Domingo, 22 de Febrero de 2026

Redacción / Xornal21.es
Martes, 26 de Febrero de 2019 Tiempo de lectura:
Provincia

Arrinca o programa “Depo Aventura A Lanzada 2019

A Xunta de Goberno provincial vén de aprobar as súas bases reguladoras e o expediente de contratación para a adxudicación do servizo

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar as bases reguladoras do programa “Depo Aventura A Lanzada 2019”, así como o expediente de contratación para a adxudicación do servizo de asistencia técnica desta iniciativa. Trátase dun programa que consiste no desenvolvemento de campamentos de verán no Centro de Vacacións A Lanzada, nos que a rapazada de entre 8 e 13 anos participa en actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas, co obxecto de contribuír ao seu enriquecemento persoal e de facilitarlles coñecer outros lugares e accións fóra da súa contorna habitual.

 

“Depo Aventura A Lanzada 2019” ofertará un total de 2.200 prazas: 1.885 para o procedemento xeral e 315 para menores en situación ou risco de exclusión social. Precisamente este ano aumentan en 15 as prazas reservadas para os nenos e nenas en risco, pasando de 300 a 315. Así mesmo, coma en anos anteriores, poderán participar menores con necesidades especiais, que disporán do persoal de apoio adecuado ás súas características. Os campamentos vanse desenvolver nos meses de verán, entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, en 11 quendas distintas e haberá 200 nenas e nenos en cada unha.

 

Dentro das actividades que se van realizar este ano nos campamentos, farase especial fincapé en darlle visibilidade ás mulleres nos ámbitos profesionais máis asociado aos homes co obxecto de pór en valor o papel de importantes mulleres que lograron e logran fitos nestes campos. Do mesmo xeito, tamén se prestará especial atención ao uso de linguaxes, actitudes ou músicas non sexistas nin discriminatorias de ningún tipo.

 

As familias interesadas poderán presentar as solicitudes a partir do día seguinte á publicación das bases de “Depo Aventura A Lanzada 2019” no BOP da provincia e terán 15 días hábiles para facelo. Por primeira vez este ano, poderán realizar toda a tramitación de xeito totalmente en liña, a través da sede electrónica da Deputación, sen ter que aportar documentación, xa que toda se consultará de xeito telemático. Para poder optar a prazas nos campamentos só hai que cumprir tres requisitos: ter nacido entre 2006 e 2011, ter o padrón nalgún concello da provincia e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa en fase activa.

 

A Deputación de Pontevedra inviste neste programa un orzamento de 248.000 euros. Na pasada Xunta de Goberno provincial iniciouse ademais o procedemento de adxudicación do contrato para o servizo de asistencia técnica educativa de “Depo Aventura A Lanzada 2019”. Aprobouse o correspondente expediente de contratación, así como os pregos de cláusulas económico-administrativas e de prescricións técnicas.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.58

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.