Domingo, 23 de Noviembre de 2025

Xornal21
Miércoles, 28 de Febrero de 2018 Tiempo de lectura:
MOS

Mos decide emprender a vía xudicial para defender os dereitos dos veciños usuarios da Tarxeta Verde de Vitrasa

Ademais a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, solicita unha entrevista co seu homólogo vigués, Abel Caballero, para tratar de solucionar esta problemática pola vía do diálogo.

[Img #39396]Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha Xunta de Voceiros na que se decidiu o procedemento municipal a seguir respecto da problemática xerada coa Tarxeta Verde de Vitrasa, que moitos mosenses perderán o 31 de marzo ao pasar Vigo a restrinxir o seu uso aos empadroados na cidade olívica mediante a nova Pass Vigo.

 

Nidia Arévalo, rexedora local, decidiu así mesmo solicitarlle hoxe mesmo ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha entrevista para abordar conxuntamente este asunto e buscarlle unha solución pola vía do diálogo.

 

Na xuntanza desta mañá na Casa Consistorial mosense estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Mobilidade, Julia Loureiro, a secretaria municipal, un asesor xurídico do Concello e os voceiros dos catro grupos políticos da Corporación, xunto co concelleiro non adscrito: Camilo Augusto polo Partido Popular, Aurora Giráldez Leirós por GañaMos Asamblea Veciñal, Patricia Pérez Ucha polo PSOE, Miguel Anxo Aldea Moscoso polo BNG; e o concelleiro non adscrito Emilio Muíños Pumar.

 

Da reunión extraeuse a decisión de presentar un requerimento ao Concello de Vigo, tras o cal iniciarase a vía xudicial emprendendo un procedemento contencioso administrativo, xa que a nova Lei 2/2017 da Comunidade Autónoma de Galicia que regula o transporte público, establece claramente que os abonos, subvencións e/ou tarifas reducidas non poden ser concedidos e/ou denegados en base ao criterio discriminatorio de empadroamento ou procedencia xeográfica.

 

Ademais desta lei a argumentación do Concello de Mos baséase en moitos outros fundamentos legais como que:

O artigo 14 da Constitución Española establece que os españois son iguais ante a lei, sen que poda prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

 

O artigo 150 do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais establece o principio de igualdade dos usuarios ante as tarifas dos servizos, permitindo fixar tarifas reducidas ou bonificadas en beneficio de sectores persoais economicamente débiles. Pero este artigo, que resulta de plena aplicación ó contrato de concesión administrativa do transporte público urbano de Vigo asinado con Vitrasa o 8 de xuño de 1995, non permite empregar o criterio de empadroamento.

 

Se o prezo que se aboase polos usuarios do servizo tivese a natureza xurídica de taxa, o Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, sinala no artigo 9.1 que “Non poderán recoñecerse outros beneficios fiscais nos tributos locais que os expresamente previstos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.” O artigo 24 no seu punto 4 fai referencia á posibilidade de ter en conta criterios xenéricos de capacidade económica para a determinación da contía da taxa. A fixación de tarifas distintas segundo estean ou non empadroados no municipio non é acorde co ordenamento xurídico precisamente por non traer causa da única admitida legalmente, que é a capacidade económica dos obrigados ao pago, o que a súa vez entra en contradición cos  principios de igualdade e progresividade nos que se inspira o sistema tributario español (artigo 31.1 da Constitución Española).

 

 

 

 

Esta mañá acordouse en Xunta de Voceiros enviar un requerimento ao Concello de Vigo, tras o cal iniciarase o contencioso

 

 

 

 

E a Lei 16/1987, de 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, establece no artigo 71 que “Los transportes públicos regulares de viajeros de uso general tienen el carácter de servicios públicos de titularidad de la Administración, pudiendo ser utilizados, sin discriminación, por cualquier persona que lo desee en las condiciones establecidas en esta ley y en las normas dictadas para su ejecución y desarrollo.”

 

É por elo que o requerimento ao Concello de Vigo por parte do Concello de Mos seralle remitido hoxe mesmo e este será o último paso previo á chegada do caso ao xuzgado contencioso administrativo. No requerimento solicítaselle a Vigo que “cese na utilización do criterio de empadroamento como condición para poder desfrutar de tarifa bonificada no servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros ao ser este un criterio manifestamente contrario a dereito que vulnera o principio de igualdade establecido no artigo 14 da Constitución Española”.

 

Trátase polo tanto a medida adoitada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, dunha “acción anticonstitucional e ilegal a todas luces” tal e como expresa Arévalo, rexedora local mosense.

 

A principios deste mes a administración local mosense ofreceu un acto informativo no Centro Dotacional de Torroso no que se pretendía disipar dúbidas entre os veciños respecto da problemática da Tarxeta Verde de Vitrasa. Á mesma asistiu numerosa veciñanza das parroquias de Torroso e Guizán, afectada pola desaparición da devandita tarxeta. Nesta reunión xa se lles adiantara aos presentes a ilegalidade e anticonstitucionalidade de que se discrimine na tarifa dun servizo público por criterio de empadroamento.

 

Neste senso a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, consideran que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, “sendo o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias ten que dar exemplo e respectar a legalidade, e non poñer en marcha medidas discriminatorias no transporte da súa cidade”. Medidas que ademais son contradictorias cando o propio Concello de Vigo está a subvencionar con millóns de euros voos para o aeroporto de Peinador que pode coller calquera persoa de calquera parte do mundo e a tarxeta universitaria da Universidade de Vigo, que tamén permite bonificacións no tranporte público, e no CUVI hai estudantes de toda España e do estranxeiro.

 

“Ademais de contradictoria é unha medida inxusta, xa que no caso de Mos, por exemplo, todos os servizos públicos teñen o mesmo prezo para calquera cidadán español”, sentenciou Arévalo.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.115

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.