Sábado, 07 de Febrero de 2026

Xornal21.es
Viernes, 16 de Abril de 2021 Tiempo de lectura:
O PORRIÑO

O PP acusa á alcaldesa do Porriño de denegar “á desesperada” o pleno extraordinario para “intentar tapar a corrupción”

Alejandro Lorenzo entende que “é unha nova estratexia á deriva” da socialista, coa complicidade do seu socio de Goberno, “para xustificar que nega por quinta vez a celebración dunha sesión reclamada pola oposición”

O Partido Popular do Porriño acusa á alcaldesa, a socialista Eva García de La Torre, de denegar “á desesperada” un pleno extraordinario “solicitado de xeito legal e coas sinaturas precisas”, para “intentar tapar a corrupción do Goberno local”.

 

O voceiro do PP, Alejandro Lorenzo, di que a socialista “está rexeitando o pleno para intentar acelerar pagos irregulares e sen fiscalización”, e impedir que os concelleiros populares defendan o interese xeral e o patrimonio municipal. “A alcaldesa está usando a típica denegación á que recorren moitos alcaldes para intentar retrasar as mocións de censura, alegando que hai garabatos e non firmas e así seguir escapando da grave corrupción que hai na contratación neste concello”, engade.

 

Por iso entende que é unha “nova estratexia á deriva” da socialista, “coa complicidade do seu socio de Goberno, “para xustificar que nega por quinta vez a celebración dunha sesión extraordinaria reclamada polo grupo maioritario na corporación”. Nesta liña, Lorenzo explica que non é a alcaldesa a que ten que convocar eses plenos, senón que é obriga do Secretario da corporación de xeito automático, segundo indica a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local. Ademais, hai tamén unha sentenza do Tribunal Supremo do 12 de febreiro de 1990 que sinala que as dúbidas que poida ofrecer a identidade dos asinantes non pode servir de base para denegar a convocatoria da sesión.

 

Con todo, o popular recorda que a alcaldesa “céntranse en falar de garabatos pero non din nada do contido do pleno”. Así, a intención dos populares coa convocatoria deste pleno extraordinario era falar das reclamacións sobre facturacións, sen contrato algún, fraccionada e manipulada, sobre servizos de actos culturais e de festas pendentes de pago por importe de 200.000 euros e feitas a dedo, facturas que ningún funcionario municipal conforma e que, a pesar diso, a alcaldesa certifica que os servizos foron realizados.

 

 

 

 

A Lei Reguladora de Base de Réxime Local non prevé que a alcaldesa poida denegar a convocatoria, é o secretario da Corporación quen ten a obriga de efectuar a notificación

 

 

 

 

Tamén se incluían os incumprimentos de contratos de diferentes alugueres, que suporán ao Concello do Porriño costas e intereses, “omitindo unha vez máis a alcaldesa as súas funcións e a sabendas dos incumprimentos”.

 

Ademais, co rexeitamento deste pleno, o PP considera que a alcaldesa non quere que se modifique a base 18 do orzamento municipal, “xa que é a base que lle permite que, habendo partida orzamentaria, pode levantar os reparos do servizo de facturación e, deste xeito, leva pagados xa 12 millóns de euros co reparo de intervención”.

 

A maiores, “tampouco quere que se revisen as nóminas da alcaldesa, xa que a pesar das súas ausencias por enfermidade continúa cobrando o 100% da nómina mensual, nada que ver co que lle ocorre ao resto de cidadáns”.

 

Por último, a solicitude do PP tamén reclamaba que se revisasen de oficio as facturas dunha empresa cántabra, “contratada a dedo pola alcaldesa”, e que facturou máis de 3 millóns de euros en dous anos despois de que a propia empresa asegurase que ese prezo foi consensuado coa Alcaldía.

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.186

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.