Jueves, 15 de Enero de 2026

Xornal21.es
Viernes, 06 de Marzo de 2020 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

“Un muro de paraugas para a defensa da igualdade” no Pazo Provincial

Carmela Silva: “Este é un berro con palabras, porque temos que seguir poñendo e abrindo moitos paraugas que vaian tapando a choiva de desigualdade dos negacionistas que sufrimos cada día”

A Deputación de Pontevedra levantou hoxe no vestíbulo do Pazo Provincial “un muro de paraugas para a defensa da igualdade”. Deste xeito, unha parede simbólica de arredor de 200 paraugas, que teñen escritas preto de 100 palabras de empoderamento das mulleres, conforman a espectacular acción artística coa que a institución provincial conmemorou esta mañá a celebración do 8M. Como sinalou a presidenta Carmela Silva, esta acción constitúe un “berro con palabras pola igualdade” e a obra, que leva por título “A Fortaleza da razón” e está acompañada dunha alfombra floral realizada con camelias pola Asociación Cultural Alfombras de Bueu, ficará desde hoxe e ata o vindeiro 31 de marzo no Pazo Provincial.

 

Despois de colgar da balconada da Deputación unha lona co lema escollido este ano para conmemorar o 8M, “Por nós, por todas”, a presidenta, arroupada por deputadas e deputados provinciais, concelleiros de Pontevedra e representantes de diversos colectivos de mulleres, amosou esta sorprendente e espectacular acción artística. Silva referiuse á importancia das palabras como eixo desta obra e da loita pola igualdade “porque si, as palabras cambian o mundo”. “As palabras teñen un enorme poder porque son as que constrúen o pensamento _afirmou_. Por iso nós cremos tanto na palabra e tamén no feminismo, que sempre loitou con palabras. Non hai ningún só xesto feminista que teña que ver coa violencia, pero si con unha revolución potentísima, que é cambiar o mundo para que todas e todos poidamos ser iguais e ter os mesmos dereitos”.

 

Máis polo miúdo, destacou a obra da artista Irene Silva como “rompedora e dinámica” e lembrou que “fala de mulleres poderosas e libres e da nosa sororidade contra os negacionistas”. “Contra eses _matizou_  que pretenden dicir que non hai desigualdade e que non existe a violencia de xénero. E contra as afirmacións que negan todo o que padecemos as mulleres para acadar os nosos dereitos. Este é o noso muro para a defensa da igualdade na que eliximos como símbolo estes paraugas coa cor do feminismo. Temos moito que loitar, temos que seguir poñendo e abrindo moitos paraugas que vaian tapando esa choiva de desigualdade que sufrimos cada día”.

 

A presidenta fixo referencia a algunhas das palabras escritas nos paraugas e recordou así mesmo unha frase de Aldous Huxley que citaba que “as palabras son máxicas pola forma na que inflúen na mente de quen as usa”. “E nós _sinalou_ queremos palabras que empoderen ás mulleres: libre, dereito, abolicionista, guerreira, científica, investigadora, forte, aguerrida, empoderada... Son palabras que falan do que as mulleres queremos que nos defina”.

 

 

 

 

A creadora Irene Silva é a autora da acción artística que leva escritos “os lemas das nosas fortalezas” e que ficará no Pazo Provincial ata o día 31

 

 

 

 

 

Pola súa banda, Irene Silva, responsable da acción artística, amosouse “orgullosa” por participar nos actos do 8M da Deputación e insistiu en que a obra non é unha “exposición de culto ao uso”, senón “dunha acción artística, e que como toda acción humana é política, porque somos seres que creamos, elaboramos e entendemos os signos e a arte, como linguaxe universal, ten un poder brutal”. “Esta ‘Fortaleza da razón’ xorde do compromiso e da necesidade de expresar claramente a posición na que estamos _subliñou_. Porque están chovendo todos os días argumentos falaces, mentiras, contra a conquista dos dereitos en igualdade. E esa choiva diaria quere empapar as nosas conciencias, pexar o noso avance. Por iso este muro enramado con paraugas que levan os lemas das nosas fortalezas. É unha parede simbólica na que nos facemos fortes e defendemos os dereitos conquistados, e lucimos con orgullo o avance”. Engadiu que na lista de palabras, “están representadas todas as nosas individualidades pero a forza da solidariedade, que unidas nos da o poder de ser libres”.

 

Carmela Silva quixo rematar a súa intervención cunhas palabras da feminista María Vinyals, “a cara visible da Deputación de Pontevedra en igualdade”, escritas en 1917 e aínda plenamente vixentes. “Estou encantada _apuntou_ de que hoxe outras administracións ás que non lles pasaba nin pola cabeza visibilizar ás mulleres ata hoxe, copien as accións da Deputación de Pontevedra. Encántame que isto aconteza e cantas máis persoas se sumen a visibilizar mulleres, moito mellor nos irá como sociedade”. A presidenta dedicou as palabras de Vinyals, que falaban dos dereitos que lles quedaban ás mulleres por acadar en igualdade, da supresión da prostitución ou da emancipación das mulleres, aos negacionistas. “Para que aprendan, para que se formen, para que saiban do que falan _subliñou_. Porque a ignorancia non se pode permitir nos responsables políticos, que teñen que falar con rigor. E os que negan a desigualdade son moitas cousas, entre outras, moi ignorantes”.

 

“Aquí estamos _afirmou_ aquí estivemos, aquí seguiremos as mulleres. Xuntas, porque xuntas somos máis fortes. Que ninguén e ningún pensamento nos debilite e nos desuna. Xuntas as mulleres somos máis fortes e o camiño o faremos máis rápido porque lle guste a quen lle guste, lle desguste a quen lle desguste, a igualdade é o dereito máis fundamental do mundo e esa batalla pacífica coas palabras a imos a gañar a metade da poboación e o queremos facer acompañadas de tantos homes que tamén cren na igualdade. Polas mulleres, por nós, por todas, imos a seguir loitando todos os días do ano. E o 8M é a nosa referencia”.

 

A presidenta provincial rematou anunciando que os paraugas da instalación regalaranse entre as persoas que deixen anotadas no espazo reservado no vestíbulo da Deputación as palabras que as identifiquen, “porque queremos que esta sexa unha instalación viva e cando choiva sigamos movendo a igualdade con estes paraugas”. Amais dos recoñecementos á ex deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, á artista Irene Silva, e á asociación de alfombristas de Bueu que preside Carmen Santos, Carmela Silva lembrou que a provincia de Pontevedra seguirá a traballar por ser unha referencia e por “cambiar dende o local un mundo e un sistema patriarcal, que dana duramente á metade da poboación”.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.191

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.