Miércoles, 08 de Octubre de 2025

Xornal21
Sábado, 27 de Enero de 2018 Tiempo de lectura:
MOS

Mos, único concello pontevedrés de menos de 20.000 habitantes con 4 traballadores sociais

A Xunta concédelle ao municipio mosense un cuarto traballador para o equipo de Servizos Sociais comunitarios básicos.

[Img #38408]

 

A consellería de Política Social da Xunta de Galicia incrementa o apoio económico ao departamento municipal de Política Social do Concello de Mos ampliándolle á subvención para a contratación dun/unha traballador/a social máis para o devandito departamento durante o presente ano 2018.


A dirección xeral de Inclusión Social da consellería de Política Social ven de renovarlle ao Concello de Mos a subvención para a financiación das tres traballadoras sociais municipais existentes ata o de agora, de 50.445 euros, e de incrementarlle a maiores a devandita axuda en 16.815 euros para a contratación dun/unha cuarto/a traballador/a social. Sendo así o total asignado a Mos de 67.260 euros.


Neste sentido dende a administración local mosense a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, consideran que “a Xunta está a premiar con este/a novo/a traballador/a social concedido o traballo realizado dende o departamento municipal de Política Social” e informan de que “deste xeito, Mos é o único concello pontevedrés de menos de 20.000 habitantes con 4 traballadores sociais e un dos únicos Concellos da provincia de Pontevedra de entre 10.000 e 30.000 habitantes, xunto con Lalín e A Estrada, que dispón de 4 traballadores sociais. De máis de 30.000 habitantes, sen ter en conta ás dúas grandes cidades da Provincia, Vigo e Pontevedra, o único municipio que ten máis traballadores/as sociais que Mos é Vilagarcía”.


Unha vez contratado/a o/a novo/a traballador/a social e xunto coas tres traballadoras sociais municipais actuais, a administración local mosense sumará un total de 4 traballadores/as sociais no departamento de Política Social, ademais dunha psicóloga e 2 auxiliares administrativos (unha plantilla de 7 persoas en total). Trátase dun departamento moi completo e eficiente que realiza un eficaz traballo en beneficio dos colectivos máis sensibles da sociedade mosense.


Un departamento proactivo
O departamento municipal de Servizos Sociais pechou o pasado 2017 a pleno rendemento, no que se atenderon a preto de 2.900 persoas, tras un ano volcado nos veciños, no que se  actuou nos sectores de dependencia, discapacidade, drogodependencias, inclusión social, familia e infancia, maiores, discapacitados, mulleres e voluntariado, así como coordinación e colaboración con outros recursos sociais, sanitarios, educativos e xudiciais.


Agora máis que nunca o Concello de Mos é o ‘Mos das persoas’, por iso o goberno local encabezado por Arévalo ven facendo un esforzo especial nos últimos orzamentos anuais para dotar económicamente a partida de gasto social.


No 2017 a administración local mosense investiu en gasto social preto dun millón de euros (955.994,7 euros para ser exactos) destinados fundamentalmente ao Servizo de Axuda no Fogar, vivendas sociais municipais, Servizos Xantar na Casa e Teleasistencia para maiores, camas articuladas, axudas de Emerxencia Social, o novo Centro de Información á Muller e axudas para a adquisición de material escolar.


A concellería de Política Social da Xunta de Galicia aprobou concederlle, dende o pasado 1 de setembro, á administración local mosense 6.812 horas anuais máis para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que supón 567,66 horas mensuais a maiores. Actualmente o SAF presta servizo a 90 mosenses beneficiarios, que representa o maior número de usuarios da historia de Mos.

 

 

 

 

Alcaldesa e concelleira de Política Social consideran esta ampliación da subvención autonómica unha mellora na prestación dos servizos para os veciños

 

 

 


A día de hoxe, da lista de espera tan só quedan pendentes: 1 usuario de grao III (que é o grao máis grave) e 2 de grao II. En total o Concello de Mos investiu no SAF en 2017 640.022,82 euros.


[Img #38409]Tamén en 2017 sacáronse a concurso seis vivendas municipais en réxime de aluguer social: 3 delas na urbanización de San Eleuterio e as outras 3 nas antigas casas dos mestres das Escolas Unitarias de Dornelas, quedando deste xeito todas as vivendas sociais mosenses ocupadas.


Continúase así mesmo cos servizos de camas articuladas en préstamo (actualmente 36), Xantar na Casa (con 5 personas usuarias) e Teleasistencia (con 32 usuarios).


Este ano o Concello de Mos prestou axudas por Emerxencia Social, -para que persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais en circunstancias económicas excepcionais puideran afrontar gastos tales coma os derivados da adquisición de alimentos, pagos de aluguer, facturas de electricidade, etc.-; por valor de 29.011 euros.


No novo CIM, que comezou a funcionar o pasado verán, o Concello de Mos investiu en 2017 un total de 21.170 euros dende a súa apertura: 7.000 euros na obra para habilitar as dependencias municipais nas que se instalou o centro, 11.170 euros nos salarios da psicóloga e a avogada que prestan servizo no CIM, e 3.000 euros na organización de actividades de concienciación e prevención da violencia de xénero destinadas a público xeral e a escolares.


Por último, o Concello de Mos concedeu en 2017 axudas para a compra de material escolar por valor de 3.000 euros.


2018
Para reafirmar a máxima do goberno local de que o Concello de Mos sexa o ‘Mos das persoas’, no orzamento para o presente ano séguese a apostar polo gasto social, que se incrementa en 201.000 euros respecto de 2017 (o que representa un incremento do 12%), acadando a contía de 1.156.994,71 euros; sendo, sen dúbida, a partida que máis creceu no presuposto de 2018 e representando o 11% do total do orzamento anual.


Dentro deste gasto social incrementouse tamén unha partida moi importante que é a que dota á suvbención anual para Asodifisi, Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos.


E tamén dentro do gasto social a alcaldesa destacou a partida de 40.000 euros só para discapacidade, na que se distribúen 20.000 euros para a eliminación de barreiras arquitectónicas e os outros 20.000 euros para organización de actividades.


Tamén se destinan 30.000 euros para axudas de Emerxencia Social e destacan as partidas para Asomamos, Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos, para a Asociación Española contra o Cancro (AECC), a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA), servizo de camas articuladas, servizo de teleasistencia, vivendas sociais, e dependencia (á que se destinan 650.000 euros). Destacan as partidas de axudas á escola e o servizo Xantar na Casa que se incrementan e a creación dunha nova partida para o novo CIM (Centro de Información á Muller) de Mos, en materia de igualdade.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.180

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.