Jueves, 05 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Viernes, 02 de Agosto de 2019 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

A Deputación pedirá nun contencioso administrativo que a Xunta rehabilite o Pazo de Lourizán

O recurso chega aos xulgados tras catro requirimentos previos da Deputación de Pontevedra aos que a Xunta de Galicia "nunca deu resposta" aseguran

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou a interposición dun recurso contencioso-administrativo para que a Xunta de Galicia cumpra coas súas obrigas de executar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán. O deputado Carlos Font explicou que “a vía do contencioso chega despois dos sucesivos incumprimentos da Xunta dos convenios que lla obrigan a realizar as obras de conservación do Pazo, e despois de ata catro requirimentos á Consellería sen que nunca houbera unha soa resposta pola súa parte. Polo tanto, dixo o deputado, presentamos este recurso para defender unha xoia pública de todas as pontevedresas e pontevedreses que ven frustradas as súas expectativas de gozar do patrimonio histórico e arquitectónico pola  inacción da Xunta de Galicia.


Font lembrou que a finca de Lourizán onde radica o Pazo, obra de Genaro de la Fuente, residencia de Montero Ríos, inmoble histórico catalogado e ao que os historiadores lle confiren a condición de ser o centro político da restauración española, está cedida durante 30 anos pola Deputación de Pontevedra á Xunta de Galicia por un convenio de colaboración  do 22 de xaneiro de 1991, modificado posteriormente o 21 de xaneiro de 2000, no que se cedeu a finca, e tamén todos os edificios, instalacións e plantacións existentes na mesma. Así, as obrigas da Xunta de Galicia, tanto no convenio orixinal como no modificado, establecen que lle corresponde efectuar as obras de conservación para o mantemento da zona nobre do conxunto.

 

 

 

 

Carlos Font: “Ante os incumprimentos e a falta de diálogo da Xunta o contencioso é a única vía que temos para defender unha xoia pública de todas as pontevedresas e pontevedreses”

 

 

 

 


En base ás medidas legais analizadas polos servizos xurídicos da Deputación, o 10 de maio de 2019 formulouse un requirimento previo á interposición deste recurso, polo que se requiría en forma á Xunta de Galicia a que cumprise coa súa obriga,  “e de novo so atopamos o silencio dunha administración pública que non atende ás súas competencias, que desatende  flagrantemente os seus propios compromisos convencionais e co conxunto da cidadanía”.


Carlos Font cualificou de “incomprensible” a postura do grupo popular defendendo unha proposta de 5 millóns de euros para a rehabilitación do Pazo “co simple obxectivo de lavar a cara a ENCE cando, amais, a avaliación técnica das deficiencias reais ocorridas pola neglixencia da Xunta de Galicia ascende a 14.225.010 euros. É dicir, rematou Font, que non cubriría nin a terceira parte das obras necesarias no Pazo”.  O deputado asegurou que “o certo é que a Xunta de Galicia non deixa alternativa algunha á interposición deste contencioso-administrativo, que chega pola súa desatención, polo incumprimento das súas obrigas, polo seu desprezo aos requirimentos previos desta Deputación e pola súa falta de respecto ao noso patrimonio e á cidadanía”.


Carlos Font quixo tamén recordar como o 30 de maio de 2008, cando o PP gobernaba a Deputación de Pontevedra, oito meses antes das eleccións, o goberno provincial remitiu un requirimento ao entón presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño. “Iso si, dixo Font, ese requirimento perdeuse e desapareceu tan pronto Núñez Feijoo tomou posesión do goberno da Xunta en abril de 2009”. “Agora, rematou o deputado, tras dez años de inacción do PP e cun grupo provincial popular renovado, vemos que nada cambiou”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.108

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.