Lunes, 23 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Sábado, 16 de Febrero de 2019 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

Carmela Silva presenta a primeira guía e visitas virtuais aos Mosteiros das Rías Baixas

A presidenta provincial destacou que “non hai ningunha outra administración en Galicia que tanto estea a facer por dar visibilidade ao patrimonio e ao orgullo de vivir nunha grande provincia, cunha grande historia e cultura”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta semana a guía “Mosteiros das Rías Baixas” e as novas visitas virtuais a estes recintos históricos, un novo produto turístico que constitúe a primeira acción deste ano de “Fame de Experiencias”. Máis polo miúdo a presidenta explicou que esta dobre iniciativa “nos sitúa como unha administración do século XXI, á vangarda das novas tecnoloxías”, e engadiu que “non hai ningunha outra administración en Galicia que tanto estea a facer por dar visibilidade ao patrimonio e ao orgullo de vivir nunha grande provincia, cunha gran historia e cultura”.

 

Carmela Silva explicou que no marco da campaña “Fame de experiencias” esta primeira acción ten por obxectivo “que todo o mundo coñeza as experiencias que se poden vivir ao visitar os nosos mosteiros. Experiencias espirituais e históricas, pero tamén relacionadas coa paisaxe, con lugares espectaculares, no interior e ao carón do mar, e con lendas que nos trasladan a un mundo máxico”. Para conseguir este obxectivo, a Deputación de Pontevedra vén de publicar a nova guía “Mosteiros das Rías Baixas”, cunha tirada de 2.000 exemplares en galego, castelán e inglés, que se complementa coas novas visitas virtuais con gafas VR (realidade  virtual) tamén aos mosteiros da provincia. Neste eido, a presidenta provincial recordou que “no mundo británico hai máis de catro millóns de persoas que se moven polo mundo para ver pedras e nós queremos dirixirnos a esta xente, para que veña coñecer o noso patrimonio e as experiencias que aquí se poden vivir”.


 
Na guía “Mosteiros das Rías Baixas” recóllese información sobre a historia, estrutura de construción, modo de vida, oficios, lendas e actividade económica dos seis conxuntos relixiosos máis importantes da provincia: Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda, de finais do século X; Mosteiro de Santa María de Aciveiro en Forcarei, de 1135; Mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis, de mediados do século XII; Mosteiro de San Xoán de Poio, do ano 942;  Mosteiro De San Salvador ou San Benito de Lérez, en Pontevedra, de finais do século X e Mosteiro de Santa María de Oia, principios do século X.  

 

 

 

 

A iniciativa, a primeira da campaña “Fame de Experiencias”, sitúa á Deputación de Pontevedra como unha administración “do século XXI, á vangarda das novas tecnoloxías”

 

 

 

 

A guía, que se cederá en préstamo nos mosteiros e se poderá adquirir no Castelo de Soutomaior ou a través da plataforma de venda online castelodesoutomaior.com, presenta lendas como as da Ponte do Demo do Mosteiro de Carboeiro, Ero de Armenteira ou o oso de Oseira e historias como as loitas contra a piratería no mosteiro de Oia, as neveiras do Candán, o aceite milagreiro de San Benitiño ou as recollidas na biblioteca do Mosteiro de Poio. “En definitiva, estou segura que todas estas experiencias relacionadas coas lendas, coa historia, coa paisaxe e coa maxia da provincia de Pontevedra van espertar moita fame, moita fame por vir a Pontevedra e vivilas aquí”, asegurou a presidenta.

 

Xunto á guía “Mosteiros das Rías Baixas”, o goberno de Carmela Silva tamén vén de poñer en marcha unha visita virtual que se pode realizar a través da web turismoriasbaixas.com co apoio dunhas gafas de VR.  As gafas estarán a disposición da cidadanía, de xeito totalmente gratuíto, nas oficinas do Palacete, do aeroporto de Peinador, do Mosteiro de Armenteira e tamén dos Mosteiros de Carboeiro, Aciveiro, Poio, San Benitiño e Oia. Para a visita virtual “o único necesario –asegurou a presidenta- é un teléfono móbil, co que descargar un código QR ou ben visitar a web turismoriasbaixas.com, seleccionar o modo VR e introducir o móbil nas gafas. Despois achegarnos ás gafas e facer a visita virtual, un verdadeiro percorrido polo Mosteiro de Armenteira e de Carboeiro nestes momentos, porque a idea e ampliar a visita nos vindeiros meses aos demais”.

 

A través desta actuación, tal e como destacou Carmela Silva, ponse de manifesto que “somos unha administración comprometida co noso patrimonio e que quere dalo a coñecer de xeito moderno, innovador, para animar á xente que está fóra a vivir as experiencias da visita a mosteiros únicos no mundo”. Tamén destacou a presidenta que “somos unha administración que goberna para a xente e queremos que este patrimonio que temos chegue a todas as persoas. Sabemos que hai persoas que teñen dificultades para acceder a estes recintos históricos, por problemas de accesibilidade, e nos parece inxusto que non poidan gozar deles. Por iso agora, a través da realidade virtual, esas persoas con dificultades van poder entrar nos mosteiros”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.58

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.