Lunes, 09 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Jueves, 09 de Enero de 2020 Tiempo de lectura:
SALCEDA DE CASELAS

Salceda estrea Plan de Igualdade co ano novo

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade da corporación municipal o II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes. A redacción do Plan correu a cargo de Laura Seara, quen foi directora do Instituto da Muller e Secretaria de Estado de Igualdade, ademáis de deputada do Parlamento Galego durante os anos de 2001 a 2009, polo que se parte con un amplo coñecemento sobre a materia que sen dúbida é garante dos mellores resultados.

 

O Plan repártese en dous grandes apartados: por una banda recóllense medidas para aplicar nos diferentes ámbitos da sociedade salcedense (ensino, urbanismo, cultura, deporte, emprego, etc), e por outra banda recóllense medidas para aplicar no propio Concello, e que farán referencia tanto á plantilla municipal e á propia corporación municipal, como ao traballo que se realice dende a administración local. Esta é a principal novidade do Plan, xa que Salceda convértese nun dos poucos concellos galegos, xunto con Coruña e Betanzos, que realizan a diagnose e propostas de actuación internas, aplicadas á propia organización municipal.

 

Así, para a elaboración, realizouse unha diagnose certeira sobre a situación das mulleres do Concello que permitirá, a través de diversas ferramentas participativas, acertar con ditas propostas de actuación. O plan realizouse coas aportacións de representantes do tecido asociativo e educativo do Concello, así como das diferentes forzas políticas con representación no Concello.

 

Seguindo o principio de participación, unha das medidas principais do Plan é a Creación do Consello Municipal das Mulleres, con intención de que sexa un referente da participación local e un referente participativo de Galicia en materia de igualdade municipal. O Consello tomará decisións en materia de igualdade, velará polo asociacionismo de mulleres, elevará propostas e iniciativas ao Concello e outras administracións, garantirá a paridade, coelaborará informes e estará composto pola sociedade civil, a través de asociacións e persoas expertas, e polas persoas con responsabilidade política e técnica da administración local. Actuará como interlocutor ante o Concello e ante calquera institución para o desenvolvemento das políticas de igualdade e contra a violencia de xénero.

 

 Todo o Equipo de Goberno é consciente dos avances experimentados nas últimas décadas ao mesmo tempo que percibe inmensos obstáculos que aínda hoxe persisten e que impiden a participación e o acceso das mulleres á vida económica, social, laboral, cultural, educativa e política.

 

Co pulo a este II Plan Municipal de Igualdade o Equipo de Goberno de Salceda fai público o seu compromiso político para erradicar todas as formas de discriminación e violencia co fin de acadar unha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes desfruten das mesmas oportunidades para desenvolver as súas vidas.

 

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda e responsable da área de Igualdade definiu o traballo como un documento flexible que orientará as políticas municipais nos vindeiros anos cunha implantación que será responsabilidade principal do Concello, sabendo que o seu éxito dependerá en gran medida da implicación dos axentes sociais e económicos da vila, das súas organizacións e asociacións e, por suposto, de toda a cidadanía, nomeadamente as mulleres. Precisamente a alcaldesa quixo realizar un agradecemento especial ás diferentes asociación e entidades que colaboraron na realización do plan. Lembrou ademáis que o plan deberá estar presente en toda a acción de goberno, resultando un documento transversal de aplicación nas diferentes áreas.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.186

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.