Viernes, 28 de Noviembre de 2025

Xornal21
Sábado, 07 de Abril de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación pon en marcha rutas gratuítas para vivir a experiencia do marisqueo nas Rías Baixas

A actividade, cuxo prazo de inscrición ábrese hoxe, terá unha vertente formativa sobre o turismo e o medio ambiente e unha sesión práctica de marisqueo na Ría de Arousa.

[Img #40199]

 

O goberno de Carmela Silva vén de lanzar catro novidosas rutas gratuítas para descubrir o "Marisqueo nas Rías Baixas" durante o mes de abril. A actividade, que se desenvolverá os días 14, 15, 28 e 29 de abril ás 10.00 horas, terán lugar no Carril, Vilagarcía de Arousa, e consistirán nunha charla informativa sobre a actividade e nun obradoiro práctico de marisqueo nas augas da Ría, co apoio das mariscadoras de AmarCarril.

 

A presidenta provincial informou que as prazas son limitadas, "temos entre 20 e 25 prazas por cada unha das rutas así que animo ás persoas interesadas a que presenten a solicitude de inscrición canto antes porque, estou segura, esta actividade van ter unha altísima demanda". Deste xeito, o prazo para participar nas novas rutas "Marisqueo nas Rías Baixas" dos días 14 e 15 ábrese hoxe xoves e as persoas interesadas deben formular a súa inscrición antes do 16 de abril. As rutas dos días 28 e 29 de abril abrirán o prazo de inscrición a partir do día 16 de abril e ata o 26 do mesmo mes.

 

Silva explicou que cada unha das rutas "Marisqueo nas Rías Baixas", dunha hora de duración, organízanse en dúas partes. "Na primeira delas –informou a presidenta- ofrecerase unha charla de trinta minutos na que se explicará a historia do marisqueo en Carril; a situación e garantías sanitarias e de calidade dos produtos; se concienciará sobre a problemática que afecta ao marisqueo, entre a que se atopan as vagas de lumes como a vividos en outubro pasado que danou enormemente aos bancos marisqueiros; e se sensibilizará ás persoas asistentes sobre o coidado e respecto ao medio ambiente e medio mariño. A continuación, e tamén durante trinta minutos, terá lugar o obradoiro práctico de marisqueo, no que as persoas contarán co material necesario para levar a cabo a actividade (chuvasqueiro, luvas e rastrelos) e o apoio das mariscadoras de AmarCarril, que exercerán de monitoras".

 

A presidenta da Deputación destacou que esta actividade vai "en estreita sintonía co Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 e coa campaña de promoción que este ano escollemos: Somos historias". Neste eido, Carmela Silva asegurou que "o turista do século XXI non se contenta con contemplar senón que busca emocións e experiencias relacionadas coa realidade social e cultural dos destinos aos que viaxa e o marisqueo é unha actividade cunha forte pegada na sociedade, economía e cultura da nosa provincia e de enorme interese para aquelas persoas que queren vivir de cerca as nosas historias".  

 

Amais, Silva destacou a importancia das rutas "Marisqueo nas Rías Baixas" que "combinan a vertente turística coa ambiental, sensibilizando deste xeito á poboación local sobre a conservación e posta en valor dos nosos activos turísticos e das nosas rías como un recurso cun enorme potencial, que debemos optimizar de xeito sustentable".

 

Carmela Silva tamén agradeceu a predisposición das mulleres de AmarCarril que "son un firme reflexo do carácter loitador e humilde das mulleres pontevedresas, exemplo de tenacidade, esforzo e traballo conxunto para sacar adiante proxectos de éxito e converter a unha actividade como o marisqueo, nun referente económico fundamental na meirande parte das zonas costeiras de Pontevedra".

 

O punto de encontro para o inicio das rutas será o miradoiro Alto da Rosa (PO-548) 102 do Carril, en Vilagarcía de Arousa. As persoas que teñan confirmada a súa asistencia á actividade deberán traer unicamente calzado axeitado para a parte do obradoiro que se desenvolva na auga (o resto do material será facilitado pola organización).

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.21

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.