

A compañía Air Nostrum aumenta as frecuencias a Valencia desde o 29 de marzo e comezará a operar As Palmas, Alicante, Fuerteventura e Lanzarote, estas dúas últimas do 17 de xullo ao 6 de setembro. En total, case 40.000 prazas adicionais desde Vigo.
A operativa da aeroliña na tempada estival e desde o 29 de marzo vai reforzar a conexión con Valencia, que pasará das dúas frecuencias semanais actuais (venres e domingo) a seis, todos os días da semana salvo o mércores. Do 17 de xullo ao 6 de setembro, o Vigo-Valencia retornará ás dúas frecuencias semanais actuais para recuperar as seis semanais desde o 6 de setembro ao 24 de outubro.
Tamén desde o 29 de marzo, Vigo contará con ruta directa a Alicante ata o 24 de outubro. Neste caso, haberá avións os luns, martes e xoves excepto do 17 de xullo ao 6 de setembro, que se operará os mércores e sábados.
Air Nostrum reforzará as conexións existentes entre Vigo e As Palmas, que hoxe une a compañía canaria Binter os mércores e domingos. Así, a empresa con sede en Valencia ofertará este destino todos os sábados, entre o 29 de marzo e o 17 de xullo e do 6 de setembro ao 24 de outubro.
Máis destinos canarios terán voo directo este verán co aeroporto de Vigo. Entre o 17 de xullo e o 6 de setembro, Air Nostrum unirá a cidade olívica con Lanzarote os xoves e con Fuerteventura os luns e venres.
Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.