Miércoles, 08 de Octubre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Martes, 26 de Diciembre de 2017 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Areeiro anuncia o inicio da tempada da poda para a viña e as froiteiras de óso

Os técnicos sinalan que é o momento idóneo de retirar as pólas afectadas polo picudo se aínda hai posibilidade de recuperación das palmeiras

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un aviso fitosanitario no que anuncia o inicio da tempada da poda para as viñas e as froiteiras de óso. Así mesmo, os técnicos sinalan que é o momento idóneo para retirar as pólas das palmeiras afectadas polo picudo se aínda hai posibilidade de recuperación das árbores.

 

Segundo subliñan os técnicos, despois das chuvias provocadas pola última cicloxénese e polas borrascas da semana pasada poden iniciarse certas labores culturais e tratamentos fitosanitarios que favorecen a sanidade das árbores para o próximo ano. En concreto, en tempo seco e coas plantas tamén secas, é recomendable realizar as podas, se ben estas non teñen por que iniciarse xa tan cedo. Poden ser máis tardías, chegando mesmo ata o mes de febreiro, sobre todo para as plantas que amosen cancros ou calquera outra alteración da madeira.

 

"Agora que aínda hai algo de folla nalgunhas froiteiras de pebida e óso, e polo tanto é máis sinxelo identificalas, pódese aproveitar para marcar e eliminar, antes do comezo do movemento do zume, ou mesmo cortar xa, as ramas secas", explica a especialista Rosa Pérez. Pola súa banda, na viña pódense empezar a podar, se non se non se fixo xa, aquelas plantas que non amosasen síntomas.

 

Os consellos máis importantes para as podas son facer cortes limpos e sen rachos, e, a ser posible, sempre por debaixo da madeira degradada; protexer os cortes de maiores dimensións con substancias cicatrizantes que leven funxicida e aplicar un tratamento cúprico xeneralizado; desinfectar as tesoiras de poda; e eliminar todos os restos queimándoos ou sacándoos dos terreos, así como as plantas mortas e o sistema radicular.

 

No kiwi, aínda que se pode facer máis adiante, é conveniente realizar agora unha aplicación cun composto de cobre para protexer das bacterias as microferidas causadas pola caída das follas. Esta aplicación debe ser renovada cando menos unha vez no inverno (mellor despois dun episodio de chuvias e nunca en tempo frío) e, moi especialmente, ao realizar as podas.

 

 

Cítricos

O consello dos técnicos para os cítricos é eliminar os sucos de auga feitos arredor das árbores para reducir o risco de que se vexan afectadas por Phytophthora, e ter as árbores co solo ben drenado. Para o seu control, o funxicida autorizado no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio é o Fosetil-AL 80 %. Hai que lembrar que a Phytophthora cinnamomi, como fungo de raíz que é, non ten unha sintomatoloxía específica, pero pode sospeitarse da súa presenza se o cítrico presenta follas pequenas e amareladas e perda delas. Tamén as precipitacións poden favorecer a presenza de Phytophthora hibernalis ou outras especies aéreas do mesmo xénero, polo que, para limitar as posibilidades de que se estenda no caso de que apareza froita con este problema, hai que eliminala, incluso a que caeu ao chan.

 

En canto á psila africana (Trioza erytreae) e ás moscas brancas, o tempo estable que hai este ano favorece o crecemento de gromos de cítricos que aparecen menos colonizados polas formas xuvenís destes patóxenos. Nesta época non son de esperar danos importantes, sobre todo se se retiran estes gromos e se eliminan as colonias.

 

 

Palmeiras

 

Este ano púidose observar nos diferentes concellos da nosa provincia un incremento do número de palmeiras afectadas por Rhynchophorus ferrugineus, coñecido como picudo vermello, cuxos síntomas foron especialmente notorios despois do verán. As plantas moi afectadas deben ser eliminadas para evitar a propagación do insecto. Se hai posibilidades de recuperación das plantas por ter menos danos comeza o momento idóneo para retirar as ramas secas e eliminar as palmas afectadas, non só co obxectivo de reducir a presenza da praga, senón tamén pola seguridade de persoas e bens materiais.

 

Para os tratamentos, e dado o elevado número de consultas recibidas nestes días, poderanse utilizar os produtos fitosanitarios autorizados para este uso no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio, indicados especificamente na web da EFA. Tamén se está a aplicar o fungo Beauveria bassiana e nematodos entomopatóxenos da especie Steinernema carpocapsae.

 

 

Piñeiro

 

Esta semana observáronse a formación de bolsas (niños) de procesionaria do piñeiro, danos debidos á alimentación das eirugas e novas procesións no chan. Para previr problemas poden instalarse barreiras arredor das árbores e tamén aplicar tratamentos ás bolsas en formación (asegurando que o produto poida entrar neles) ou, se existe a posibilidade, eliminar con todo o coidado posible as ramas onde estean localizadas os niños, destruíndoos despois.

 

Por outra banda, este ano volta a ser relativamente frecuente a aparición nalgunhas vivendas e outras edificacións (sobre todo do rural) do Leptoglossus occidentalis, propio das piñas dos piñeiros (baleira os piñóns, aínda que na nosa provincia non parece causar danos). O feito de que aparezan nas construcións humanas débese unicamente á súa procura de refuxio para pasar o inverno, pero non afecta ás persoas nin produce danos a outras plantas.

 

 

Camelia

 

Este ano, polas condicións climáticas, adiantouse a floración das camelias (nalgunhas especies xa caeron as flores) e nos casos en que o fungo que murcha a flor (Ciborinia camelliae) estea presente deben recollerse as flores do chan polo menos unha vez por semana, co fin de reducir a inoculación. Tamén é conveniente procurar que haxa boa ventilación na zona baixa das plantas podando esas ramas e eliminando as malas herbas.

 

Tamén debido á máis temperá floración das camelias é de esperar que se produza antes o brote, en especial se persisten as condicións de clima suave. Naquelas plantas que todos os anos teñan os síntomas característicos dos ácaros do botón floral haberá que estar moi pendente deste momento, pois é o idóneo para intervir con produtos.

 
Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.180

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.