Martes, 20 de Enero de 2026

Xornal21
Domingo, 06 de Mayo de 2018 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O goberno de Carmela Silva promove a Ruta das Maceiras en Flor

A ruta, con dous itinerarios pola Estrada, terá lugar o 12 de maio e desde hoxe é posible solicitar praza a través de visitasguiadas@depo.es.

[Img #40955]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta semana a novidosa “Ruta das Maceiras en Flor” que terá lugar o vindeiro 12 de maio no concello da Estrada. Segundo destacou Silva, a ruta “enmárcase no noso Plan Estratéxico de Turismo co obxectivo de desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra, ao igual que tamén fixemos coa Ruta dos Xardíns da Camelia ou a Ruta de Marisqueo nas Rías Baixas”.

 

“Se no Jerte Extremadura puxo en marcha con moito éxito a Ruta das Cereixas en Flor, en Pontevedra imos apostar pola Ruta das Maceiras en Flor que, nestas datas, están fermosísimas”, asegurou a presidenta provincial. Neste caso concreto, para a ruta seleccionouse o concello da Estrada “porque a produción de sidra tradicional na vila remóntase á Idade de Ferro, amais de contar con grandes plantacións de maceiras, de ata máis de cen hectáreas, e con máis de cincuenta exemplares diferentes destas árbores con nomes tan nosos e fermosos como ollomouro, rabiosa, raída, marafouza ou freixerana”.  Carmela Silva tamén explicou que as plantacións da Estrada recollen máis de mil toneladas de mazás ao ano e, aínda que a maior parte véndese a sidrerías foráneas, unha parte destínase á elaboración de sidra na vila.

 

A “Ruta das Maceiras en Flor” terá lugar o vindeiro día 12 de maio a través de dous itinerarios gratuítos con saídas desde Vigo (Centro Comercial A Laxe), ás 9.00 horas, e Pontevedra (Capela de San Roque), ás 9.30 horas cara o concello da Estrada, onde se poderán ver as maceiras en flor a través de dous itinerarios. Para ambas saídas é preciso presentarse 15 minutos antes.

 

 

 

 

“Se no Jerte Extremadura puxo en marcha con moito éxito a Ruta das Cereixas en Flor, en Pontevedra apostamos pola das Maceiras en Flor que, nestas datas, están fermosísimas”

 

 

 

 

O primeiro itinerario, tal e como informou a presidenta provincial, percorrerá as parroquias estradenses de Callobre e Agar. Deste xeito, en Callobre realizarase un percorrido guiado pola plantación de maceiras, explicando a variedade de especies que hai e entre as que destacan a “rabiosa de Callobre” ou “ollomouro”. Unha hora despois, o grupo trasladarase cara un lagar antigo na parroquia de Agar, onde se poderá ver unha sidrería antiga rehabilitada e xa ás 13.00 horas terá lugar o regreso ás localidades de orixe.

 

O segundo itinerario da “Ruta das Maceiras en Flor” percorrerá o Lagar de Ribela, tamén na Estrada, onde haberá unha visita guiada para gozar dos diferentes exemplares de maceiras en flor. O regreso será, ao igual que no primeiro itinerario, ás 13.00 horas.

 

As persoas interesadas en participar nesta novidosa ruta da Deputación de Pontevedra poderán facelo desde hoxe mesmo a través do correo electrónico visitasguiadas@depo.es, no que terán que indicar o itinerario escollido, o nome das persoas que asisten (4 como máximo por inscrición), o teléfono de contacto e o lugar de saída. As prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada e confirmaranse por correo electrónico entre os días 9 e 10 de maio.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.