Sábado, 28 de Febrero de 2026

Actualizada Viernes, 27 de Febrero de 2026 a las 20:31:00 horas

Xornal21.es
Domingo, 25 de Octubre de 2020 Tiempo de lectura:
TUI

O mural que retrata en Tui o pesadelo das mulleres e crianzas confinadas cos seus maltratadores

A fachada do Pavillón Polideportivo xa loce o reivindicativo deseño que a artista urbana realizou co programa Violencia Zero da Deputación de Pontevedra

A dor, a soidade e a terrible situación que está a provocar a pandemia entre as vítimas da violencia machista combínanse desde esta semana na fachada do Pavillón Novo de Tui onde xa se pode ver o mural que a artista urbana Nana elaborou ao abeiro do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra, ao que puxo o simbólico e significativo título de “Queda na casa”. A presidenta, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coñeceu esta tarde a obra desta muller, experta en deseño urbano e graffiti, que soubo poñer imaxe á situación de terror que viviron no confinamento durante a primeira onda da pandemia as mulleres e crianzas que se miraron obrigadas a convivir pechadas cos seus maltratadores.


O mural, que queda xa como símbolo da loita contra a violencia machista no concello do Baixo Miño, está situado na fachada de acceso ao pavillón polideportivo, mide tres por cinco metros, e amosa unha muller que se tapa os ollos mentres detrás dela a súa casa está ardendo. A artista quixo con este traballo, no que destacan as cores azul, laranxa e vermella, chamar a atención sobre o que supuxo este tempo de pandemia para as vítimas. “Queda na casa é a frase coa que será recordado este 2020, a recomendación para sobrevivir ao virus era permanecer a salvo nos nosos fogares –sinalou Nana–. Pero en moitos casos, lembrou, o fogar non é un sitio seguro. En plena pandemia mundial mulleres e nenas e nenos sofren o terror de ser confinadas cos seus maltratadores e danse tamén novos casos a raíz desa convivencia”.

 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu agradecemento a Nana pola elección do tema para o mural. “Cando estivemos confinadas nos dicían en clave positiva Queda na Casa porque iso era sinónimo de salvagarda da saúde. Pero non ocorría con todas as persoas. Para as mulleres vítimas de violencia era unha condena porque tiñan que estar na casa pechadas co maltratador, 24 horas xunto á violencia más brutal e iso é un drama terrible”. “Este mural ten un enorme valor, dixo, pero co tempo aínda terá máis porque recordaremos que no 2020 houbo unha pandemia onde as vítimas da violencia ademais da pandemia sufriron a tortura do machismo”. A presidenta lembrou as 37 mulleres, “asasinadas das maneiras máis crueis”, no que vai de ano. ”Vivimos unha conmoción pola pandemia global, pero como sempre quen mais padece as consecuencias son as mulleres, e particularmente as vítimas de violencia machista”.

 

Carmela Silva fixo un recoñecemento a Nana, “unha muller poderosa, empoderada, que racha con teitos e estereotipos. Estamos moi orgullosas das artistas que colaboran con Violencia Zero, e no caso da arte  urbana son mulleres cun especial compromiso. É  arte que deixa pegada, dixo a presidenta, que transforma as mentes de quen mira o mural“. Tamén agradeceu ao goberno municipal de Tui que “unha vez máis se comprometera con este programa e coa igualdade”, e rematou cunha mensaxe aos violentos. “Que saiban que non teñen cabida nesta sociedade e que lles imos a gañar a batalla máis pronto que tarde”.

 

Pola súa banda, o alcalde de Tui agradeceu á Deputación que “unha vez máis contase con nós para esta campaña e pola súa loita a prol da igualdade”. Enrique Cabaleiro lembrou que a violencia machista “é unha lacra que nos avergonza día a día, que debe comprometer a toda a sociedade e que o conxunto das administracións teñen a responsabilidade de levar adiante cantas accións e mecanismos sexan posibles”. O alcalde eloxiou o mural de Nana “que ilustra un momento especialmente difícil como foi o confinamento e que para as mulleres vítimas supuxo unha condena engadida polo que temos a obriga de visibilizalo”.  “Ogallá que algún día, dixo, a violencia de xénero sexa un mal soño. Mentres tanto temos moito traballo que facer”.


A de esta tarde en Tui foi a vixésima acción desta quinta edición do programa Violencia Zero da Deputación, despois do seu paso por Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Marín, Gondomar, O Grove, Cambados, O Rosal, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo e Cerdedo-Cotobade. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, poesía, música, graffiti, acción escénica ou danza contemporánea.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.149

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.