Sábado, 24 de Enero de 2026

Xornal21.es
Viernes, 29 de Mayo de 2020 Tiempo de lectura:
PROVINCIA

O socialismo da provincia esíxelle á Xunta a creación dun fondo para concellos

David Regades lamenta que mentres outros Gobernos autonómicos transfiren fondos ao municipalismo, Feijoo finxe non ver o traballo inxente dos alcaldes e alcaldesas destes máis de dous meses

Os socialistas da provincia de Pontevedra esíxenlle ao Goberno galego que se poña de inmediato a traballar en liña cos concellos. O secretario xeral do PSdeG-PSOE pontevedrés, David Regades, afirma que tras máis de dous meses dende o estado de alarma xa ninguén ten dúbidas de que a Xunta está “acuartelada” e de que o peso institucional do combate sobre o terreo contra os efectos da pandemia lévano os concellos.


O líder dos socialistas da provincia reclama que se dote de inmediato o fondo extraordinario de 300 millóns de euros defendido polo PSdeG para que os concellos galegos, e, por suposto, os pontevedreses, dispoñan dos recursos necesarios para continuar un traballo inxente, que está deixando aos alcaldes e alcaldesas exhaustos fisicamente e causando “unha auténtica sangría” nas arcas municipais.


“Non pode ser que os municipios estean afrontando en solitario os gastos  extraordinarios co único auxilio económico da Deputación de Pontevedra, que dotou un fondo específico de 1,3 millóns de euros, repartido con criterios obxectivos, e que, ademais, achegou anticipos de tódolos plans sociais provinciais e tamén da recadación tributaria”. “Mentres tanto non hai un só euro a maiores da Xunta de Galicia”.


A xuízo de David Regades a “gota que colmou” o vaso da paciencia dos alcaldes e alcaldesas da provincia é que os 17 millóns de euros do Fondo Social Extraordinario transferidos polo Goberno do Estado a Galicia quedaran “nos caixóns” da Xunta en San Caetano. “Saíu un conselleiro hai uns días a anunciar, graciosamente, que deses cartos só van mandar pouco máis de dous millóns aos 313 municipios galegos e que o resto son para a Xunta”. “Queren solucionar a papeleta repartíndolle unha esmorga aos concellos e, ademais, con cartos do Goberno de España”, reproba. Un feito vergoñento cando o propio Real Decreto do Estado de Alarma deixa ben claro que o Fondo Social Extraordinario debe financiar políticas sociais relacionadas coa pandemia, políticas que en Galicia desenvólvense exclusivamente dende o mundo local.

 

 

 

 

“Os concellos están facendo cousas impensables hai ben pouco tempo e atendendo gastos que corresponden a esta “Xunta acuartelada, que segue ao seu trantrán burocrático”

 

 

 


Para exemplo, puxo os datos do Concello de Vilagarcía de Arousa, no que un 30% das persoas que acudiron aos Servizos Sociais son “casos novos” ou o do Concello de Vigo, que leva  gastados 1,7 millóns de euros en actuacións de auxilio á cidadanía que deberían estar sufragadas pola Xunta de Galicia. “Ou dos moitos alcaldes e alcaldesas desta provincia que ás 8 da mañá están repartindo máscaras de protección pagadas polos concellos e ás 11 da noite, dirixindo traballos de desinfección pagados polos concellos ou repartindo ordenadores a escolares pagados polos concellos”. “Alcaldes e alcaldesas, que cando non son do PP, mesmo teñen que sufrir que esta Xunta partidista e caciquil lles faga oposición”, engade.


Son os concellos, subliña o secretario xeral socialista na provincia, os que están aprobando medidas de apoio económico aos autónomos/as e comerciantes, os que teñen que recibir aos empresarios que lles reclaman bonificacións ou exencións nos impostos municipais. “A Xunta limítase a gastar en publicidade e a trucos, como ofrecer “anticipos sen xuros” das axudas do Goberno do Estado”. Mentres tanto, os alcaldes e alcaldesas enfróntanse á realidade sabendo que “non dan os números” e que resulta imposible rebaixar a fiscalidade municipal sen comprometer o equilibrio duns consistorios “máis exprimidos que nunca”. “En tódolos concellos están facendo cousas inimaxinables hai uns meses e na Xunta seguen coas portas e ventás pechadas, o aire acondicionado a tope e ao seu trantrán burocrático”. “Onde están os cartos da Xunta para irrigar as políticas sociais que só se desenvolven dende os concellos?” “Á parte de amagar con privatizar universidades e poñerlle cita previa ás praias que fan as Consellerías que deberían ser clave na loita contra a Covid19?” “Onde están as conselleiras e conselleiros desaparecidos nestes dous meses?”.


David Regades conclúe que mentres noutras comunidades autónomas apóiase aos concellos con transferencias directas,  Feijoo segue un guión de perfil baixo en Galicia e aposta pola confrontación constante coa Moncloa atribuíndose sen pudor os méritos no control dunha situación sanitaria que mellorou unicamente polo éxito do confinamento decretado polo Goberno de España e pola propia posición xeográfica de Galicia.


O secretario xeral conclúe que o balanzo da colaboración da Xunta cos concellos galegos limítase ao envío duns paquetes de máscaras caducadas e dúas garrafas de lixivia que, aínda por enriba, foron confiscadas días antes nos cuartos de limpeza dos colexios públicos.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.184

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.