Domingo, 01 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Martes, 09 de Abril de 2019 Tiempo de lectura:
MOS

Medio Ambiente tramita un proxectono Polígono de Mos que prevé mobilizar 8 millóns

A Asociación de Empresarios de Mos, promotora da iniciativa, trasladoulle os detalles á conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita á sede da entidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a tramitar un proxecto singular promovido pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) no parque da Veigadaña (Mos) e que suporía un investimento directo duns oito millóns de euros por parte das empresas implicadas, que gardan relación, fundamentalmente, co sector do automóbil.

 

Así o avanzou durante unha visita á sede de AEMOS para coñecer os detalles da iniciativa a conselleira Ángeles Vázquez, quen estivo acompañada, entre outros, pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o presidente dos empresarios, Manuel Castro. Vázquez subliñou a importancia e o impacto positivo que terá un proxecto destas dimensións para o Concello de Mos. Así, indicou que suporá un investimento directo de oito millóns de euros por parte das nove empresas que, nestes momentos, forman parte dunha operación que tamén prevé a creación de 42 novos postos de traballo e a consolidación de preto de 300 empregos directos na zona.

 

Para atender a solicitude de AEMOS, que xa presentou ante a Xunta de Galicia este proxecto singular a desenvolver na Veigadaña, Vázquez Mejuto explicou que nestes momentos xa se dispón no parque empresarial de 18 parcelas reservadas, cunha extensión total duns 24.000 metros cadrados e superficies de entre 1.245 e 1.985 metros.

 

 

 

 

Para atender as necesidades de solo desta operación, a Xunta xa ten reservadas 18 parcelas no parque da Veigadaña nas que teñen previsto asentarse preto dunha decena de empresas relacionadas fundamentalmente co sector do automóbil

 

 

 

 

O seguinte paso para continuar coa tramitación é que AEMOS presente a documentación oportuna para poder formalizar e darlle o pulo definitivo á operación, algo que ocorrerá, previsiblemente, antes de que remate o verán e que permitirá proceder á declaración do proxecto empresarial singular en A Veigadaña por parte da Xunta de Galicia.

 

Se a iniciativa sae adiante, a conselleira subliñou a importancia que terá para o Concello de Mos e a súa contorna, dada a situación estratéxica do parque respecto da área de influencia de Vigo. Neste sentido, lembrou os incentivos que ofrece o seu departamento a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo e de Xestur para facilitar a implantación de novas empresas ou a ampliación das xa existentes nas áreas empresarias da comunidade.

 

Así, Ángeles Vázquez explicou que, no caso concreto da Veigadaña, existe unha bonificación do 30% sobre o prezo de compra das parcelas dispoñibles no parque á que poderán acollerse as empresas promotoras deste proxecto singular, ou se o prefiren, tamén poderán acceder a este solo empresarial pola vía da adxudicación en dereito de superficie, a cambio do pago dun canon anual simbólico.

 

Solo dispoñible no parque
A este respecto e máis alá da iniciativa que centrou a xuntanza cos representantes de AEMOS, a conselleira de Medio Ambiente explicou que das 83 parcelas coas que conta o parque da Veigadaña e que suman en total preto de 393.000 metros cadrados, só quedarían dispoñibles para a venta 10. Por iso, animou aos empresarios interesados a informarse sobre as distintas opcións e facilidades que pon a Xunta á súa disposición para que poidan acceder en condicións vantaxosas a este solo empresarial.

 

 

 

 

A responsable da Xunta en materia medioambiental lembra que os interesados en participar no proxecto poderán beneficiarse de bonificacións do 30% no prezo de compra dos terreos ou acollerse ao pago dun canon anual reducido que lles permitirá asentarse nas parcelas en réxime de dereito de superficie

 

 

 

 

Cómpre lembrar, neste sentido, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispón nestes momentos de máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo dispoñibles para a venta en polígonos empresariais de toda Galicia, suxeitos a bonificacións do 30 ou do 50%, dependendo do concello no que estean localizados.

 

Estes incentivos económicos concédense con continuidade desde o ano 2015 para reactivar os parques existentes e reforzar deste xeito a economía a través do impulso á actividade empresarial e a creación de emprego. En total, no período 2015-2018 a Xunta bonificou a compra de 1,3 millóns de metros cadrados de solo empresarial, e desde ao ano 2016 adxudicáronse a maiores preto de 150.000 metros cadrados máis na modalidade de dereito de superficie.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.104

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.