Domingo, 22 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Sábado, 23 de Febrero de 2019 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A provincia de Pontevedra conta con 12 rutas temáticas que unen museos e gastronomía

“Este novo produto pretende situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia e unilos ás excelencias gastronómicas que temos para espertar moita fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir”, manifestou Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta semana o novo produto turístico “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” que oferta 12 rutas temáticas con percorridos por museos, centros de interpretación e recursos patrimoniais das comarcas da provincia unidos á gastronomía e con propostas de restaurantes e aloxamentos.  Carmela Silva asegurou que este novo produto, enmarcado na campaña “Fame de experiencias”, “vai situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia e unilos ás excelencias gastronómicas que temos para espertar moita fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir”.

 

En liñas xerais, o novo produto turístico para a provincia de Pontevedra ofrece doce rutas tematizadas con información detallada sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais musealizados abertos á visita, así como lugares de interese paisaxística,  produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada unha das zonas polas que transcorre o percorrido.  “Falamos de que moitos destes recursos, destes museos e centros de interpretación teñen unha estreita relación cos produtos gastronómicos e co viño, e cunha grande diversidade temática e estreita conexión co noso territorio”, manifestou Silva.  

 

As doce rutas que integran o produto turístico “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” son: “Terra de fronteiras, auga e historia” (comarca do Condado), “Puro Atlántico” (comarcas do Baixo Miño e Vigo), “Un mar de historias” (comarca de Vigo), “Arte e cidade” (comarca de Vigo), “O campo, un mundo de riquezas” (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), “O sagrado na natureza e o control da paisaxe” (comarca do Baixo Miño), “Entre o mar e a terra” (comarca do Morrazo), “As historias dos mananciais” (comarca de Caldas), “Do mar e do viño” (comarca do Salnés), “Terra adentro” (comarca do Deza), “Un tesouro artístico” (comarca de Pontevedra) e “Viño e lamprea” (comarca da Paradanta).

 

Segundo manifestou a presidenta este novo produto turístico trátase dun paso máis na aposta do goberno provincial pola desestacionalización e internacionalización. “As doce rutas propostas poden ser desfrutadas ao longo do ano, pola riqueza e variedade cultural, natural e gastronómica de cada unha delas”, asegurou a presidenta.  En canto á internacionalización, Silva subliñou que o novo produto turístico “pretende reforzar, actualizar, mellorar e adaptar os museos e centros de interpretación a un público máis amplo, diverso e internacional”.  Neste contexto a presidenta detallou que “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” trátase dun “produto aberto, amplo e dinámico, para público nacional e internacional, para a mocidade, para persoas que viaxan soan ou en familia, que permitirá coñecer a provincia a través de doce propostas atractivas asociadas coa cultura, gastronomía, viño, paisaxe e natureza”.

 

As doce rutas propostas que se integran neste novo produto turístico contarán cun espazo na páxina web de Turismo Rías Baixas.  Ao mesmo tempo divulgaranse a través das redes sociais e de folletos individuais para cada unha das rutas que poderán atoparse tanto na web como nas oficinas de turismo.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.58

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.