Sábado, 22 de Noviembre de 2025

Xornal21
Domingo, 15 de Mayo de 2016 Tiempo de lectura:
MOS

A Comisión de Estudo do transporte municipal consensúa o regulamento e o estudo económico do servizo

Na mesa de traballo estiveron presentes a alcaldesa, técnicos e representantes dos grupos da Corporación Municipal.

[Img #24909]

 

Tras a súa sesión de constitución, a Comisión de Estudo do transporte municipal celebrou esta semana a súa primeira reunión na que se iniciaron os traballos a realizar pola mesa de traballo de cara á posta en marcha durante o verán do servizo de transporte urbano pola vía municipal.

 

Nesta primeira reunión consensuouse o regulamento do servizo, no que se establecen, entre outras directrices de funcionamento, os dereitos e deberes dos usuarios do mesmo, as características que deberán ter os autobuses que presten o servizo, condicións de accesibilidade, etc.

 

A idea do Concello, compartida por dirixentes e técnicos municipais, así como por todos os grupos da Corporación, é sacar a concesión do servizo por un ano para ver como funciona e se a demanda dos usuarios é real e verdadeiramente son moitos os pasaxeiros.

 

As rutas e horarios deseñados poderán ser modificados pola administración local como considere segundo se vaian perfilando as necesidades do servizo unha vez este bote a andar. Esta posibilidade de modificación ven xa estipulada no regulamento onte tratado pola Comisión de Estudo.

 

Outro dos puntos abordados nesta primeira reunión foi o estudo económico de costes que está estimado nuns 45.000 euros anuais polo departamento municipal de Intervención, aínda que para establecer os costes reais hai que esperar a coñecer o volume real de usuarios do servizo e, en función dos mesmos, os ingresos anuais que lle reportará á empresa concesionaria a prestación do servizo en Mos. Ditos ingresos calculáronse agora en base a unha estimación media de 7.000 euros/ano.

 

A tarifa establecida para o billete do transporte urbano mosense será a máis simple: 0,85 euros. Será un billete único e os usuarios non terán que volver a pagar durante unha hora aínda que fagan transbordo a outra liña tanto do transporte urbano como do interurbano a outros municipios da Área Metropolitana.

 

Ambos puntos, tanto o regulamento como o estudo económico foron votados favorablemente por todos os membros da mesa e serán aprobados a vindeira semana en Comisión Informativa.

 

Estes dous puntos constitúen parte da memoria necesaria para que o transporte urbano municipal mosense poida ser aprobado definitivamente en Pleno. Tras a aprobación polo Pleno da Corporación Municipal e ser sometida a información pública durante o prazo dun mes; quedará aprobada definitivamente.

 

A memoria constitúe o procedemento previo para poder establecer o servizo público de transporte municipal. Tras a aprobación da mesma xa se poderá iniciar o procedemento de contratación da empresa concesionaria.

 

É dicir, que este é o paso previo para sacar a licitación a concesión, e que tódalas empresas que estean interesadas en optar a xestionar o transporte municipal mosense poidan presentar as súas ofertas culminando coa contratación dunha delas como concesionaria e poñendo en marcha, a continuación, o devandito servizo de transporte; que dende a administración local estímase que será de cara ao vindeiro verán.

 

Na reunión de onte estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Medio Ambiente, Urbanismo e delegada de Mobilidade, Julia Loureiro, a secretaria, a enxeñeira, e o interventor municipais, así coma representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal.

 

Detalles do servizo de transporte municipal

O proxecto de transporte municipal presentado polo Concello de Mos consiste nun sistema de buses lanzadeira distrubuídos en dúas liñas que comuniquen as dez parroquias mosenses entre sí e coas paradas do Transporte Metropolitano sitas en Puxeiros, Peinador, Tameiga, Sanguiñeda e San Cosme en Cela; o que lles permitirá ós veciños e veciñas de calquera punto da localidade mosense desprazarse no transporte público en igualdade de condicións. Ademais este servizo comunicará cos principais puntos de interese e afluencia veciñal do municipio que son o Centro de Saúde do Rebullón, o Instituto nas Pozas e o Pavillón Óscar Pereiro nas Pozas tamén.

 

“Este plan correspóndese ó proxecto de transporte municipal que o Partido Popular de Mos presentou como parte do seu programa electoral nos pasados comicios locais”, segundo declaraba a rexedora mosense.

 

Sobre este Plan de Transporte Municipal Arévalo explicou que constará dun autobús lanzadeira de liña circular que comunicará as 10 parroquias mosenses entre sí e cos puntos de enlace co Transporte Metropolitano, para poder desplazarse ata calquera dos municipios da área.

 

Ademais de comunicar as 10 parroquias entre sí esta liña comunica a tódalas parroquias mosenses coas zonas de intercambio co Transporte Metropolitano que une Mos coas demais localidades da Área Metropolitana.

 

Neste sentido, Arévalo destacou a importancia deste plan que conectará as parroquias sen servizo coas paradas do Transporte Metropolitano, garantindo deste xeito a mobilidade de todas as parroquias tanto entre elas como con outros concellos metropolitanos.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.115

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.