Martes, 23 de Septiembre de 2025

Xornal21
Viernes, 09 de Junio de 2017 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

O poeta David Fernández Rivera inaugura un mural de poesía visual no Porriño

Hoxe ás 12:00 h da mañá, o poeta e dramaturgo vigués David Fernández Rivera, inaugurará en Porriño o seu poema visual "Azabache". A obra estará situada na fachada da piscina municipal. Con este poema e o conseguinte acto de presentación, David Fernández Rivera pretende inmortalizar as diferentes experiencias que viviu cos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria de todos os centros educativos do municipio entre o 2016 e o 2017, pequenos cos que o artista compartiu o seu Proxecto Caligrama 2000, unha dinámica que pretende achegar aos máis pequenos ás diferentes manifestacións históricas e contemporáneas de poesía visual. Ao acto acudirán a maior parte dos alumnos que puideron gozar destes obradoiros que, xunto ao mural de poesía visual, foron coordinados e organizados pola Concellería de Educación que dirixe Lourdes Moure. Do mesmo xeito, o mural contou coa colaboración de Pinturas Xylazel e do artesano Ricardo García para a súa execución.

 

Dentro das múltiples e infinitas interpretacións da obra, “Azabache” é, en síntese, unha reivindicación da infancia, a mocidade e, especialmente da nosa esencia ou autenticidade, un valor que contrasta totalmente coa superficialidade dunha parte importante da nosa sociedade.

 

Con "Azabache", David Fernández Rivera inicia unha serie de murais de poesía visual que forman parte da súa colección "Rostros de Cuarzo", unha exposición de diferentes creacións de poesía visual, poesía obxecto, escultura e instalación que o artista buscará expoñer en diferentes museos e salas a partires do 2018. Polo momento, tamén o municipio de Covelo en Galicia e varias cidades en Colombia sumaranse á iniciativa de Rivera de levar parte da súa colección á pel dos máis diversos lugares. Deste xeito, con este mural, o Concello do Porriño é o primeiro en acoller unha proposta única que loita por desenmarcar a arte máis contemporánea do contexto de sala ou museo para que forme parte da contorna urbana e rural dos máis diferentes paisaxes.

 

O autor pretende que todas e cada unha destas obras axuden a dinamizar novas creacións artísticas. De feito, moitas das obras de "Rostros de Cuarzo", ademais de poemas visuais, son estímulos de danza, son ou performance. Sen ir máis lonxe, hai uns días o poeta estreou en Valencia o poema visual "Iceberg", concretamente sobre o son dun piano. No caso de "Azabache", en palabras do artista, predomina o estímulo de creación performativa ou teatral sobre outras características.

 

Non é casualidade que esta obra estea dedicada, ademais de aos nenos e nenas do Porriño que participaron no Proxecto Caligrama 2000, a Josep Lluís Sirera Turó, catedrático, investigador e autor teatral valenciano, así como un dos principais defensores das novas linguaxes e formatos de creación escénica e teatral. Antes do seu falecemento, Josep Lluís compartiu unha intensa relación con David Fernández Rivera. Moi afín á concepción teatral do vigués, non dubidou en comparar a súa filosofía creativa coa de Joan Brossa. Tanto é así que Josep Lluís Sirera foi o primeiro en publicar estímulos teatrais semellantes a "Azabache" na súa revista de teatro contemporáneo e novas creacións. 

 

Esbozo biográfico

David Fernández Rivera (Vigo, 1986), poeta, dramaturgo, compositor, coreógrafo e director teatral. A súa traxectoria está marcada polo inconformismo, a procura continua da vangarda, así como polo seu compromiso para coa nosa propia identidade natural, entendido este como etiología fundamental da súa lírica. É coñecido por materializar a súa obra a través dos códigos máis diversos e imposibles, enfrontando inclusive o poema ás limitacións propias da linguaxe e os idiomas. 

 

Publicou os poemarios “Caminando entre brumas” (2004), “Sentimento y luz” (xunto ao fotógrafo, Luís Lorenzo, 2005), “Canciones de mi ausencia”(2005), “Corceles” (antoloxía de mocidade, 2006), “Entre la sombra y el grito”(2008), “Alambradas”(2010), “Sahara”(2011), “Ágata” (2014) e o libro-disco "Fractal" (2016).

 

Artista e divulgador precoz, comezou aos dezaoito anos como locutor, dirixindo e colaborando en diversos programas de radio para emisoras tanto locais (Radio Ecca e a súa posterior emisión desde Cadena 100) como autonómicas (Radio Voz). Así mesmo, o seu inicio en traballos relacionados co teatro darían os seus primeiros pasos antes da quincena. Ao longo deste tempo, escribiría e dirixiría varias obras teatrais, para participar tamén como actor en compañías españolas e internacionais.

 

Antes de modificar a súa concepción creativa para unificar poesía, son, imaxe e teatro en “Esferas”(2015), publicaría o texto teatral “Hipnosis”/”La Colonia”(2012). 

 

No 2009 fundaría a “Compañía de David Fernández Rivera”, entidade que actualmente xestiona, produce e dirixe. Para ela preparou a posta en escena de “La Guadaña entre las flores” de Ángel Padilla (2008), así como os textos escritos e dirixidos polo propio autor, como “Alambradas V.L.” (2010), “Ecos de la Noche” (2011) e “Fractal” (2015). Rivera caracterízase por alternar a procura máis extrema de novas linguaxes coa vontade de achegar a poesía ao público.

 

Boa mostra diso son os seus discos, entre os que destacan “Ecos de la noche” (2011) e “Fractal” (2016); ademais das homenaxes a poetas como Miguel Hernández (“Miguel Hernández. Poemas selectos”, 2012) e Federico García Lorca (“Romancero Xitano, Poemas selectos”, 2011).

 

A súa traxectoria na investigación pedagóxica comezaría na Facultade de Ciencias da Educación en 2004. Con todo, non comezaría a ofrecer os seus primeiros obradoiros ata setembro do 2008. A súa primeira dinámica sería o “Proxecto Caligrama 2000”. Por vez primeira, David uniría as súas dúas grandes paixóns (pedagoxía e creación) nunha única entidade. O obradoiro foi crecendo, sendo todo un banco de observación e investigación da súa concepción pedagóxica, nel está a raíz de moitos dos seus artigos. A día de hoxe este obradoiro percorreu diferentes comunidades autónomas, e mesmo se levou a cabo de xeito internacional.

 

Ao longo da súa traxectoria recibiu importantes recoñecementos como o da “Fundación Cultural Miguel Hernández” coa entrega do busto do poeta; recibiu tamén un “Disco de Ouro” de mans do xerente da súa discográfica por “Ecos de la noche” e mesmo recibiu un acto homenaxe na súa cidade natal (Vigo) hai tres anos. Foi condecorado como “Hóspede de Honra” polo municipio colombiano de Santa Rosa de Osos (Antioquia, Colombia), e recoñecido polo seu labor nas artes escénicas coa “Huella Débora Arango” pola “Escola Técnolóxica Superior de Artes Débora Arango” (Colombia). Do mesmo xeito, diversas Institucións Educativas de Colombia distinguiron o seu traballo no campo educativo como tallerista nas súas aulas.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.17

Todavía no hay comentarios

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.