Sábado, 22 de Noviembre de 2025

Xornal21
Martes, 24 de Octubre de 2017 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Mondariz recibirá preto de 110.000 euros da Deputación para crear tres parques forestais no municipio

O vicepresidente César Mosquera destaca que as iniciativas pretenden aplicar medidas de prevención de incendios, poñer en valor elementos patrimoniais e culturais e dinamizar aproveitamentos económico.

[Img #36130]

 

O Concello de Mondariz recibirá 109.543 euros da Deputación de Pontevedra para crear tres parques forestais no municipio: no Monte da Lagoa, no Vieiro da Franqueira e en Gargamala. Esta achega inclúese dentro do plan impulsado pola institución provincial para redactar proxectos e aplicar medidas nos montes da provincia relativas á prevención de lumes, á posta en valor da paisaxe e os elementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto coa dinamización de diferentes aproveitamentos económicos.

 

O vicepresidente Mosquera, impulsor da liña de axudas que vén de repartir 443.966,87 euros  entre dez concellos da provincia para 16 parques forestais, considera que "o monte é o gran esquecido" polas administracións públicas a pesar de ser "o maior problema ambiental de Galiza". Destacou que os problemas de planificación e desleixo son "algo masivo, un desastre absoluto en xeral",  polo que a intervención provincial, mesmo sen competencias nesta materia, "é sumamente necesaria e oportuna" xa que supón un esforzo para corrixir a situación.

 

A subvención provincial para o Concello de Mondariz vén de ser aprobada en Xunta de Goberno. Destináronse 9.583 euros para a redacción do proxecto do parque forestal de Gargamala, 45.900 euros para a execución de actuacións para o parque do Vieiro da Franqueira (para o que xa había un proxecto redactado), así como un total de 54.060 euros para a redacción do proxecto e a realización de actuacións no parque do Monte da Lagoa.

 

Segundo insistiu o vicepresidente Mosquera, todos os proxectos para os parques forestais, segundo se establece nas bases da convocatoria, terán un apartado ou plan específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais, coa eliminación de especies invasoras, a plantación de frondosas autóctonas creando devasas, así como a diminución de combustible mediante a corta vertical e horizontal de masas.

 

Monte da Lagoa

O parque forestal do Monte da Lagoa terá 58 hectáreas de superficie. A maior parte do terreo está poboada por piñeiro do país, se ben tamén está mesturado con carballo americano. Así mesmo, existe un xardín botánico creado pola comunidade de montes no que se plantaron diferentes especies de coníferas e frondosas, pero moitas destas árbores teñen escaso crecemento, polo que non acadan os obxectivos didácticos e recreativos que se pretendían achegar á veciñanza. A intención do novo parque é realizar actuacións para a mellora deste espazo e procurar con elas o obxectivo inicial.

 

 

 

 

En canto á paisaxe, preténdense potenciar miradoiros para gozar da vista da vila de Mondariz-Balneario e do val do río Tea, encaixado tras as montañas da serra do Galleiro, nunha contorna presidida polo castelo de Vilasobroso. Nos límites do parque tamén está o Carballo da Armada, árbore simbólica de elevado porte e beleza que supón un lugar de visita moi importante para a veciñanza dos arredores, que tradicionalmente se reúne a carón del no día da Festa da Franqueira

 

 

 

 

No parque tamén se poñerá en valor o patrimonio etnográfico da zona, xa que están próximas as mámoas da Armada, perfectamente recoñecibles e en bo estado de conservación, así como os marcos ou mojones da Fraga do Rei, testemuña da influencia histórica do lugar. Por outra parte, xunto ao río Xabriña existe unha levada en uso que fornece auga aos campos e fincas da vila, xunto a outros recursos etnográficos como muíños, pontes e pontellas. En canto aos equipamentos, manterase dentro da área unha instalación deportiva cedida pola comunidade de montes ao concello e os terreos alugados para o club hípico de Mondariz.

 

En xeral, a intención do novo parque subvencionado pola Deputación desde o departamento de Vicepresidencia é desenvolver o potencial do monte para levar a cabo actividades de sendeirismo e paseos en bicicleta e a cabalo, xa que existen elementos suficientes de atracción para crear un lugar de lecer. Así mesmo, apostarase por darlles aos terreos un uso multifuncional con aproveitamento económico baseado na produción de madeira, de leña, cogomelos e froitos.

 

Vieiro da Franqueira

O parque forestal do Vieiro da Franqueira pretende dar un pulo á vida social, cultural e económica deste monte de Mondariz, dado que se agarda que haxa un aumento de afluencia de veciñanza e turistas. Para isto, no proxecto apóstase por mellorar as condicións da contorna, na que hai elementos que achegan moito interese como poden ser o Castro do Couto de Santo Tomé, a necrópole megalítica do Campo do Mouro (con sete mámoas), petróglifos, unha pista deportiva para restaurar preto do núcleo de Poñe, así como un enclave de interese histórico: a devesa real na que se conservan os marcos coa marca real "R" inscrita na pedra.

 

Entre outras actuacións tamén se prevé actuar na masa forestal para obter madeiras de calidade, mellorando o ecosistema coa plantación de especies autóctonas, e favorecer a proliferación de cogomelos, froitos do bosque e subprodutos como a mel.

 

Gargamala

O monte veciñal de Gargamala, para o que se realizará un proxecto de parque forestal grazas á axuda económica da Deputación, caracterízase pola súa beleza paisaxística e a riqueza de patrimonio cultural, sobre todo de arte rupestre, polo que é un monte de referencia entre os profesionais da arqueoloxía.

 

Ata a aprobación este venres da subvención provincial non existira por parte de ningunha administración ningún tipo de actuación de valorización e protección deses bens, situación que se quere paliar coa redacción do proxecto que implica a comunidade de montes e o Concello.

 

Entre as medidas de posta en valor está a realizar unha correcta sinalización, determinar as medidas precisas para unha mellor conservación e goce para as persoas, así como a creación dunha ruta autoguiada polos petróglifos de Gargamala, mellorando as sendas necesarias e arranxando as escasas infraestruturas de uso social existentes. Tamén se inclúe dentro do proxecto a escolla de patrimonio inmaterial sobre o monte (lendas e cantigas) co fin de poñelo en valor.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.115

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.