Domingo, 18 de Enero de 2026

Xornal21
Jueves, 21 de Julio de 2016 Tiempo de lectura:
A GUARDA

A Guarda recoñece ao fotógrafo Joaquín García “Costiña” como pioneiro do cinema cun abano de actividades

Unha exposición da Casa dos Alonsos inaugurarase o venres 22 de xuño, acompañada dunha proxección nocturna na Praza do Reló.

[Img #26327]

 

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, deseña unhas actividades arredor da figura e máis da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do “Costiña”.

 

O venres 22 de xuño, ás 21 horas, inaugurarase unha exposición na Casa dos Alonsos que leva por título Camiños da Imaxe, que chegará acompañada por unha proxección nocturna na Praza do Reló, ás 22:30 horas.

 

Proxecto Socheo comisaría esta exposición na que se pretende render homenaxe ao “Costiña”.

 

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na vila na que viviu entre os anos 1894 e 1957. Na exposición atoparemos imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, obxectos e fotografías persoais do fotógrafo que ilustrarán a súa biografía e poderán verse os seus filmes familiares.

 

O achado, estudo e posterior dixitalización destes filmes motiva este programa de actividades arredor do Costiña. Foron realizados entre os anos 1926 e 1929 e, ata o día de hoxe, supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.

 

[Img #26325]Atopámonos así ante o pioneiro do cinema na Guarda. No seus filmes poderemos ver escenas familiares na casa que o fotógrafo tiña en Mazaracos, escenas do campo filmadas no Castro, as festas de setembro da Guarda e imaxes do barrio da Marina. Son imaxes cun forte carácter etnográfico, unha consideración que fai destas imaxes uns documentos patrimoniais de grande magnitude.

 

Beli Martínez, produtora da exposición, sinala que “será unha exposición chamada a ser degustada con calma, para viaxarmos no tempo pola historia da Guarda. Será unha porta a través da que poderá escoitarse a chamada dos nosos antepasados. A maioría das facianas das fotografías non sabemos a quen pertencen, polo que convidamos a todos os guardeses a que entren no proceso que propomos e nos axuden a identificalas”.

 

Este tecido de actividades rematará no mes de novembro cando se faga a presentación dun pequeno libro dedicado a súa vida e a súa obra. Unha publicación na que interveñen especialistas do mundo da fotografía e do cinema como Manuel Sendón, Luis Parés ou Fernando Redondo.

 

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

 

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 100.000 visitas e no portal www.proxectosocheo.com . Pódense visionar máis de 350 películas desde finais da década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

O Proxecto Socheo, nado no 2012, foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico… entre outros.

 

Ademais, e da man do IES A Sangriña, acadou o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no ano 2014.

 

Para seguiren nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.