Viernes, 28 de Noviembre de 2025

Xornal21
Domingo, 08 de Abril de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A exposición sobre Alejandro de la Sota amosa material inédito sobre a súa etapa pontevedresa

A Deputación súmase con esta gran mostra á celebración do ano 2018 que a Real Academia de Belas Artes de Galicia dedica á figura deste arquitecto pontevedrés.

[Img #40202]

 

"Un ano máis o Museo de Pontevedra será o Museo de referencia en relación á persoa homenaxeada no Día das Artes Galegas" asegurou esta semana o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación da mostra que leva por título ‘Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913–Madrid, 1996. Construírse/Construír'. O deputado estivo acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, por un dos comisarios da exposición, Rafael López Torre, e polo fillo e membro da Fundación Alejandro de la Sota, Juan de la Sota. Os catro coincidiron en destacar que esta mostra ten o atractivo de expoñer material inédito sobre Alejandro de la Sota e desenvolver a súa etapa de formación na cidade de Pontevedra, que é un aspecto que até o momento non foi tratado en ningunha exposición anterior. A exposición, que será inaugurada este venres 6 de abril, ás 20 horas, poderá visitarse nas salas de exposicións temporais do Sexto Edificio ata o 27 de maio.

 

"Estamos falando da exposición antolóxica que percorre toda a vida e toda a obra de Alejandro de la Sota, cunha primeira parte na que amosamos como el se constrúe a si mesmo, e cunha segunda parte na que se ve como constrúe para os demais, de aí o título Construírse/Construír" indicou Rafael López Torre, encargado de comisariar este proxecto xunto con Teresa Couceiro, directora da Fundación Alejandro de la Sota. Ese enfoque, tanto no relativo á parte máis relacionada coa cidade de Pontevedra como na gran relevancia da traxectoria do arquitecto, foi destacada por Xosé Leal quen asegurou que "Pontevedra se converterá na capital da Arte con maiúsculas este ano". Sobre a relación de Alejandro de la Sota e o Museo profundou Carlos Valle que indicou que "esta mostra ten un significado moi especial, despois de dous intentos previos de dedicarlle unha gran exposición a de la Sota". Valle, ademais de volver lembrar que o actual logotipo do Museo de Pontevedra está inspirado nun debuxo de Alejandro de la Sota, afirmou que a mostra pecha un círculo que se abriu cando o pai do arquitecto, Daniel de la Sota Valdecilla, era presidente da Deputación e impulsou a fundación do Museo provincial.

 

A Pontevedra de Alejandro de la Sota

"Meu pai toda a vida tivo nostalxia de Pontevedra, dos seus amigos, da súa nai" asegurou Juan de la Sota. O fillo do arquitecto afirmou ademais que "grazas a esta mostra e ao traballo de Rafael López podo ter unha visión do Alejandro de la Sota nos anos 20 e 30 e coñecer como foi a súa vida". Juan de la Sota destacou que a Pontevedra na que comeza a callarse seu pai como arquitecto, na que naceu e viviu "rodeado de xente intelixentísima", como seus pais, irmáns e os personaxes da cidade naqueles anos, quedan perfectamente reflectida na mostra.

 

Sobre este aspecto estendeuse particularmente o comisario, indicando que "ata agora os primeiros 25 ou 3o anos de Alejandro de la Sota nas exposicións e traballos pasaban desapercibidos, cando el mesmo deixou dito, de palabra e por escrito, que a vida en Pontevedra marcou de xeito decisivo a súa personalidade e o seu carácter". Rafael López referiu a especial amizade do arquitecto co fillo e co sobriño de Castelao, no que conforman unha especie de tríade que quedaría truncada coa prematura morte do fillo de Castelao. "Precisamente Castelao era o seu mestre de caricatura e de óleo nunha Pontevedra, a de finais dos anos 20 e comezos dos 30, en constante efervescencia e cun mollo de personalidades que posiblemente non volveron a coincidir en todo o século XX" asegurou López Torre.

 

O comisario tamén informou que a parte da etapa pontevedresa está baseada sobre todo en imaxes e que "é como ter un gran libro na parede". Moito deste material, conformado fundamentalmente por fotografías e debuxos, é a primeira vez que se exhibe. Por outra banda, a segunda parte da exposición céntrase nas obras arquitectónicas emblemáticas da súa carreira, como son o Pueblo de Esquivel en Sevilla, o edificio de Correos de León, o Goberno Civil de Tarragona, a central leiteira Clesa, o ximnasio do Colexio Maravillas de Madrid. A sala resérvalle un apartado especial ao Pavillón dos Deportes de Pontevedra e á Casa Domínguez na Caeira. Estes proxectos compleméntanse con material bibliográfico, maquetas, debuxos e mobles deseñados polo propio Alejandro de la Sota.

 

Visitas guiadas

Juan de la Sota será o encargado de guiar catro visitas de excepción a esta mostra. Terán lugar os días 12 e 26 de abril, e 11 e 24 de maio. Estas catro visitas terán unha duración dunha hora e comezarán ás 19 horas. Pola súa banda, o equipo do Gabinete Didáctico iniciará o ciclo de visitas guiadas á exposición o día 21 e terán lugar todos os sábados ata a clausura da mostra. Comezarán ás 18 horas e tamén terán unha duración dunha hora.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.21

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.