Miércoles, 28 de Enero de 2026

Xornal21.es
Sábado, 26 de Octubre de 2019 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O Museo acolle os proxectos das catro persoas gañadoras de Novos Valores 2018

As gañadoras e o gañador do certame Novos Valores 2018 protagonizan a exposición homónima que se poderá ver ata o 17 de novembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Branca Nieves Lourés e Lois Búa presentaron os proxectos que realizaron ao abeiro das bolsas de creación artística concedidas pola Deputación de Pontevedra e que teñen como obxectivo posibilitar que as e os galardoados amplíen a súa formación artística.


Xunto elas e el estivo a directora de xestión do Museo de Pontevedra, Sonia Mateos, quen lembrou que "hai un ano que partiron de aquí coa súa bolsa debaixo do brazo para iniciar unha viaxe creativa que culmina con esta exposición", e destacou a vocación histórica da Deputación de Pontevedra "de axudar as e aos artistas noveis, algo que nos causa moito orgullo e que esperamos dure moitos anos máis".


O xurado desta penúltima edición acordara no seu momento premiar a escultura O merecido, de Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982), outorgándolle á súa autora unha das bolsas de 7.500 euros coa que a artista tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a riqueza de matices da cultura de México. Precisamente, da súa estancia nese país xurdiu a instalación Milagritos, que forma parte da mostra aberta desde hoxe ao público.


"A idiosincrasia cultural mexicana aséntase sobre as culturas prehispánicas, o proceso de evanxelización levado a cabo polos colonos españois e a proximidade xeográfica aos EE. UU. O resultado das devanditas confluencias maniféstase dun modo caótico en escenas, cultos, construcións, situacións ou paisaxes nas que os límites que separan o ben e o mal, o belo e o feo, se esvaecen", argumentou Umpiérrez, quen engadiu que a súa obra "é por unha banda unha homenaxe a todos eses estratos que se mesturan, se contaminan e se deforman para conformar a cultura chilanga, e, por outro, unha ofrenda de gratitude por ter a oportunidade de vivir tales experiencias, a través dun espazo que convida ao espectador a relacionarse co espírito e a cuestionarse o efémero das cousas".


A súa proposta componse dunha serie de candelabros artesanais dispostos sobre peañas da súa mesma cor e velas elaboradas na histórica Cerería Jesús da Cidade de México, dando como resultado unha serie de pezas de aparencia continua. Completa a instalación un vídeo que amosa, dentro dunha escenografía a modo de bodegón, unha tradicional vela escamada mexicana consumíndose a tempo a real ao longo dun día.


Pola súa banda, a performance audiovisual My statement fixo merecedora a Noela Covelo Velasco (Pontevedra, 1994) dunha das bolsas Novos Valores 2018 que lle permitiu producir a obra A plañidera e outros contos, unha instalación formada por varias pezas que parte dunha investigación sobre o folclore do futuro e a súa oralidade. "Inclúo unha cruz de Brighid, unha cabina electoral, un carro de transporte e unha pamela. Elementos aparentemente inconexos e que parten de temáticas distintas, pero que se sosteñen en relacion co folclore, e que na instalación se combinan a través da parte sonora", comentou a artista.


Covelo profundou ademais en que o folclore axuda a representar unha idea de pasado común entre quen decide sosterse sobre unha mesma representación da súa cultura. "Desde a miña actualidade enténdoo como unha produción que necesariamente pertence ao pasado, e que foi producida nunha data incerta e transformada aos poucos. E así como a materia se transforma, a nosa linguaxe e o uso da palabra folclore tamén foron transformándose. Con todo, en tanto que pasado, coñecémolo mediante o discurso relatado e escrito, converténdose en carne de tecnificación", apuntou.


Outra das galardoadas na edición 2018 foi Blanca Nieves Lourés Miranda (Vigo, 1994) pola súa obra pictórica Tenrura. Agora presenta na mostra os dous proxectos que realizou ao amparo da bolsa. O primeiro, titulado Vitral, consiste nunha instalación de varios panos pintados e entretecidos, que están colgados de tal forma que se establecen relacións entre eles, o espazo que os rodea e a luz que os ilumina, lembrando o xogo de cor e luz das vidreiras nas catedrais. Doutro lado, Familia constitúe a súa segunda proposta e trátase dunha rede realizada en fío de cobre trenzado á man na que se insire unha serie de pequenas esculturas de árbores realizadas no mesmo material. "Xoga coa idea de rede, de conexión entre formas de vida, do que subxace nas nosas raíces", sinalou a autora.


Segundo confirmou Lourés, neste tempo puido realizar unha investigación sobre a pintura contemporánea empregando técnicas pouco usuais que a levou a centrar a súa liña de traballo no concepto de superficie.

"Considéroo un termo clave na arte contemporánea, capaz de fiar unha serie que vai moito máis alá da pintura, o debuxo ou a escultura. Trátase de cambiar o punto de vista desde a estrutura interna da obra ao seu límite, aquela membrana que separa e á vez comunica a peza co espectador e o seu contexto", apuntou. A bolsa da Deputación de Pontevedra permitiulle tamén gozar de estancias "enriquecedoras" en Madrid, Viena, París e Bilbao, así como participar no IX Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura.


Tras recibir o premio pola súa videocreación Synth-Bios – sobreinformación–, Lois Búa Sambad (Muxía, 1996) presenta agora Zona de vigilância, unha reflexión sobre a tecnoloxía na que fai unha analoxía entre os serafíns e os drons. "Esta comparación serve como medio para pensar sobre a vixilancia continua á que estamos sometidos e para revisar o concepto de Deus", apuntou o artista. Neste sentido, Búa considera que a completa monitorización da nosa vida é a maneira de manter o noso control, pero a nosa información é administrada por múltiples entidades que entretecen unha rede que asegura o noso status quo. "Poderiamos dicir que todo o saber se atopa nesa nube de dados", suxeriu o artista, defendendo que "dalgunha maneira, a humanidade reconstruíu cos seus actos a Deus. En definitiva, co seu proxecto creativo Lois Búa invita ao espectador a cuestionarse "que é Deus na actualidade e cales son os seus intereses".

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.44

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.