Jueves, 27 de Noviembre de 2025

Xornal21
Lunes, 10 de Julio de 2017 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación de Pontevedra presenta un documental sobre a realidade das persoas trans baseado na mostra “Sorrisos Transformadores”

Carmela Silva amosou o seu rotundo apoio á proposta de Lei de Identidade de Xénero de Galicia que se presentará mañá no Parlamento autonómico.

[Img #33873]

 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola presidenta da Asociación Arelas de Familias de menores trans, Cristina Palacios, e a fotógrafa e directora Noemí Chantada, presentou hoxe a peza documental “Sorrisos Transformadores. Orgullo Trans”, unha película de 20 minutos que recolle as testemuñas e realidades das persoas que protagonizan a campaña de visibilización positiva e sensibilización de igual nome da Deputación de Pontevedra, posta en marcha pola institución provincial o pasado ano. A película presentouse hoxe aos medios como mostra de apoio á Lei de Identidade de Xénero de Galicia que se debaterá mañá, martes 11 de xullo, no Parlamento autonómico.

 

A Presidenta aproveitou este acto para amosar o rotundo apoio do goberno provincial a “esta importantísima demanda dos colectivos LGBTI de Galicia, unha demanda baseada no respecto ás persoas, á identidade sexual, a diversidade, á tolerancia e á liberdade nunha sociedade  xusta, democrática e decente”. Silva asegurou non poder comprender os argumentos para votar en contra dunha lei que defende “os dereitos fundamentais das persoas” recollidos pola Constitución nos seus artigos 9.2 e 14 e aos que polo tanto é unha obriga darlles cumprimento e fixo fincapé en que “non se pode lexislar con visións ideolóxicas”.


Segundo explicou Carmela Silva, nun principio editáronse 8 pezas curtas pensadas como soporte en vídeo á exposición fotográfica “Sorrisos Transformadores” e para axudar a divulgar a mensaxe en diferentes formatos, redes sociais, TV, exposicións , chegando así coa campaña ao maior número de persoas posible pero debido á “relevancia e interese” do material documentado decidiuse elaborar unha peza audiovisual de maior envergadura, 20 minutos de duración, no que se afonda sobre as diferentes realidades ás que se enfrontan as persoas trans* na nosa sociedade e no que podemos coñecer de primeira man as testemuñas das e dos protagonistas da exposición Sorrisos Transformadores, Pablo, Hugo, Ivana, Miguel, Penélope, Carmen, Cristina, Jesús, Sara, Rio; todas elas persoas vinculadas ao colectivo trans, ben por pertencer a el, ou porque están relacionadas coa realidade trans pola súa profesión (educador/a, xurista, decana, política, psicóloga). O documental será difundido a través de todos os medios incluíndo festivais de cine co obxectivo de acadar ao maior número posible de persoas.

 

Carmela Silva informou de que dende a posta en marcha da campaña Sorrisos Transformadores preto dun milleiro de rapazas e rapaces de 13 centros escolares visitaron a mostra e participaron das charlas impartidas pola Presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios, que acompañan á exposición cada vez que se presenta nun concello novo. Segundo indicou Carmela Silva a campaña, que “ten vida propia” está a ser un éxito que “incluso saíu das fronteiras da provincia” posto que outras institucións e concellos a solicitaron tamén. De feito a exposición fotográfica puido visitarse na Facultade de Ciencias de Educación de Santiago de Compostela, actualmente está no concello de Sarria e ten previsto visitar máis concellos coruñeses.

 

 

 

 

Preto dun millar de rapaces e rapazas de 13 centros escolares participaron das charlas impartidas por Cristina Palacios, como parte da campaña Sorrisos Transformadores

 

 

 

 

Pola súa banda, Cristina Palacios, moi agradecida pola implicación da Deputación de Pontevedra neste proxecto, destacou a gran importancia que esta campaña está a ter “sobre todo no ámbito rural onde a visibilización deste colectivo é especialmente complicado”, e sinalou que dende a posta en marcha da mesma foron xa varios os casos de menores e familias que se puxeron en contacto coa organización para solicitar máis información, o que segundo Palacios serve para desmentir a idea de que “non hai menores trans”.

 

Do mesmo xeito, a autora das imaxes da mostra fotográfica e directora da peza documental, Noemí Chantada, destacou durante a presentación unha frase recollida no documental e que segundo a artista audiovisual recolle a esencia desta iniciativa “o único importante é que os nenos e nenas sexan felices, co cal as institución e a sociedade temos que camiñar xuntas cara a iso, coas leis, coa solidariedade e co que estea na nosa man para conseguir que estas persoas sexan felices”.


Sorrisos Transformadores é unha das iniciativa impulsadas pola Deputación de Pontevedra que naceu con motivo da celebración do día do orgullo LGTBI, o 28 de xuño de 2016, co obxectivo de poñer en marcha unha campaña de sensibilización dirixida á sociedade para a prevención de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou identidade de xénero, e a poboación escolar co fin de combater o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das identidades de xénero.

 

Ata a data a exposición fotográfica xa visitou 12 concellos da provincia (Rodeiro, Pontecesures, Redondela, Caldas de Reis, Soutomaior, Lalín, Silleda, O Grove, Agolada, Meis, Barro e As Neves). Outros 17 concellos xa están pechados ata xuño de 2018 (A Guarda, Porriño, A Lama, Moaña, Pazos De Borbén,  Mondariz, Ribadumia, Baiona, Cangas, O Rosal, Marín, Gondomar, Vilagarcía De Arousa, Ponte Caldelas e Tui).

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.180

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.