Sábado, 20 de Diciembre de 2025

Xornal21
Lunes, 05 de Marzo de 2018 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

A xustiza ditamina que as canteiras de Atios son propiedade dos veciños

O Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº 3 do Porriño ven de ditar sentenza sobre o preito das canteiras (celebrado en setembro do ano pasado) e dalle a razón á Comunidade de Montes de Atios na súa reivindicatoria sobre a propiedade das canteiras. No auto do 28 de febreiro, a titular do Xulgado, a maxistrada Adriana López Barcón, estima a demanda dos veciños e sentenza que as parcelas do Monte Carrascal e Laxedo onde se ubican as canteiras “son propiedade dos veciños de Atios, porque así as viñan poseendo dende tempos inmemoriais, e forman parte integrante e inseparable do Monte veciñal Carrascal e Laxedo”.

 


Trátase "dunha sentenza histórica, que fai xustiza a tantos anos de agravio por parte do concello do Porriño cara os veciños da parroquia de Atios. A demanda foi defendida polo despacho de avogados de Calixto Escariz, cunha longa traxectoria na reivindicación dos montes veciñais e que constitúe todo un referente na extensa xurisprudencia que hai sobre a materia" sinalan os veciños nun comunicado.

 


A xunta de montes de Atios aplaude "a valentía da xuíza á hora de fundamentar esta sentenza, xa que entra no fondo do asunto, avalía toda a documentación presentada e ten en conta a proba testifical e pericial. Un traballo  obxectivo e honesto que lle leva a concluir, como non podía ser doutro xeito", que “non existe dúbida de que o monte Carrascal e Laxedo é un monte veciñal en man común, e, tanto da declaración da testemuña Ramona Maceira, veciña de Atios de 83 anos, como do extenso e documentado informe pericial elaborado polo enxeñeiro agrícola Ángel Bravo, despréndese que as parcelas reclamadas –onde se ubican as canteiras- forman parte do monte Carrascal e Laxedo desde tempo inmemorial e que dende sempre foron aproveitadas polos veciños para pastos, estrumes e recursos forestais”. Sinala con acerto a xuíza que o feito de que agora esa parte do monte, que o xurado provincial deixara fora da clasificación como veciñal en 1987, se dedique a explotacións mineiras e estea inscrita a nome do Concello do Porriño, non desvirtúa a propiedade comunal xa que “ningunha eficacia pode ter una inscrición rexistral fronte a una posesión inmemorial” por parte dos veciños.

 

A sentenza da por probado que o monte veciñal de Atios está “perfectamente identificado e delimitado”, como así o ratificou na vista oral o propio perito xudicial. A xuíza confire enorme relevancia á calidade e cantidade de documentos que achega o informe pericial de Ángel Bravo, un dos maiores expertos de Galicia en montes comunais. Documentos que se remontan varios séculos atrás, como é o caso do Catastro do Marqués de la Ensenada, do ano 1752, no que xa constaba a posesión veciñal desa parte do monte de Atios, que se mantivo inalterada ata a actualidade.

 

Dada a nova realidade xurídica, a Comunidade de  Montes de Atios concertará na próxima semana unha reunión co Concello do Porriño para "organizar a subrogación nos contratos actuais cos empresarios, de xeito que se opere unha transición pacífica e ordenada, que garanta a continuidade das actividades mineiras e industriais existentes no monte, mantendo sempre a mellor colaboración co Concello".

 

A comunidade de montes de Atios amosa a súa "satisfación porque se trata dunha sentenza histórica, que corrixe unha anomalía e ditamina, por fin, que os veciños son propietarios con todo o dereito desa parte do monte Carrascal e Laxedo. Con todo, non satisface plenamente a demanda dos veciños, xa que absolve ao concello do Porriño de pagarlle á comunidade de montes as cantidades recadadas dende o ano 2008 e que ascendían a case 1,9 millóns de euros, máis os xuros. Entende a xuíza que o Concello era posuidor do boa fe deses terreos e non debe devolver aos veciños as rendas percibidas" sinalan.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.217

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.