016 Tiempo de lectura:
PONTEAREAS

Rogelio Groba regala unha obra exclusiva ao Corpus de Ponteareas

A Marcha das Flores estrearase na vindeira edición do Corpus e serve como agradecemento por parte do compositor ao Concello pola rúa que levará o seu nome a partir do vindeiro 30 de abril.

[Img #24546]

 

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, e Hortensia Bautista, concelleira de Cultura, recibiron esta mañá, de mans de Rogelio Groba, a obra exclusiva e especialmente dedicada ao Corpus de Ponteareas, A Marcha das Flores, un “agasallo que pretende demostrar o enorme afecto que teño por Ponteareas, un sentimento que sempre preferín amosar máis con actos que con palabras”, tal e como recoñeceu o afamado compositor.


Este “afecto” xa se viu perfectamente reflectido coa realización doutros traballos como a cantata “Corpus en Ponteareas”, elaborada para orquestra sinfónica, ou a obra “Polas rúas de Ponteareas”, deseñada para orquestra de corda, ámbolos dous entregados polo propio Groba ao Concello de Ponteareas en anos anteriores.


A Marcha das Flores é unha obra con ritmo de muiñeira na que a base instrumental é marcada pola percusión. Trátase dun traballo que terá a súa “estrea oficial na vindeira edición do Corpus Christi e que será tocada, cada ano e de maneira exclusiva, na nosa maior festividade”, afirmou o rexedor local, Xosé Represas. A edil de Cultura, Hortensia Baustista, tamén celebrou o feito de que “grazas á xenerosidade do mestre Groba o Corpus teña un punto máis de exclusividade con esta obra”.


Ideada para a procesión desta Festa, a entrega por parte de Rogelio Groba da Marcha das Flores ao Concello de Ponteareas tamén é “unha forma de agradecer o inmenso honor que supón para min o feito de que a actual corporación decidira dedicarme unha rúa no meu municipio natal”.


A actual rúa Darío Bugallal, situada ao carón da Casa do Concello, pasará a chamarse, a partir do vindeiro 30 de abril, rúa Rogelio Groba Groba. O acto oficial no que se descubrirá a placa co novo nome dará comezo ás 19:00 horas e contará coa presenza do propio compositor (Fillo Predilecto de Ponteareas) e da Banda de Música Unión de Guláns, que interpretará a música do mestre.


RESUMO DA TRAXECTORIA DE ROGELIO GROBA
Rogelio Groba Groba naceu en Guláns o 16 de xaneiro de 1930 e dedicou a práctica totalidade da súa vida á música, dándolle a Galicia un pulo importante no eido da chamada “música culta”. Primeiro como instrumentista (na Unión de Guláns), logo como director de bandas (A Unión, as municipais de A Estrada, Tui, Ponteareas, Pedro Muñoz –Cidade Real- e A Coruña, ademais de varias “harmonies” e “fanfares” en Suíza), de coros (a “Masa Coral Estradense”, o “Rosalía de Castro” da Casa Galega en Madrid, “Follas Novas” e “El Eco” en A Coruña), ou de orquestras (a Orquestra do Conservatorio Superior de Música de A Coruña, a Orquestra de Cámara Municipal de A Coruña e, ocasionalmente, a Real Filharmonia de Galicia ou a London Symphony Orchestra).


Foi nomeado Compositor Asociado á Orquestra Sinfónica de Galicia no ano de nacemento desta última. Exerceu, ademais, como profesor de Harmonía, Contrapunto e Fuga, e Composición no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, do que foi director durante vinte anos, e fundou numerosos conservatorios dentro da xeografía galega.


Con todo, o seu gran legado é o da composición. Rogelio Groba Groba compuxo, ata este momento, preto de 700 títulos con obras dos máis variados xéneros e estilos, dende pequenas cancións tradicionais ata sinfonías, óperas, cantatas, música sinfónica, de cámara, para banda, entre outras.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.